Testamentos en farsi

Escena de una película iraní /AEP
Na pantalla do televisor reflíctese a fiestra e viceversa. O que vexo a través da ventá, véxoo tamén na televisión. Non son tan distintas. Por iso confío no que me amosan os filmes de lugares afastados onde o municipio non chega.

Desde o comezo da década, o cinema iraní vén expoñendo os conflitos do seu país e que padecen gran parte do seu pobo, por non dicir todo. As protestas que chegan a nós milleiros de quilómetros lonxe son vistas entre visos no propio territorio. A mirada, fonte básica de coñecemento, é sesgada con bisturí social, relixioso e represivo.

A literatura do país persa atópase na mesma situación que o cinema, pero son os seus directores quen acaparan maior prensa. Ambas as artes comparten un dos sinais que deixan a censura e a opresión: o lirismo. A poética coa que Abbas Kiarostami amosaba o suicidio do home e o amor ante a imposibilidade de vivir rematou. O poder esquece que os versos teñen unha métrica e despois da rima, chegan as revoltas.

O pulso entre medo e liberade queda patente na tensión familiar que Mohammad Rasoulof filmou en ‘A semente da figueira sagrada’. Logo de varias penas de cárcere polos seus anteriores traballos, o cineasta recibiu a sentenza de oito anos de prisión, latigazos e unha gran multa debido a este retrato dos fogares sumisos e a tiranía do patriarca.
O deber dunha xeración é o motivo de alzamento da seguinte. A paz acádase grazas a ese acougo da rabia. Se este tándem é interrompido, o estourido posterior levanta tanta desconfianza nos alienados como confrontación nos rivais. Para Rasoulof, este problema concéntrase na desaparición dunha pistola dentro da casa dun xuíz de instrución recén ascendido. Ese feito detona no pai de familia a degradación da súa autoridade e a vergoña para cos seus semellantes.

Este filme iraní emprega imaxes reais dos disturbios espertados tras a morte de Mahsa Amini en custodia policial por non levar ben posto o hijab. As fillas do filme de Rasoulof forman parte desa modernidade que reclama apertura, osíxeno respirable nas súas rúas. Tínguense do sangue pola violencia que o seu pai manda exercer. O corredor do fogar adquire a dimensión das grandes avenidas con pancartas.

A achega máis interesante do cineasta é o delirio que supón recuperar a honra perdida. A ira ocupa o espazo das emocións racionais. Así, o respecto pola vida allea pasa unha terceira orde cando o importante é preservarse, frear a ameaza dun cambio no poder.

A violencia específica cara ás mulleres expónse sen timidez na cinta ‘Araña sagrada’, de Ali Abbasi. O director iraní, nacionalizado danés logo, dálle voz a unha xornalista que investiga os múltiples asasinatos de prostitutas, ou supostas traballadoras sexuais. A inercia institucional leva a rapaza a mergullarse na capa subxacente nas rúas iraníes, que comparte os mesmos baixos que calquera sociedade.

O cambio ético revélase cando a institución se mantén inerte, inactiva ante calquera pesquisa. Chámanlle limpeza e ao culpable, aliado. Sorprende e non. O corpo feminino é un espazo público sobre o que lexislar, sobre o que actuar. A impunidade provén da ansiada pureza. Sociedade pulcra baixo calquera método. A liberdade feminina en calquera grao enténdese como prostitución en termo amplo, perversión da natureza divina, tentación da vontade masculina.

O son dos golpes e a ferocidade dos berros non atravesan as capas de alfombras persas que cubren os fogares. Con todo, hai miradas que se entenden no padecemento compartido e consellos de cautela, de perseverancia no dogmático como solución fácil á represión. A cuestión é quen se atopa do outro lado para escoitar os fios que compoñen os teares dese sufrir.

Cambiando a lupa cara a eles, Asghar Farhadi trata a construción dos referentes e bos cidadáns no Irán contemporáneo. En ‘Un heroe’, o cineasta aborda a importancia de ser un home respectable na comunidade, cumplir cos valores e levar orgullo á familia. Incide con énfase nesa bondade finxida polo beneficio que conleva. Apártase o foco das vítimas dese altruísmo caníbal extensión da norma asumida, para concentrar a atención no centro da súa sociade. O patriarca, o líder, o caído na tentación que procura redimirse.

O perdón para Farhadi é expresión da idiosincrasia persa. Ese acto non ao alcance do ser humano é a materia prima que o poder delega nos seus adeptos. Contén a forza social dos milagres e concédelle ao pobo a sensación de decidir.

Resulta imposible soster un sistema unicamente ancorado na violencia. Dura, si, mais non perdura. O tempo é chegado e a transformación inclúe a vinganza como método. O cineasta Jafar Panahi sábeo, por iso o plasma en ‘Un simple accidente’ con exactitude. A cómica desesperación altérnase das personaxes co drama psicolóxico. Esta é a historia dun secuestro e dun axuste de contas, pero só como resposta a unha inxustiza previa. Os potenciais torturadores dun torturador. A metamorfose da temperanza en violencia.

Pahani sufriu os embistes do goberno iraní como outros cineastas. O seu tempo en prisión e folgas de fame alimentou unha convición da súa loita pola liberdade. Escapa á lírica e pon as palabras claras no centro. Este é o noso país, estas as nosas vidas. Mirade a ficción que emana da nosa ferida.