Tenis ou divorcio

Lily Allen. AEP
Uns amigos marcharon a Nova York de viaxe invernal. Enviáronme un vídeo sobre o que botaban na televisión

Uns amigos marcharon a Nova York de viaxe invernal. Enviáronme un vídeo sobre o que botaban na televisión. Lily Allen cantaba en Saturday Night Live mentres a actriz Dakota Johnson interpretaba á amante do seu marido, xa ex.

Lily Allen vén de divorciarse e contalo no seu último disco, West End Girl, gravado en dúas semanas e un dos mellores traballos musicais do 2025. A británica retorna ao catálogo de novidades despois de 7 anos de silencio e unha diversificación do seu talento en sectores tan distintos como o teatro ou a pornografía amateur de pés. Anunciou por sorpresa o lanzamento do álbum vestida como unha monxa, fumando nun vídeo hipnótico, absolutamente francés. Catro días despois, Allen contou cantando toda a verdade sobre a súa separación.

A bossa nova pop que dá nome ao disco abre o relato. Na pista West End Girl, a inglesa confesa que o edificio mercado pola parella en Nova York foi pouco a pouco converténdose nunha prisión. Unha propiedade carísima, privativa incluso para eles, pero dun gusto exquisito e que se viralizou na rede por unha entrevista coa revista Architectural Digest.

Ao pouco de mudarse, Allen recibiu unha chamada fundamental na súa carreira á deriva. Un produtor teatral do West End, o Broadway de Londres, pensara nela para protagonizar a obra 2:22 A ghost story, pero debía volver á capital inglesa.

O matrimonio intentou salvar a distancia e o cambio horario. Non así, a confianza mermaba e na noite da estrea, o marido envioulle flores cunha nota. Bromeaba, ou así o interpretou ela, dicindo que se obtiña demasiado éxito non podería soportalo. Allen recibiu ovacións e varios recoñecementos, así que a profecía tornouse certa. Durante unha chamada, a voz do home disparou unha pregunta: Abrimos o matrimonio a máis xente?

Afirmativo, respondeu a esposa, e o matrimonio estableceu normas. As relacións con terceiros debían ser esporádicas, sempre con persoas descoñecidas, actuar con discreción e, de ser preciso, con pagos mediante. Con todo, o si de Allen só viña condicionado polo pánico a perder a única parella do seu historial que non resultaba un desastre, un cumio de borrachos, un trauma fondo ou o inicio dunha nova adición. Quería o seu home e temía ser abandonada de novo. Aclara que tamén empregou a apertura da parella, aínda que fose só para calmar a dor de ser desprezada.

Pero, quen é o marido? A resposta é tan popular como inesperada. O actor David Harbour, recoñecido polo seu papel na serie Stranger Things, que se atopa na súa recta final logo dunha década de éxito. A coincidencia non existe neste caso. Allen escolleu o tempo da xustiza para ventilar verdades.
A súa angustia plásmase nas primeiras pistas do disco, nas que rumia pensamentos e preguntas entre eternas conversas, pero o ton muda por completo con Tennis. Nesta canción, Lily Allen plasma sen filtro un reencontro logo de semanas sen ver a Harbour. O actor amósalle unha foto en Instagram agarrando o teléfono de modo estrano. Despois a soas, ela revisa as mensaxes do marido e atopa algo máis que sexo. Unha rapaza chamada Madeline é a súa nova parella de tenis. Xa xogan xuntos.

A cantante envíalle unha carta ao seu home contándolle o que sabe, a ruptura do seu pacto, e el dálle a volta ao relato acusándoa de lercha. Allen pasa de cantar Who the fuck is Madeline? (Quen carallo é Madeline?) a falar directamente coa involucrada na pista Madeline. A letra evidencia as dúbidas da autora, que se ve vella e fea, incapaz de crer unha palabra de David Harbour, insegura sobre o amor do esposo cara a ela e se mantiveron relacións sexuais na casa de ambos, ou se falou dela coa amante.

A fractura interna en Allen é clara en Relapse porque ameaza con recaer nas súas adicións e perder o progreso dunha vida enteira. Aquí, a cantante reconecta con quen foi e nomea as dúas fillas do seu anterior matrimonio, que miran cara á nai preguntándolle que é o amor. Non podía tomar como exemplo a seus pais.

A cantante é filla dun dos cómicos máis criticados das illas británicas, Keith Allen, aínda que medrou só con súa nai, separada ao non tolerar máis alcolismo e maltrato. A moza amosou axiña dotes musicais e habilidade como instrumentista, polo que decidiu o seu camiño. A comezos do século XXI, a música británica non pasaba por un bo momento e Estados Unidos conseguía impoñerse. Ata que certo son londinense comezou a espallarse polas radios e ampliar a súa base. O primeiro gran exemplo é Frank de Amy Winehouse.

Nesa vaga de cantantes a medio camiño entre pop, r'n'b e hip hop, Lily Allen atopou estilo. Tocou teito global co seu debut Smile e o segundo álbum correu a mesma boa sorte, que xa non repetiría de tal xeito ata o presente. Cando a fama chegou, tamén o fixeron as drogas e as adiccións, os ingresos en centros de rehabilitación e clínicas de saúde mental, polémicas diversas polo consumo de prostitución e titulares sobre fracasos amorosos e abortos. Lily Allen foi diana de prensa e fábrica de noticias en parte tamén pola súa lingua afiada. Nas súas memorias My thoughts exactly recolle algún deses momentos, como a súa aventura con Liam Gallagher ou o seu trastorno bipolar.

A tristeza desaparece en West end girl para dar paso a esa Lily Allen máis cómoda na rabia. Dedícalle Pussy Palace ao picadeiro do seu marido, o seu piso de solteiro que insistía en manter como un dojo no que adestrar. Logo de romper a súa relación, deixouse caer por ese apartamento para saber o que acontecía alí. Atopou unha caixa con cartas de amantes molestas, sabas en remuíños, cabelos longos e unha bolsa con lubricante, esposas, centos de preservativos e xoguetes sexuais. Comprende que casou cun sátiro e comeza a velo como un 4chan Stan, similar a un usuario de ForoCoches.

O absurdo apodérase da vista de Lily Allen. O absurdo, o gran e único poder capaz de revertir o amor e deixalo a cero. Non doen as mentiras, senón o ridículo pola inocencia e caer nun engano como un neno pequeno. Pasea sen vergoña pola beira da súa ira no tramo final do álbum, con xoias como Nonmonogamummy ou Dallas Major, ata tomar a rampa de despegue cara a aceptación e a paz como peche definitivo.

Lily Allen sábese parte de problema e non realiza un exercicio de vinganza, senón que dirixe o seu enfado tamén cara a si mesma. Por iso, esta é música de divorcio vai máis lonxe do desamor. Opta por contar a verdade para quebrar finalmente o ciclo de ambos, o bucle dos malos vicios, e que prefería desfacer a través do amor. "Ti es un desastre/ Eu son unha lurpia", canta nos últimos segundos, para despedirse do problema e dun novo fracaso que intentou evitar. Agora, xa sen parella, mudou o tenis polo frontón para poder xogar soa.