Opinión

A velocidade do imposible

Na vida hai múltiples constantes que marcan o paso dos días, pero hai dúas destas que nos acompañan sen nós desexalo e sen as cales cada un, en resumo, non sería cada un. Sería outra persoa. Os recordos e os soños forman unha parella que se entrecruza na experiencia humana e, aínda semellando distantes, contamínanse e nese roce, tamén nos afectan
A quimera /AEP
photo_camera A quimera /AEP

O saír das salas de cinema logo de ver A quimera, o novo filme da directora Alice Rohrwacher, é preciso recuperarse dun primeiro impacto de beleza destruída, de decadencia ornamentada e disposta para confundir á vista. Esta nova mestra do cinema-fábula italiano tece unha rede de fantasía e contrabando na Toscana, pero baixo esta superficie xera un mundo que se atopa nun punto gris e facilmente recoñecible. Trátase dese momento vital en que os desexos atópanse coa memoria, esa colisión entre os soños ou as aspiracións e o pasado. O acontecido determina a nosa ilusión? Ou, pola contra, as nosas expectativas dan forma aos recordos ata retorcelos acordes á narrativa?

A cantautora Russian Red dicía nunha das súas cancións que a memoria é cruel, aínda que esta é algo máis. É un mecanismo cruel, que tamén doce, agradable, reconfortante, familiar e, ante todo, necesario. A memoria é unha das bases da supervivencia e o aprendizaxe por recordo de experiencia, o cal non significa que os erros non se repitan. O arqueólogo e a banda de pícaros que saquean tumbas etruscas en A quimera non son capaces de obter unha lección do seu pasado, viven na ansia constante de acadar os seus soños e así, cos ollos sempre cara adiante, non aprecian que camiñan nun sendeiro circular e vicioso.

Alice Rohrwacher eleva o seu traballo ata agora non só pola inmensa beleza dos Fiat que coñecen as corredoiras e as esculturas de antigas deidades, tamén pola imaxinativa interpretación do mito que dá título ao filme. A quimera, segundo a tradición, é un monstro con cabeza de león, bandullo de cabra e cola de dragón que vomita lume. Un animal fabuloso, segundo a súa tradución directa do latín. O imposible dos seus rasgos implica outro significado. As quimeras son aquelas cousas que a imaxinación nos propón como certo ou posible soño, pero que nunca será realizable. As quimeras son, en certo modo, os monstruos das frustracións sementadas por un mesmo.

Arthur, o protagonista do filme, sufre de fortes cefaleas cando é visitado polas súas quimeras e parece incapaz de diferenciar recordo de proxección. El vive nese punto intransixente que supón manterse agarrado á memoria dun falecido e a esperanza futura de xuntarse de novo, case con présa suicida por atoparse. As súas cefaleas están ligadas coas tumbas que baleiran e que non só recollen tesouros fúnebres, tamén son a única porta a un soposto Máis Aló. De haber unha porta á seguinte vida, esa debe estar sempre baixo o dintel da morte.

Os soños móvense pola nosa mente a velocidades dispares. Gardamos esperanzas de longa duración, que avanzan lentas ao ritmo natural do propio tempo, e outras que son máis rápidas que a capacidade para poder comprendelas. As quimeras, pola súa natureza, perpetúanse en nós como desexos de milagres ou morren con celeridade por desengano, pero non gozan de longa vida en ningún caso. A velocidade do imposible é a forza desintegradora da súa propia existencia.

Sobre soños, recordos e velocidade tamén vén de teorizar Alizzz, un dos grandes produtores actuais e autor do seu segundo álbum, Conducción temeraria, e un dos talentos detrás de fenómenos como C. Tangana ou Amaia. O músico catalán non expande o universo emocional descuberto durante o seu debut, senón que prefire afondar e atopar novas cotas no desamor e na imposibilidade de esquecer. Alizzz, de xeito innegable, soña con non recordar.

As quimeras de Alizzz, a diferenza das plasmadas por Alice Rohrwacher, son golpes de luz que impactan coa rutina diaria de proseguir logo dunha ruptura, dun abandono ou de pasar a páxina dun libro queimado. Aplicando o concepto creado polo propio autor tanto na capa como en múltiples cancións, esquecer é conducir por unha estrada a escuras e a gran velocidade, intentando superar os límites para chegar antes ao destino sen ter accidentes. O prezo a pagar son todos os radares que saltamos no camiño, eses flashes que tanto captan os erros como traen de volta momentos vividos e que, en calquera escenario, debemos pagar.

De feito, Alizzz expón ao longo de cancións como Carretera perdida, Despertar ou Destellos que a tortuosa ruta para poder lembrar sen tremer polos adentros é aceptar a convivencia de miradas. Isto significa que os nosos ollos vexan onde non hai, pero si houbo. E, quizais como lle acontece ás persoas con astigmatismo, nalgún momento os focos e luces de freo semellen tan borrosas que esas imaxes non dificulten o camiño. Sen esquecer que, como lle acontece á banda de pícaros ladróns de tumbas, non é recomendable atascarse nunha rotonda procurando unha saída inexistente seguindo as ordes das quimeras falando desde dentro das tumbas ou a través dunha estación de radio que non debemos escoitar.

Comentarios