Opinión

24 de febreiro

A investigadora Sagrario Abelleira non sabe quen son e, sendo sincero, eu tampouco souben desta muller antes do 2021. Nese ano, fixo un descubrimento pequeno, pero capaz de mudalo todo; ao tempo que derruía unha parte da miña narrativa vital. Non tiven máis remedio que desculpar á investigadora por ter coñecido e divulgado a verdadeira data de nacemento de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, e non o 24, o día que compartimos como aniversario xuntos tanto tempo.
Manolo Caracol
photo_camera Manolo Caracol

Ata hai pouco máis de dous anos, en tan sinalado día do meu calendario persoal, Rosalía de Castro, Steve Jobs mais eu celebrabamos xuntos o pagano acto de apagar as candeas sobre a torta de nata e chocolate trufado. Así ata, curiosamente, acadar tantos anos como o día propio do mes, 24. Xérame rabia aínda hoxe este feito, esta perda, porque creo que así como a conxuntura dunha persoa determina as súas posibilidades, hai algo ancestral na data de nacemento que nos confire as virtudes e consecuencias daquilo acontecido no día en que te aluman. Agora, privado dun espírito galego de tan forte calado, deambulo orfo procurando encher o oco que deixou Rosalía, pescudando a relevancia dunha figura así.

Nesta viaxe cronolóxica cara a ese pasado que inflúe como din que fai a cúpula celeste da noite en que naces, determinando así o teu horóscopo e un feixe de cualidades, debería determe na mañá do luns 24 de febreiro de 1997, nun piso dun edificio cun número que xa non recordo na rúa Pintor Pacios, de Lugo. Alí, no segundo andar coa primeira letra do meu primeiro apelido, unha muller comezaba a ter contraccións con maior intensidade cando o reloxo pasaba das 10 da mañá. Dalí a unhas horas, ela sería miña nai. Nunha das intensas contraccións que anunciaban a miña chegada, a embarazada arrincou un radiador da parede coa forza que lle confería resistir a dor. Anteriormente dera a luz e estaba convencida de que pasar horas de máis nun hospital era un trámite innecesario para o feito de parir. Ao tempo, esgotado por insistir, o home que deu en ser meu pai só podía ver na televisión o filme Mans de seda, unha comedia italiana dos anos 60 sobre o inventor dun cristal blindado antirroubos.

De xeito irremediable, nacín horas despois. O radiador xamais volveu a estar no sitio que lle acomodaran de obra, o filme non foi pasado de novo por ningunha canle de televisión e o meu pai nunca chegou a saber o final, o que lle pasaba ao amnésico inventor co seu interese amoroso e, máis importante, cos ladróns frustrados. Pese a todo, pese ao íntimo, esta é solo unha das historias que me levan a crer que eu son a data do meu nacemento e as súas circunstancias, que diría Ortega y Gasset. O primeiro 24 de febreiro do que se garda constancia como un feito histórico tivo lugar en Asís, en Italia. Alí, no ano 1208, unha voz faloulle ao fillo dun rico comerciante sobre unha misión, unha loita de fe. Francisco de Asís afirma que nesa data escoitou por vez primeira a voz de Xesucristo dando orde de que comezara coa expansión e conversión ao cristianismo. Este santo, primeiro sacerdote, fundou a Orde Franciscana, as Irmás Clarisas e unha terceira orde seglar, promulgando en todas os principios dunha vida austera e sinxela.

O século XVI foi importante para a data sinalada. Case 300 anos despois de Francisco de Asís, Cristóbal Colón fundou Santa María de Belén, na costa de Veraguas, en Panamá. Esta foi a primeira aldea da coroa de Castela e Aragón –por extensión histórica, de España–, en todo o territorio continental americano. Logo dun mes asentados, os homes de Colón secuestraron numerosos indíxenas e o 16 de abril foron expulsados de novo á Península. En 1524, o papa Clemente VII outorgoulle á Inquisición de Aragón o poder xurisdiccional sobre o pecado da sodomía, é dicir, sobre as prácticas sexuais diferentes do coito con fin reproductivo. Como engadido extra, este permiso legal permitía que o tribunal católico incluira na saca calquera feito desa natureza, aínda que non supuxera herexía. O 24 de febreiro de 1956, naceu tamén Judith Butler, filósofa estadounidense e mente fundamental no campo do feminismo e a teoría queer, unha voz clave na interpretación dos corpos, o sexo, os roles e o xénero na actualidade.

