Opinión

Blanche DuBois baila tecno

O contrario a un clube ou unha discoteca non é unha casa, unha biblioteca ou unha prisión. Con moita facilidade os antónimos constrúense por oposición porque, de feito, trátase diso. Pero hai outro xeito de atopalos, un máis retorcido e menos semántico. Por exemplo, o contrario ao lume non é a auga, é a ausencia de lume. Polo que o oposto a un clube é un coche circulando por unha estrada solitaria en Castela e León. Seino porque estiven en ambos lugares.
Raffaela Carrà. EFE
photo_camera Raffaela Carrà. EFE

NA ETERNA recta de asfalto que conecta Galicia con Madrid e atravesa o particular océano Atlántico amarelo que para min sempre son as provincias castelás e leonesas, comecei un repaso mental por mor de que a folla de decembro pase demasiado axiña no calendario. As listas de compras e agasallos mézclanse con outras máis persoais nesta época, esas outras sobre o que gustou e marcou o transcurso das semanas. Con motivo da mala música que captaba a radio do coche, deille forma ao conxunto de discos que atravesaron o meu 2023.

Nun ano de excepcionais traballos como os de Jessie Ware, Mon Laferte, Ralphie Choo, Janelle Monáe, Lana del Rey ou Amaarae, cuxo Fountain Baby paréceme o mellor álbum do ano, non fun quen de apartar nas últimas semanas o debut de Romy, quen durante anos agochou un talento individual como integrante e vocalista do grupo The xx. Que posibilidades existen de que formes parte dunha banda clave do rock alternativo da pasada década e remates estreándote como unha promesa da electrónica? Todo queda concentrado en Mid Air, un disco de menos de 35 minutos sobre como vivir esta existencia efímera entre clubes.

Máis aló da capacidade de Romy e o resto de produtores para crear bases, ritmos e compases pegadizos e repetitivos, pero cheos de osíxeno; permanece unha sensación que vai en dirección contraria. As estrofas énchense dunha forma de poesía lixeira que pode ser facilmente malinterpretada como sinxela, pero chegar ata os sentimentos universais supón un traballo que ben pode ser por un esforzo de empatía inxente ou unha visión plena do que é o ser humano.

Modernizando a clásica liña de Blanche DuBois en Un tranvía chamado desexo, "Sempre dependín da bondade dos estraños", Romy vén de crear un álbum para todas aquelas personas que agardan entre cancións unha mirada cómplice ao outro lado das discotecas. Deste pequeno fío comecei a tirar nesa longa viaxe castelá ata comprender a importancia dos descoñecidos e a diversión nocturna para a formación das persoas, as súas paixóns e os seus anhelos.

O mundo da noite foi inxustamente catalogado como perigoso. Certo é que as maldades saen á vista cando a escuridade reina, pero tamén outras experiencias que son as que se recordan sempre cando se busca explicación ao sentido de estar vivo. Pode alguén desfacerse voluntariamente desas veces nas que se atopa ollos recíprocos que miran non só mirando senón devorando? É útil medrar sen coñecer o tacto duns beizos que nunca volverán estar aí? Chega alguén a crer por completo na bondade dos estraños se non marcha á casa doutra persoa levado polas emocións, as ansias e unha dose de medo?

Durante moito tempo atopei absurda a frase "bailar as penas" como sinónimo de proceso para superar un problema, ata que xa non o fixen máis. É posible mover o corpo seguindo un ritmo ao tempo que o mundo interior se magnifica para recuperar a visión clara, a posibilidade de pasar páxina e queimar o libro.

Desplazar lentamente as cadeiras resulta estar ligado de xeito íntimo coas caricias no torso recibidas no pasado; golpear a cabeza como Raffaella Carrà cando rompe un beat conéctase co recordo duns brazos que te collen pola espalda e un bico que comeza a continuación na caluga para avanzar con vontade polo pescozo. Bailar é, en certo modo, repetir movementos para desfacerse deses membros pantasma doutra xente que xa non están arredor do teu corpo.

Romy comprende o moito que ocupa o pequeno espazo entre dous corpos que se aman desde un lugar creado pola tristeza de quen ten agardado a valentía allea. Neses centímetros de indecisión ou non correspondencia caben todas as profecías catastrofistas sobre o pecado non efectuado. "Cando era máis nova/ Deixeite de lado nos brazos doutra persoa/ Agora perségueme nas noites/ Xa van anos intentando quitarte do cerebro", reza Romy na canción Twice.

Nas pistas de baile caben os desexos efímeros e as formas de amor completas que desde moitas institucións da moral e a fe queren negar. Existen relacións que non duran máis que a noite ou a madrugada, que contan coas cantidades necesarias de paixón e romanticismo para recuperar a fe, para sentirse desexado e atopar no físico rutinario un aliado en lugar dunha diana. En non poucas ocasións os ollos que máis ven en ti só o fan unha vez.

Cando aínda os carteis indicaban que a viaxe duraría un chisco máis, deume por pensar nesa outra figura que queda atrapada na noite e non se despega dos clubes. Esa criatura que ergue as mans en cada canción, que se perde a si mesma en cada barra. Gustaríame que respondese unha soa pregunta: En que pista de baile deches os pasos equivocados?

Comentarios