Unha nai feita de asfalto

Poucos coches como aquel circularon por ese mesmo camiño. No seu interior, Jack Kerouac e os seus compañeiros beat trazaban a viaxe que daría lugar a Na estrada, historia icónica dos Estados Unidos.

A LENDA conta que a canción (Get Your Kicks On) Route 66 animou o escritor a percorrer esa Ruta 66, emblema de liberdade.

Se o bucólico e a natureza nostálxica teñen servido ao longo dos séculos como fonte de inspiración para artistas tan diferentes, tan afastados en estilo como no tempo, as distintas paisaxes da era industrial tamén posúen ese mesmo efecto. Portos, polígonos e fábricas, minas, contornas urbanas, vilas abandonadas e factorías, vertedoiros e suburbios. Pero se se trata de procurar un símbolo tan filosófico como básico, nada supera a trascendencia das estradas. Desde as calzadas romanas ata o presente estas vías operaron como elementos esenciais para o progreso, a aproximación de culturas e a posibilidade de ver mundo, ou fuxir del. Cúmprense 100 anos dun mito tan vivo como inerte, a Ruta 66.

En Chicago, na intersección entre Michigan Avenue e Jackson Boulevard, pódese atopar un sinal de tráfico de tamaño normal, cor marrón e letras brancas. Aí se indica o arranque máis oriental do trazado que remata no peirao de Santa Mónica, en California, case catro mil quilómetros despois. No medio, os desertos rochosos altérnanse con vilas de neón, po suspendido no recordo dun pasado mellor e certas paisaxes marcianas. O asfalto serve de guía. Primeiro foi para a esperanza, despois, para a liberdade.

Por orde xeográfica, a estrada atravesa Illinois, Missouri, Kansas, Okla-homa, Texas, Novo México, Arizona e California, aínda que varios tramos xa existían antes da construción desa vía. O camiño, apodado A rúa principal dos Estados Unidos nos anos 30, aséntase sobre os sendeiros dos primeiros habitantes do continente e inclúe vieiros dos pobos nativos americanos, sendas das expedicións de conquistadores españois, rutas migratorias de bisontes e os seus cazadores no século XVIII e tramos establecidos por comerciantes europeos e colonos a partir do ano 1800. Cando se fala desa liña conéctase tanto o territorio como as capas de historia forzadas a coexistir.

A Ruta 66 inaugurouse cun telegrama enviado desde St. Louis para bautizala como tal, pese a que o nome resultou un dos primeiros problemas. Dúas estradas semellantes xa foran asignadas cos números 60 e 62, cifras que desexaba tamén o comité impulsor desta nova vía. Intuían que a redondez do número tiña capacidade de influir no éxito. Chegaron ata o 66, sonoro e fácil de lembrar.

Pese a estar rematada, tardarían doce anos en pavimentala e convertirse na primeira estrada federal totalmente asfaltada nos Estados Unidos. No proceso, a grava e a terra compoñían un trazado descrito como perigoso nalgún tramo, tanto que os habitantes de certas vilas cobraban a viaxeiros por conducir aquelas curvas.

O primeiro gran fito cultural que alimentou a Ruta 66 chegou logo do Crack do 29 e o afundimento económico. A Gran Depresión asolagaba o país e, ao mesmo tempo, unha serie de grandes tormentas de area impactou contra múltiples estados. A explotación agraria tan agresiva no pasado secara os terreos e a acción do vento tiña como resultado esa catástrofe, que se traduciu en anos de seca e vendavais de terra. Denominaron ao periodo Dust Bowl, é dicir, Tazón de Po.

A poboación sumiuse na pobreza e ante a ameaza da fame, máis de 3 millóns de persoas tomaron a iniciativa de deixar os seus fogares para buscar futuro. California era o paraíso prometido debido a un clima favorable para a agricultura e a nova industria. Con todo, as vilas e cidades medias no camiño ata o océano Pacífico comezaron a recibir a estes migrantes, que pasaron a nutrir os núcleos que rodeaban a Ruta 66. Chamáronlles Okies porque gran parte deles proviña de Oklahoma. Daquel tempo e contexto extráese a durísima historia que narra John Steinbeck en As uvas da ira.

