lunes. 27.09.2021 |
El tiempo
lunes. 27.09.2021
El tiempo

Traballadores pobres

Os traballadores pobres en moitos casos chegan a considerar que o seu estado de precariedade forma parte connatural, ou ordinaria, da súa relación co sistema social e vital

A COMISIÓN EUROPEA acaba de presentar unha directiva destinada a garantir que os traballadores da UE estean protexidos por salarios mínimos adecuados que permitan unha vida digna onde quer que traballen. Ou dito doutro xeito: a Unión Europea constata a día de hoxe a existencia de "traballadores pobres", porque xa con datos previos á pandemia en pouco máis dunha década a pobreza dos traballadores aumentou en Europa en máis de 1 punto porcentual. En realidade, na UE, con datos anteriores á pandemia, practicamente un 10% dos traballadores xa eran pobres, e no Estado español esa cifra superaba xa o 13%, o que se traducía en 2,5 millóns de traballadores afectados.

¿Mais que acontece na actualidade? Segundo datos recentes da fundación Foessa, o 16,4% da poboación empregada en España xa presenta unha situación de pobreza obxectiva (sumando pobreza relativa e severa), e as consecuencias da crise sanitaria e económica actual superpostas ao estado previo á pandemia —os traballadores pobres veñen de lonxe— poden desembocar nunha verdadeira calamidade. Convén non esquecer que no 2008 e no 2010 houbo un forte recorte de prestacións laborais e, unido isto ás reformas producidas en contra dos traballadores, o resultado foi o establecemento dunha clase media empobrecida e a emerxencia de fogares conectados, por inmediatas privacións materiais, directamente coa pobreza.

É deste xeito como, xa dende anos atrás, se pon en circulación o que algúns especialistas denominan "in work at risk of poverty rate" (IWP), que non é outra cousa que o cada vez máis actual, e naturalizado, "risco de pobreza no traballo". E hai que insistir no de "naturalizado", porque existe unha narración neoliberal dos problemas sociais e da pobreza, tanto institucional como mediática, que tende non só a banalizar esta realidade senón tamén a facela, en certa maneira, tratábel e mesmo, in extremis, expansiva.

Os traballadores pobres, en moitos casos, e dadas as circunstancias, chegan a considerar que o seu estado de precariedade forma parte connatural, ou ordinaria, da súa relación co sistema social e vital. E a pobreza, consentida en todas as súas formas polos poderes políticos, chega a funcionar como un mecanismo de dirección social. En definitiva, a pobreza e os traballadores pobres son realidades inaceptábeis, e combater esta forma de inxustiza é un dos deberes da humanidade.

Traballadores pobres
Comentarios