O compositor Claudio Monteverdi, figura clave na transición da música cara o drama lírico desde o coro, estreou no mesmo día do segundo mes do ano 1607 L'Orfeo, unha das primeiras pezas en considerarse como ópera. En 1711, Händel continuou a tradición musical e fixo o debut de Rinaldo, a súa obra mestra, en Londres. Tamén Unamuno, en 1909, levou a cabo o seu debut dramático, A esfinxe, en Las Palmas. Nese mesmo ano, en Brighton, preséntase ao público por primeira vez o cinema en color.

Johann Ambrosius Bach, o pai do xenio musical Johann Sebastian Bach, naceu o 24 de febreiro de 1645 e morreu nese mesmo día 50 anos despois. Pese a ser tamén compositor, non se conserva del ningunha partitura nin noción da súa calidade artística. Tamén en Alemaña, século e medio despois, naceu Wilhelm Grimm, a meta dos irmáns Grimm, lingüistas e mitólogos alemáns que deron forma a moitos dos contos populares en Occidente. Nesa data exacta, en 1989, o aiatolá Jomeini ofreceu 3 millóns de dólares de recompensa por dar morte a Salman Rushdie, autor de Os versos satánicos, recentemente víctima dunha brutal agresión case letal.

A este lado do mundo tamén lle deron forma as revoltas de 1848 en Francia, que comenzaron o 24 de febreiro e deron na fuxida borbónica para rematar co seu reinado no país. Case 70 anos despois, en 1917, outra revolta rematou en rebelión militar en Petrogrado, dando lugar á Revolución Rusa e a abdicación do zar Nicolás II, o derradeiro. O poeta revolucionario cubano José Martí comezou tamén nesta data, en 1895, a guerra de independencia da súa illa de España. Curiosamente, 63 anos despois, no mesmo día, comezou a transmitir Radio Rebelde, a difusora dos guerrilleiros de Fidel Castro. O 24 de febreiro de 1922, Adolf Hitler mudou o nome do seu partido a Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán e proclamou o seu programa de 25 puntos, que levou ata o Holocausto. Só 15 anos despois, a Unión Soviética prohibía no mesmo día o envío de tropas voluntarias á Guerra Civil española. En 1960, morre o psiquiatra Antonio Vallejo Nágera, coñecido como o doutor Mengele español pola súa participación nas torturas e depuracións euxenéticas no franquismo. Nesa mesma data, 14 anos atrás, Evita Perón convertíase en primeira dama da Arxentina.

Antonio Tejero e Milans del Bosch son detidos no 24 de febreiro de 1981, logo de intentar dar un golpe de Estado, o mesmo día que Deprisa, deprisa do recentemente falecido Carlos Saura gañaba o Oso de Ouro no Festival de Berlín. Oito anos antes falecía na repetida data o cantaor flamenco Manolo Caracol, un dos grandes renovadores folclóricos do século XX. Os nacementos do cantante Pablo Milanés, da actriz Emmanuelle Riva, do compositor Michel Legrand, o futbolista Rafael Gordillo e o boxeador Floyd Mayweather crúzanse no 24 de febreiro cos falecementos do filósofo Mario Bunge e da científica espacial do Apolo 11, Katherine Johnson, ou co lanzamento de WhatsApp e o comezo da actual Guerra de Ucraína en 2022. A humanidade enteira reúnese nesta data, claro que iso xa o sabía o papa Gregorio XIII, que anunciou o calendario gregoriano, tal día como o sinalado, en 1582, para dar forma ao tempo como o coñecemos e, de xeito simbólico e pasado, a min mesmo por cada 24 de febreiro.

Comentarios