"A 66 é o camiño dun pobo en fuxida, refuxiados do po e da terra cada vez máis pequena, do estrondo dos tractores e da diminución da propiedade, da lenta invasión do deserto cara ao norte, dos ventos retortos que ululan desde Texas, das inundacións que non traen riqueza ningunha á terra e rouban a pouca que hai. De todo isto a xente foxe, e métese pola 66 polos camiños laterais afluentes, polas vías dos carros e os camiños rurais cheos de fochancas. Son as cousas da distancia, dos camiños e das gabias adxacentes. A 66, o camiño nai, o camiño para a fuxida", describe o gañador do premio Nobel na súa novela.

A ambos lados da vía erguéronse gasolineiras e moteis, restaurantes, novos servizos que transformaron a idea frecuente dunha estrada. Nacía a experiencia de viaxar e experimentar o propio. Unha nova vaga de migración cara a California sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial, xa que a industria militar e armamentística reforzou a súa actividade e a proliferación de bases do exército preto da ruta, importante canle para o transporte desa prezada mercancía.

A bonanza económica nos Estados Unidos permitiu ás familias medias acceder ao turismo e así espallou a súa lenda a Ruta 66, que desde ese momento iniciaría unha era autoparódica centrada no consumo. A costa californiana espertaba interese polas súas praias e estilo de vida, pero no camiño tamén se podía gozar das vistas e as paisaxes, como o Gran Canón do Colorado ou o deserto de Arizona. Xerminaron os hoteis temáticos de inspiración india nativa, as lendas sobre foraxidos do Far West e a gastronomía bruta: filetes xigantes, racións titánicas, alimentos como combustible. A nova tradición.

Na Ruta 66 consolidáronse dous dos símbolos da cultura estadounidense: a velocidade e a liberdade. Así, á beira da estrada naceu a comida rápida, como o primeiro McDonald’s en San Bernardino, ou o primeiro restaurante con servizo de recollida en coche. Precisamente, o automóbil encarna a identidade total e funciona en dupla con esta estrada. Motos, camións e diferentes modelos de bólidos fundían a experiencia de soldados, migrantes, agricultores, comerciantes, familias e turistas nunha conexión absoluta.

A música operou de amplificador da mensaxe libertaria, case como un chamado ao espírito rebelde a través daquela liña de asfalto. O cantante Nat King Cole axudara a popularizar a estrada co tema (Get Your Kicks On) Route 66, versionado por Chuck Berry, os Rolling Stones ou Depeche Mode. Tamén Johnny Cash ou Willie Nelson desde o country e posteriormente Eagles, Bob Dylan, Bruce Springsteen, Wilco ou U2, que elixiu Joshua Tree como nome e portada do seu disco máis exitoso.

A cultura rock vencelleuse ás motos, ao coiro, á liberdade e a unha nova masculinidade de posguerra que prolongaba a xuventude, incitaba ao individualismo e á rebeldía. E se ben un filme como Grease non se centra na Ruta 66, a estética e a representación social casan co momento rockabilly da estrada. Grandes coches, grandes soños, mulleres loiras, teas plásticas e brillantes. Unha vida salvaxe baixo os solpores do deserto, sobre a recta eterna de asfalto, libres de ataduras antigas, cheos de posibilidades.

En 1956, a Ruta 66 e outras similares da rede nacional reciben unha dura nova. O presidente Eisenhower acababa de aprobar unha lei de autoestradas interestatais que acurtasen o tempo de desprazamento notablemente. A inspiración proviña de Europa. No tempo da Segunda Guerra Mundial e aínda como xeneral enviado ao vello continente, Eisenhower quedou abraiado polo sistema Auto-bahnen de estradas en Alemaña. Estas vías permitirían aumentar a velocidade e conectar extremos sen paradas, ao tempo que axilizarían os tempos de actuación do exército en caso de precisarse.

