martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

As festas da España profunda

O director teatral salmantino Alfonso Zurro non dubida en afirmar que a sociedade española segue a deformar a realidade e segue a ser, polo tanto, "totalmente esperpéntica". E o filósofo Rafael Argullol manifesta que a apoloxía da incultura que hai en España non se atopa en ningún outro país do mundo. Xulguen vostedes. Porque, ao fío de todo isto, bate o noso pensamento coa realidade dunha boa parte das festas españolas que teñen lugar, maioritariamente, na época do verao. As festas, como ben ditamina Henri Bouché, constitúen a liberación dunha forza vital particular que permite rememorar as raíces, a identidade e os valores dunha comunidade, e engade o profesor que a festa harmoniza as antigas formas da vida da ética: a pracenteira, a práctica e a contemplativa. E así é. Mais non sempre. Porque tamén hai festas "tradicionais" que nacen da incivilización.

Acaba de celebrarse, por exemplo, a Tomatina de Buñol, unha "festa" que custa 90.000 euros, incluída a Tomatina infantil, e que consiste en guindar, uns contra outros e durante unha hora, máis de 160 toneladas de tomates. A tal Tomatina está considerada como Festa de Interese Turístico Internacional e, como é lóxico, non lle fai graza ningunha á Federación Española de Bancos de Alimentos, porque, entre outras cousas, non ten sentido producir comida para logo tirala.

Mais se falamos de festas da España profunda, temos que referirnos, sen dúbida ningunha, a aquelas máis bárbaras, pois arredor duns 70.000 animais bovinos son obxecto festivo de diversión cada ano, sendo que o número de festexos populares que inclúen touros non baixa de 15.000. Touros perseguidos, golpeados e torturados en encerros, prazas e rúas, todo un espectáculo de dor e de maltrato ao que asisten, moitas veces atónitos, numerosos nenos obrigados e ensinados a seguir a "tradición". No ano 2018, vaia un dato, celebráronse en España 369 touradas e o número de touros executados polo "matador" de oficio atinxe como media os 10.000 anuais.

E non son só touros. En distintas festas da España profunda, coa relixión tamén presente, inclúense actos populares e salvaxes con animais, sexan estes pavas, gansos, cabalos ou ratas; como a coñecida, no caso destas últimas, "Batalla das Ratas" (El Puig, Valencia), todo un evento, dedicado a San Pedro Nolasco, que consiste en lanzar ratas mortas entre a xente. A España negra resiste.

As festas da España profunda
Comentarios