Opinión

Mondoñedo

EU TEÑO afirmado en diversas ocasións —e é algo que no tempo se renova e avivece en min— que estou unido a Mondoñedo por un fío máxico sutilísimo que se creou na miña nenez, seguramente nalgunha das visitas que meus pais realizaron á Vilamaior do Val de Brea, ou Valibria, formas toponímicas do Mondoñedo antergo que eu descubrín por primeira vez, azares bibliográficos os meus, nunha obra do R. P. Fr. Henrique Florez, Tomo XVIII dun Theatro Geographico de la Iglesia de España, referido ás igrexas "britoniense y dumiense, incluídas en la actual Mondoñedo". E folga dicir a este respecto que houbo na miña familia quen realizou estudos no Real Seminario Conciliar de Santa Catarina, máis coñecido hoxe como Seminario de Mondoñedo. E todo son boas lembranzas.

Mais Mondoñedo, sempre presente en min, foi tamén motivo ou razón frecuente de conversa co meu inesquecíbel irmán maior, amigo de ‘pura cepa’, Manuel María, outro namorado da episcopal, nobre e leal cidade de Mondoñedo, como el mesmo refería. Cando eu vou a Mondoñedo, unha e outra vez, sempre se iluminan na miña saudade os versos perfectos mindonienses do autor de Advento, cos que eu me identifico como se partillase co poeta de Outeiro de Rei un mesmo rumor de asombro e percepción sobre o espazo admirado e sentido.

Fala Manuel María, referíndose á vila de Leiras e de Cunqueiro, dunha "íntima, inmóbil e silenciosa Mondoñedo", "pálida camelia", "feita de luz, nostalxia, seda e soño". E lembra o poeta, agora referíndose ao Mariscal Pardo de Cela —puro laio melancólico que é como unha chama ardente que non cesa—, que "hai sombras que sempre nos asombran e alboradas que non volven nunca máis". Palabras xustas e salaiantes do poeta sempre necesario.

Hai uns días, neste outono de luz por veces enxoita e sarmentosa, volvín visitar Mondoñedo, porque sempre hai que retornar ao mansío ou relanzo que nos ofrece a Fonte Vella. E fun respirar o ar silandeiro do claustro da Catedral, ese cadrado perfecto de vinte arcos con cruceiro gótico do XV no centro. E alí, nese espazo de fascinante transparencia espacial, fixen miñas aquelas palabras de María Zambrano que dan conta dun silencio diáfano no cal se produce a pura presenza. Pedro Pardo de Cela, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Cunqueiro e Manuel María foron alí presenzas encantadas e benqueridas que iluminaron o tempo ao que eu sempre regreso en Mondoñedo.

Comentarios