Ao ano seguinte, en 1957, o escritor Jack Kerouac publicou Na estrada e o espírito beat tomou o país. Estados Unidos topa consigo mesmo. Unha era marcada pola perda dos valores tradicionais, a introdución da droga, o reinado da mocidade e o incremento da tensión política entre bloques, previo á Guerra de Vietnam. Kerouac creara un manual de vida e experiencia límite; os imitadores non tardarían en chegar.

A segunda gran novela da Ruta 66, logo de Steinbeck, precedeu a outras como Medo e noxo nas Vegas de Hunter S. Thompson; Carteiro, de Charles Bukowski ou L.A. Confidential, de James Ellroy. Con todo, o tempo outorgou ao texto de Kerouac unha categoría diferencial. Literatura e asfalto como un só elemento.

Na década dos sesenta, a obra de Kerouac foi adaptada á televisión co nome Ruta 66 nun intento por revitalizar a vía, esta vez desde a óptica cultural. Un recén graduado da universidade de Yale, procedente dun ambiente de riqueza e privilexios, e un vividor máis á moda e con máis actitudes propias da Xeración Beat cruzaban o país montados nun Chevrolet Corvette convertible. Disparáronse as ventas do modelo ao tempo que resignificaron a estrada como o último vestixio do home libre tipicamente de Estados Unidos.

Sen dúbida algunha, o cine capturou mellor que ningún outro medio a esencia tanto do paisaxe como da identidade da Ruta 66. Aquelas luces e cores, que marabillaran tanto a Georgia O’Keeffe como para asentarse e pintar no deserto, tomaron vida no celuloide a través dos westerns e un puñado de dramas. A dilixencia, Río Grande, Centauros do deserto, A conquista do Oeste, O Dourado, Dous homes e un destino, O tren das 3.10, Mil xeitos de morder po, A balada de Buster Scruggs, A morte tiña un prezo.

O pasado mitolóxico de indios nativos, sheriffs e cowboys domesticaron e adestraron a retina do espectador a unha contorna moi particular, familiarizando tamén certo carácter propia desa xeografía. E despois do vaqueiros, chegaron os rebeldes, a súa evolución natural.

Se ben o western non fala directamente da Ruta 66 salvo en honrosas excepcións, si que aproximou ao gran público o escenario de títulos afastados e tan dispares como Thelma & Louise, Paris Texas, O demo sobre rodas, Kill Bill, Pequena Miss Sunshine, Forrest Gump, Café Bagdad, Rain Man, Cars ou Estrada perdida de David Lynch, gravada nun hotel do Val da Morte.

Con todo, os filmes que captan e elevan o espírito da Ruta 66 ao máximo son Estrada asfaltada en dúas direccións e, especialmente, Easy Rider, de Dennis Hopper. Esta road movie presenta a idiosincrasia absoluta asimilando tanto o movemento hippie como a rebeldía do motorista e a crise identitaria do país.

A carón da estrada medraron as novas autovías, incluso sobre o seu propio trazado, e os municipios nacidos e enriquecidos grazas ao tráfico iniciaron un declive incesante ata hoxe. Novas migracións sucederon e a Ruta 66 caeu na desgraza, case inútil e sobrevivindo como un vestixio. Foi formalmente desmantelada en 1985 e descatalogada polo goberno.

Precisáronse o paso das décadas para reivindicar esa liña de asfalto como un elemento fundacional da cultura estadounidense. Fortes movilizacións de concellos e investimentos de centos de millóns de dólares lograron revivir o valor turístico e cultural da Ruta 66. Hoxe en día, os neóns brillan de novo no deserto, xigantes metálicos reciben viaxeiros na entrada de restaurantes de enormes costilletas e hamburguesas, hoteis repintan habitacións de temática Far West. Ruxen motores e gástanse os neumáticos buscando a nova liberdade.