El tiempo
jueves. 01.12.2022
El tiempo

Hércules intermitente

Alcei a vista durante a segunda volta que lle daba correndo ao parque de San Diego, un novo para min ao que me debo adaptar nesta etapa vital que é mudanza, e recoñecín o cheirume que había no aire. Procedía de dous silos. Era cemento en po, o mesmo que carguei en sacos tantas veces e cos que axudei a facer fogar. Agora procuro outra casa, pero na cidade herculina. Imaxino que recibe ese nome porque atopar un teito habitable na zona debe ser un dos doce traballos de Hércules, de dificultade similar a matar a hidra de Lerna ou domar o touro de Creta.
escalera

Nos ocos entre ditos labores entrégome a esta busca labiríntica, da que me despexo escoitando a outros falar directamente no meu oído. Fronte ao silo de cemento, entregueime a Cada capa de la atmósfera (Spotify), un ensaio sonoro sobre o humano, o mundo, os animais e o que hai no medio.

A artista musical María Arnal e o investigador José Luis de Vicente xuntáronse para recadar as experiencias e pensamentos daquelas persoas vencelladas desde o intelectual e o obreiro a eidos tan dispares como a apicultura, a astrofísica ou o luthierismo. Entre todos compuxeron este texto oral que se expón no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona nunha instalación, experiencia similar ao formato podcast no que o divulgan.

A primeira cuestión que lanzan esquécese axiña pero serve de porta a un pensamento flexible, esixente. "Quen quere nacer humano?". É preciso esquecer a construcción cultural e científica aprendida e asumida, alomenos durante os minutos de cada episodio, para poder chegar ás respostas posibles.

Nas diferentes mitoloxías do mundo e no tocante ao espiritual, a teriantropía, a transformación completa ou parcial dun humano en animal, é unha constante. Máis aló de lobishome e formas derivadas noutros territorios –home tiburón en Oceanía, home tigre en Asia, home chacal en África–, imaxinar unha fusión vantaxosa con outras especies aumentaría as capacidades humanas ao tempo que recoñecería as nosas limitacións.

As limitacións dos nosos sentidos e a afirmación constante da superioridade da nosa especie lévannos a caer na idea de que somos, en termos curtos, o gran animal

A conformación da sociedade presente fíxose –e faise día a día– coa intención de disimular e mitigar as nosas fallas. Non podo evitar pensar en como sería a nosa concepción da natureza tendo, por exemplo, os ollos do colibrí, capaces de ver máis aló do espectro cromático coñecido e de apreciar o vermello ou o amarelo ultravioleta. Como tería afectado isto á obra de Gauguin ou Hilma af Klint?

Máis aló do infantil desexo de ás para voar, quen non querería para si unhas pernas de guepardo coa sua velocidade, a visión nocturna dos gatos, o olfacto do oso polar capaz de cheirar a 20 kilómetros, as papilas gustativas que posee o peixe gato por todo o seu corpo? E no eido da utilidade real, non precisa o humano da capacidade rexenerativa do calamar ou o lagarto que sacrifican un apéndice por supervivencia para logo recuperalo?

As limitacións dos nosos sentidos e a afirmación constante da superioridade da nosa especie lévannos a caer na idea de que somos, en termos curtos, o gran animal, o que domesticou o pensamento e a intelixencia. Isto alónxanos da verdade, da convivencia no mundo de millóns de intelixencias animais e percepcións de realidade que se complementan e dan conta dunha aínda máis complexa existencia común. Nas dimensións ás que non chegamos pero outras criaturas si, hai coñecemento inaccesible para nós e común para a besta.

Isto leva directo á segunda cuestión presentada no ensaio sonoro. "É máis fácil imaxinar o fin?". É máis sinxelo imaxinar que algo vai rematar que buscar a supervivencia na colaboración entre especies e co medio natural? Era máis sinxelo imaxinar que o océano era un enorme silencio a que o ser humano puidera ser practicamente xordo baixo a auga? A resposta parece apuntar cara o si.

O pavor, o medo, proveñen da nosa extinción. Moitas das demais especies quedarán logo de nós sen dar conta nin rexistro do acadado como planeta

Os cachalotes posúen o máis complexo sistema fonador dos cetáceos. Baixo o mar emiten un clic, como chascar os dedos, e nese segundo de duración indican a ubicación, tipoloxía, tamaño ou información sobre unha presa, ou outros datos para un receptor que igualmente comprende esa linguaxe. Pero para o oído humano só hai silencio. Os sentidos, como se sabe desde a Grecia Clásica, precisan da razón para explicar sen caer en enganos.

Xa non abonda con rachar o esquema proposto no Xénese bíblico –e que perdura ata a actualidade– de que os animais e o resto da natureza están a dispor das persoas como no xardín das delicias, o antropocentrismo. É preciso empregar as múltiples intelixencias e salvagardalas, porque neste proceso de cambio climático haberá renovación de especies e non destrucción absoluta. O pavor, o medo, proveñen da nosa extinción. Moitas das demais especies quedarán logo de nós sen dar conta nin rexistro do acadado como planeta.

Porque de ser máis sinxelo imaxinar o fin e os preparativos para iso, non deberamos pensar na supervivencia e aínda así acontece. Porque, como expón a terceira e última pregunta do ensaio, "se quixeramos volver comezar, por onde empezaríamos?". Como sociedade, o primeiro paso sería desbotar relatos como o Canto da Sibila ou a Apocalipse de San Xoán e refundarnos con novos mitos para novas realidades, con espazo a mudanza, futuro e esperanza.

Quizais nestes novos mitos os heroes serían tales por non precisar de misturarse con animais, capaces de recoñecer as súas limitacións naturais e de escoitar os mares, aprendendo así doutras intelixencias como se propoñía en Solaris. Quizais nestes novos mitos Simbad non desexe voltar ás illas, Ulises chegue axiña a Ítaca para cear e un novo Hércules, coas intermitencias dos seus traballos mundanos, atope un fogar entre o cemento e o mar.

Hércules intermitente
Comentarios