Opinión

Mapa de estradas cara á Apocalipse

Durante os últimos 15 anos, un home almorzou cada mañá cos seus colegas científicos no comedor do Santa Fe Institute como un membro máis da súa comunidade. Enchía o seu prato con ovos rancheiros e comezaba o día. Pola tarde, escusábase para marchar cedo á casa para pasar tempo co fillo pequeno. Desde esta semana, a cadeira nesa mesa, a do escritor Cormac McCarthy (Estados Unidos, 1933-2023), quedará baleira e o mundo seguirá xirando.
Cormac McCarthy
photo_camera Cormac McCarthy

Cormac McCarthy era unha criatura a medio camiño entre mito e persoa, un silencio prolongado durante décadas no que a especulación sobre a súa historia e percorrido deformou cada anécdota. En certo modo, o escritor calaba ante a prensa para que falase por si mesma a súa narrativa. Logo de máis de cinco décadas de escrita, quedan 13 novelas, dúas obras de teatro e pouco máis para dar conta dun dos maiores talentos das letras dos Estados Unidos.

McCarthy foi con frecuencia agrupado con Philip Roth, Don DeLillo e Thomas Pynchon como os autores que redefiniron a narrativa norteamericana desde os anos 60 ata a actualidade. Para todos eles pedían e piden o premio Nobel de Literatura, pero o marcador continúa a cero de momento. No caso de Cormac McCarthy, a súa capacidade para retratar crueza e angustia no horizonte do futuro humano fixo que destacase por enriba doutros moitos outros desde o primeiro momento. Por iso mantivo ata o final ese pulso irremediable co retrataba a maldade, a materia que atravesa todo o seu traballo. McCarthy soubo que podía escribir cando na universidade, nun dos momentos que pasou na institución, recibiu o encargo de catalogar unha serie de ensaios do século XVIII por parte dun dos seus profesores. El, que ingresara na facultade para estudar Física e Enxeñería e así tamén evitar o mundo laboral, atopara unha habilidade oculta ata para si mesmo. Este feito non tiña sentido, non gardaba correlación cos seus antecedentes familiares; aínda que estaba en equilibrio coa súa existencia individual.

O escritor naceu en Rhode Island, pero os seus pais mudáronse a Knoxville, unha cidade en Tennessee, coa suficiente precisión como para partir a vida infantil dun neno e forzalo a reiniciar por completo. Alí, a paisaxe era húmida e o ambiente moi empobrecido en comparación. Naquel momento durante os anos 40, o Sur dos Estados Unidos estaba completamente desfigurado polos terrores de H.P. Lovecraft, os dramas de Faulkner, o pasado derrotista do bando confederado na Guerra Civil e a dominación da secta católica do Ku Klux Klan. McCarthy era un neno que non se amoldaba ao seu tempo e tiña intereses intelectuais, preguntas fondas e difíciles. Non atopou correspondencia nunha familia que gardaba tradición de chamar a todos os homes Charles, o verdadeiro nome do escritor. Como símbolo de rebeldía adulta, McCarthy optou máis adiante por elixir Cormac como identidade en referencia a un dos máis grandes reis supremos de Irlanda, coñecido por emitir grandes xuízos grazas a unha cunca de ouro que rompía cando escoitaba tres mentiras e que se recompoñía ante tres verdades. De paso, tamén evitaba ser comparado cun ventrílocuo da época chamado igual.

O escritor entrou na Universidade de Tennessee disposto a aprender cuestións científicas do seu interese, explicacións do mundo principalmente, pero trocou as aulas polo campo de batalla para servir aos Estados Unidos na Guerra de Corea. Foi destinado a Alaska. Aburrido e abandonado nesa esquina do planeta, McCarthy leu o seu primeiro libro voluntariamente. Contaba 21 anos e, por influxo, comezou a escribir para matar o tempo. Ao retorno da fronte bélica, quixo insistir na formación universitaria e non tivo éxito de novo. No seu interior, el xa decidira que o seu oficio sería o de escritor. Algúns biógrafos afirman que nesta época McCarthy viviu nunha torre de perforación petrolífera e foi vagabundo, pero só está confirmado que intentou estudar Filoloxía Inglesa ao tempo que publicaba relatos na revista estudiantil do campus, varios deles premiados. Canso de todo, marchou a Chicago e alí casou en 1961 cunha compañeira de clase, á cal arrastrou de volta a Knoxville. Logo de ter un fillo, McCarthy esixiu á súa esposa que atopase un emprego a maiores de coidar do pequeno e do fogar, xa que el debíase en exclusiva á súa literatura. A muller marchou da casa, volveu a Wyoming, solicitou o divorcio e comezou a dar clase nun instituto. Como consecuencia, McCarthy tardou máis en escribir O gardián do verxel, a súa primeira novela, por coordinar o seu oficio co traballo de mecánico. Foi publicado polo editor de Faulkner, que rapidamente atopou conexión entre ambos. Desde entón, a carreira do autor supuxo unha cadea de supervivencia a base de becas para escritores e traballos sen paixón para continuar publicando tiradas que non chegaban ás 2.000 unidades vendidas. Era un escritor que encandilaba á crítica, pero alleo para o gran público.

Logo de publicar en 1985 Meridiano de sangue, considerada a súa primeira obra mestra, a súa vida mudou. A ficción sobre o western atopara un novo cumio, pechándose así unha tradición literaria para abrir unha nova e máis escura, desamparada e catastrófica, unha dramatización da violencia. A orixe é McCarthy. Con Todos os fermosos cabalos, unha obra máis tenra e branda, o autor convértese nun fenómeno de ventas. Traslada o foco á fronteira con México e atopa o seu propio espazo literario, onde moldear unha nova mitoloxía baseada nunha realidade degrada polo sangue, a indignidade e a tristeza. McCarthy concede entón a súa primeira entrevista e móstrase contrario a ter amizades literarias, vivir no mundo cultural ou relacionarse con Hollywood máis do debido.

Cormac McCarthy era, ante todo, un curioso existencial e nada amigo do exceso vanidoso das artes. Ingresou no Santa Fe Institute con máis de 50 anos para formar parte do equipo multidisciplinar que deu lugar ao novo paradigma da ciencia moderna: a teoría dos sistemas complexos. Era un gurú do pensamento no grupo de investigación porque abordaba e deseñaba xunto aos científicos, a xente que si lle merecía respecto, un Proxecto Manhattan á inversa co que aplazar a apocalipse humana. A súa gran última obra logo de Non é país para vellos foi A estrada, un exemplo que concentra e depura todas as características da mellor literatura de McCarthy. Conta a historia dun pai e un fillo sen nome que queren chegar á praia seguindo un camiño dun mundo masacrado. A idea naceu da súa segunda paternidade con case 70 anos, impulsado por un novo tipo de vínculo e afecto.

Cormac McCarthy gardou silencio editorial durante 16 anos ata 2022, ano no que viron a luz simultaneamente dúas novelas que están interconectadas e levaban 40 anos no prelo. Nese tempo, as noticias sobre a súa suposta vida eran frecuentes e en varias ocasións anunciouse o seu falecemento. O diario Los Angeles Times, nun momento de contaxioso rumor en 2016, titulou: "Non, Cormac McCarthy non morreu. É demasiado duro para iso". Agora a prensa que se le no comedor onde almorzaba a diario indica o contrario.

Comentarios