Opinión

Obstáculos no solpor

Deixar Coimbra ás costas cara ao sur de Portugal significa unicamente que durante os próximos quilómetros a paisaxe vai permanecer case estática, volvéndose máis seca e pobre a medida que a distancia ao mar é menor. Por outra parte, deixar Coimbra sempre é triste.
Unha cala do Algarve
photo_camera Unha cala do Algarve

Nesta ocasión, as vacacións foron en Lagos, o Algarve. Esta rexión portuguesa vive no limbo do imaxinario colectivo entre o naturalmente salvaxe e a masificación turística, ou nunha referencia constante aos seus accidentes xeográficos. É dicir, o Algarve é o que o interlocutor considera porque carece dunha identidade marcada. Era a segunda xornada de viaxe ata alí, unha travesía en coche, e asaltoume a primeira pregunta deses días de relax: é o desprazamento un trámite ou parte do propio descanso?

Co paso das horas e a rotación do planeta sobre si mesmo dando lugar a noites e días, concluín que a viaxe só forma parte das vacacións cando esta é de volta, porque é preciso alongar o momento do eterno retorno ao laboral. Pero antes da claridade de pensamento, asumín a difícil tarefa de descansar e forcei ao corpo a facelo, co telón de fondo das vacacións familiares.

Durante o proceso de chegada a Lagos, cruceime co papa Francisco I nunha área de servizo, ou polo menos iso elixo crer. Estaba, como mínimo, o seu coche branco coa matrícula SCV1. Un modelo decepcionante e á altura económica de moitos petos, unha figura do seu calibre debera viaxar na versión moderna dun carro de pegasos. Logo de que un grupo de policías altamente armados reiniciaran a marcha ante fervorosos rapaces da JMJ e a miña nai, nós fixemos o mesmo.

A aparición de sucesivas rotondas e beirarrúas para descampados indicou que xa estábamos nunha sorte de paraíso que se viste de auténtico ao tempo que reparte terreos a quen esaxere máis a súa oferta. A urbe de Lagos fóra do casco histórico ten a forma que o turismo dos anos 70 deixou no mapa, avenidas de dúas direccións con palmeiras ao bordo e cambios de sentido que alongan a travesía innecesariamente.

O hotel de apartamentos, ese concepto de hospedaxe híbrido, foi mellor do pensado e axiña as maletas quedaron abertas para deixar nas escaleiras o rumor de quen fuxía cara unha piscina, única fonte de calma nun ar por enriba dos 35 graos. Italianamente, fixen aparición nesa forma análoga do Parlamento Europeo que son as zonas comúns dos hoteis do sur do continente.

Non moito máis tarde, fixemos unha parada de rigor nun Continente para encher de comida o fogar improvisado. Ir mercar nun país alleo sempre garda esa forma de voyeurismo ás neveiras de toda unha nación, fala dos costumes e as necesidades alimenticias, fala da porcentaxe de froita tropical que se pode consumir e a inexistencia do tomate fritido. Non recordo máis daquela xornada, nin a cea nin os soños durante a noite nin a presión da ducha.

O seguinte que sei que aconteceu foi o mesmo que nos vindeiros días: sol e claridade. As mañás repartíanse entre as moitas praias visitadas e as distancias prudenciais a todas elas. Os areais do Algarve son como a vida romántica das miñas amigas, un xogo alterno entre longas praias sen personalidade e pequenas calas de difícil acceso, pero diferentes e con identidade propia. Para favorecer a misión de descanso, quedei co sinxelo porque o esforzo por atopar 4 metros cuadrados de area a menos de 30 metros da auga non pode ser unha aventura en si mesma.

Cando o aburrimento e o desgaste polo paso das horas entre area chegaban, mudábamos de medio acuático e a piscina volvía a min como o único capaz de erradicar o salitre e os restos pringosos de crema do meu corpo, gradualmente máis torrado. A pequena marca de moreno do meu traxe de baño foi transformándose así na cicatriz que deixou o tempo de descanso á altura da cintura.

Recordei, por certo, que a miña animadversión cara os ingleses de vacacións non é maior que a que sinto cara certos animais salvaxes que estropean o duro labor humano. A capacidade dun home británico bébedo para molestar nunha piscina nunca debe menosprezarse. Entendín á perfección a necesidade constante dese país por manterse en guerra ou inventarse algunha. O conflicto vai na súa cultura tanto como o ridículo.

Naqueles días, calquera forma de civilización quedou reducida ás poucas visitas a vilas próximas. O Lagos intramuros recorda a unha pequena vila italiana de caos urbanístico e arrecendos culinarios que, ao caer a noite, escurece en exceso e morre de sobredose pola alegría dos seus habitantes temporais. O resto do visto pasou coa menor das glorias pola miña retina, para desgraza da oficina de turismo.

As miñas dúas únicas peticións foron satisfeitas na última tarde antes de iniciar a longa viaxe de volta. O solpor daquel día foi un espectáculo natural na Ponta da Piedade, unha combinación de azul e laranxa en equilibrio coa percusión do mar contra as paredes de pedra sobre as que agardábamos o momento perfecto de luz. O sol caía sobre os tellados, os edificios, as árbores e os guindastres, sobre obstáculos que eran fieis á experiencia da viaxe.

A segunda petición foi a cea nunha casa de comidas local con décadas de antigüidade. Todos os camareiros entraban nos dous arquetipos clásicos de home portugués e a carta forzaba a indecisión polas delicias prometidas. Logo dunha hora estoica de agarda na porta, sentamos nun local de paredes ateigadas de cerámica de todas partes do mundo. Varios pratos despois, atopei o de Sargadelos no fondo á dereita, como se fose a dirección cara a Galicia.

Comentarios