miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

A ‘escrevente’

Maria Gabriela Llansol cambiou a paisaxe da literatura portuguesa da segunda metade do século XX. Cúmprense once anos da súa morte

Maria Gabriela Llansol. AEP
Maria Gabriela Llansol. AEP

FOI O CRÍTICO Eduardo Lourenço quen dixo —no 2011— que Maria Gabriela Llansol ía ser o seguinte mito da literatura portuguesa despois de Fernando Pessoa. Seica as comparacións son odiosas, e tamén o é comezar apelando a autoridade e a súa operatividade no mundo. Maria Gabriela Llansol tivo, sen embargo, unha comunidade fiel de lectores dende aquela primeira triloxía, Geografia de rebeldes, que revolucionou as fórmulas da novela "para que o romance não morra"; a talvez única posible comunidade de ‘legentes’, como chamou ela a quen asumiu o risco de ler, o pracer de ler, a tarefa de seguir escribindo o texto lido. Lectores para os que a súa obra supuxo un encontro: "Não há literatura. Quando se escreve só importa saber em que real se entra, e se há técnica adecuada para abrir caminho a outros".

Maria Gabriela Llansol naceu en Lisboa no ano 1931, e alí estudará dereito e ciencias pedagóxicas. Neste último ámbito comezou unha anovadora experiencia en Portugal que terá continuidade na Bélxica, onde se exiliou co seu marido, Augusto Joaquim, desertor da guerra colonial. Ela presentaríase así, entre as follas dunha axenda: "Eu, Gabriela, na hora da grande decisão/ decido que não tenho parâmetros:/ —sou mulher sem filhos;/— sou escritora (escrevente, prefiro) sem reconhecimento;/ —sou trabalhadora regular e pertinaz com vida material incerta". No libro Onde vais drama-poesia? tamén fai unha advertencia: "Fugir ao destino do vate. Fugir à mediocridade da autobiografia". Drama-poesía era a maneira de nomear unha escrita desbordada —e desobrada— que se despregou en diario, novela, ensaio, poesía, formas correspondentes a unha multiplicidade de voces, híbrida, inclasificable. Un texto que escribiu cada cousa e a cada cousa, que asumiu textualizar o vivo nesa "mais paisagem" que xorde cando o ser humano é "a ponta aguda da vontade de conhecer". Punta aguda na procura dun camiño viable, enfrentada ao abismo da intensidade, por un lado, e ao risco de crecer perdendo o "dom poético", por outro.

A escrita de Llansol é nova. De nova, resulta á vez fascinante e extraña. Coma un intruso, o texto irrompe na casa da lectura que coñecemos, igual que as súas figuras —non personaxes— aparecen como extraños hóspedes na casa da súa escrita. Figuras que escriben unha xenealoxía de dobras, de restos, a dos desposuídos ou dos "mutantes fisicamente escorreitos" que o curso dominante da histora de Europa —sempre a de Llansol— centrifugou nas marxes. Pessoa (Aossé) será unha das figuras desas lindes. Tamén os místicos: Eckhart, Hadewijch, Ibn Arabi, Juan de la Cruz, Ana de Peñalosa. Nietzsche, Spinoza, Bach. Tantos outros. O texto xúntaos, tórnaos conmporáneos, dálles corpo, fainos convivir noutra paisaxe en "sobreimpressão", na que tamén están animais, prantas, árbores, obxectos, en igual compañía.

Nesa busca do camiño viable, Llansol fixo que a vida e a escrita non fosen opostas—"escrever é o duplo de viver"—, que non tivese sentido formular esta dicotomía. Tamén subverteu a política que está por debaixo de toda estética, que define o que se nos dá a sentir en función do lugar que ocupamos no mundo: "Eu tentei transpor para a consciencia cotidiana o que, durante séculos, fóra atribuído ao éxtase". O texto leva todo consigo. As mans traballan na horta, e escriben. Traballan no pan —que foi sustento— e escriben. Coidan dos animais, e escriben. A cada hora do dia, un lapis e un caderno cerca para levalo todo á fulgurante casa da escrita.

Maria Gabriela Llansol morreu un 3 de marzo, hai once anos. Deixou consigo preto de trinta libros publicados e milleiros de páxinas inéditas, que o Espaço Llansol, conformado por aqueles primeiros lectores, continúa a editar baixo o título de Livros de Horas na editorial Assírio&Alvim e ao coidado dos seus grandes coñecedores, João Barrento e Maria Etelvina Santos. Libros de horas para quen cada hora ten a súa escrita. As comparacións son odiosas, e non obstante serven para sinalar o excepcional das traxectorias, a dunha escritora, neste caso, que asumiu unha vida ‘escrevente’ e o titánico proxecto de seguir pensando, a pesar da historia e coa historia, unha "mais paisagem", un mundo como lugar habitable.

A ‘escrevente’
Comentarios