domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Patriotismo de bandeiras

Existe, sen dúbida, un patriotismo de bandeiras que se usan e se poñen e se quitan, bandeiras de cinto e de pulseira, de insignia e de marchamo

NUNCA FUN eu, debo recoñecelo, moi partidario de portar ou exhibir bandeiras. Aínda que tamén é certo que, sendo eu adolescente, con 16 ou 17 anos, poñía a bandeira galega nun balcón da miña casa na pequena vila de Cospeito canda a celebración das denominadas festas patronais; e era, a miña, a única bandeira galega naquela altura que se exhibía deste xeito en toda a vila.

Mais o certo é que, con posterioridade, a miña relación coas bandeiras foi a menos, sen dúbida, aínda que sinto respecto por todas aquelas persoas que as converten en símbolo patriótico e as usan e as levan e as axitan ao vento cando o consideran conveniente; e ese respecto vese acrecentado, por suposto, cando se trata de bandeiras de pobos oprimidos, de patrias humildes ou de nacións sen Estado que as usan como símbolos de afirmación existencial, como visualización simbólica dunha defensa particular e identitaria fronte a formas emblemáticas de vellas oriflamas imperialistas de bandeira imposta e superior.

Eu lembro un poema de Ismael Serrano, cantautor madrileño, que en dous versos, escritos no ano 2007, define perfectamente o acontecido estoutro día na praza madrileña de Colón, convertida esta nun mar de bandeiras españolas "rojigualdas", que en moitos casos, frenéticas e afervoadas, eran exhibidas por organizacións políticas de extrema dereita ou directamente fascistas como Hogar Social, Falange Española de las JONS, Democracia Nacional, Alternativa Española, España 2000 ou Vox. Os versos de Ismael Serrano din exactamente así: "Ruido de patriotas que se envuelven en banderas,/ confunden la patria con la sordidez de sus cavernas". Xulguen vostedes.

Existe, sen dúbida, un patriotismo de bandeiras que se usan e se poñen e se quitan, bandeiras de cinto e de pulseira, de insignia e de marchamo, que proliferan como cogomelos e que "avisan" dunha posición patriótica determinada, tantas veces asociada a un narcisismo grupal que se Freud vivise hoxe non dubidaría en describir como unha forma de patoloxía individual e social. Como resulta ben visíbel, na dereita e na extrema dereita española existe unha caste de narcisismo de bandeiras que non é outra cousa —o pai do concepto foi Havelock Ellis en 1898— que unha tendencia por estar enteiramente absortos na admiración de si mesmos, na súa patria exclusiva e superior. "Patrias de nailon", que deixou dito o poeta Mario Benedetti.

Patriotismo de bandeiras
Comentarios