Debuxar unha casa

'Ca-Co-Flex!'. AEP
Na infancia, un dos exercicios comúns na escola é debuxar unha casa. Fóra de diferenzas en base a cor ou estética, a forma final da idea compónse dun cadrado grande e un triángulo enriba, algunha fiestra rectangular, a porta e outros detalles.

Sería interesante pedir tamén que debuxen ao propietario para ver se son eles mesmos.

Na mesma semana en que o Ministerio de Vivenda do Goberno de España anunciou o teléfono de información 047, no patio de butacas do teatro-matadoiro Gustavo Freire xuntáronse dúas das faccións máis opostas da sociedade galega contemporánea: a tardomilenial posuniversitaria e a boomer meritocrática. É dicir, a parte arrendataria e parte propietaria no tocante ao sector inmobiliario. Asistiron en conxunto á estrea da obra Ca-Co-Flex!, da compañía Alomais e con texto de Isa Fernández, recente gañadora do XX Premio Abrente para textos teatrais da MIT de Ribadavia. Uns quedaron ao rematar para comentala, outros liscaron sen mirar atrás. Eu, como espectador involucrado, recomendo que non a perdan.

Vestido de comedia e empregando referentes comúns da vida arrendataria, Isa Fernández concebiu esta obra como un texto sobre a non-vivenda. Na apertura da peza, varios recortes xigantes de cartón distribúense polo escenario. Son pezas dun fogar por construír e para o cal non hai instrucións. Os personaxes permanecen nese limbo madurativo que supón procurar un lugar no que asentar para vivir e que ese espazo che sexa negado.

O cartón é un elemento base da obra porque condensa un triple significado. Por unha parte, é o material co cal os mendigos constrúen o seu refuxio. Outro, segundo a autora, refírese a arquitecturas efémeras como as construcións de catástrofres en Xapón ou a Village en Carton ideada en 1968 por Guy Rottier como cidade temporal da Contracultura. Finalmente, tamén as vivendas modulares da nosa época economízanse empregando cartón comprimido na materia base.

Logo dunha introdución simbólica cun globo que estoura, como esa burbulla inmobiliaria que ronda á economía, comeza a sucesión de estampas a un tempo surreais e fidedignas. Pasando polo alugueiro de baldosas e camas quentes, chégase ata a realidade dos requisitos para firmar un contrato. Esaxeran na obra cunha árbore xenealóxica como parte do papeleo, pero eu mesmo tiven que falar das orixes comarcais da miña familia para convencer nunha ocasión de que era alguén fiable.

A vivenda como dereito nese artigo 47 da Constitución que agora é un teléfono, metáfora aparte, é un elemento manso e pasivo. Garantízase, pero quen garantiza? Quen entrega ese conxunto de paredes que funciona como punto de partida e de ancoraxe vital? A ningún filósofo contemporáneo se lle escapa que o retraso estatístico –casamento, nacemento, independencia, concentración de capital– ten como causa a falta dun espazo propio. Sen a posibilidade de lograr un fogar de seu, para que progresar? Para que aspirar a máis?

O texto de Isa Fernández recolle con sorna dúas correntes subxacentes na crise da vivenda. A estandarización da precariedade e a reconceptualización da necesidade. A primeira delas exprésase, por exemplo, no feito de que en Ibiza aluguen caravanas como casas para traballadores ou que familias enteiras vivan nunha habitación, algo prohibido por denigrante e inhumano. Estas prácticas asimílanse rapidamente e danse por normais dadas certas circunstancias. A segunda corrente é máis perversa. Trata sobre os novos relatos que pretenden resignificar a realidade con outros nomes e centrándose no positivo. Dicir coliving no canto de compartir piso ata os 35, e que isto sexa algo moi divertido. Ou saír da túa zona de confort vivindo lonxe do traballo, sen calefacción ou servizos mínimos.

Na miña experiencia como inquilino tiven varios momentos dignos de ser teatro. Lembro o armario rematado con papel de agasallo nadaleiro –no interior podíase ler Merry Xmas– dun piso de estudantes. Tamén aquel home que apareceu para arranxar un problema eléctrico e quedou teso no chan do corredor ao tocar un cable. Home que era, como non, o propio arrendador. En Portugal ducheime un mes con potas de auga quentada na cociña porque se negaban a cambiarnos a caldeira, mención honorífica á semana que pasamos sen luz nese piso. Mobles que nunca apareceron, buzóns selados, cuartos de baño delirantes, peaxes para visitas con pernocta.

Por iso, cando o elenco de Ca-Co-Flex! toma o risco de parodiar aos propietarios como vítimas e trasladar vivencias tan frecuentes ao escenario, o sorriso transfórmase en risa non só por recoñecerse aí, senón para quitarlle peso a unha situación dificilmente tolerable. Con todo, a maior valentía tómaa a personaxe que interpreta a propia Isa Fernández. Ela contravén o pacto de perdedores cos seus eternos compañeiros de piso ao dicir que, no caso de poder, non seguiría alí con eles. Ese é a amarga mensaxe. Todo o que non é solución, é supervivencia.

O último tramo da obra eleva o seu discurso e sinala os fondos voitre, avogando ao mesmo tempo pola acción directa para finalizar o asunto. Pese a que a empatía non é cara, o público avellentado non quedou a debater na porta do teatro. A mocidade atopouse, compartiu a súa experiencia como nun grupo de terapia e regresou á casa, con sorte, en propiedade.