El tiempo
miércoles. 06.07.2022
El tiempo

A palaba circular

Escribiu Maurice Blanchot, ao final da segunda parte do seu libro A comunidade inconfesable, titulada A comunidade dos amantes: "O demasiado célebre e demasiado machucado precepto de Wittgenstein, Do que non se pode falar hai que calar, indica de feito que se ao enuncialo non puido impoñerse silencio a si mesmo, en definitiva, para calar, hai que falar. Pero, con palabras de que clase?".

O AMOR é un deses temas que nos sitúan nesa estrema, nese lindeiro. Por un lado, se esa comunidade dos amantes nos achega, como suxire Blanchot, ao precepto de Wittgenstein, é porque o eros fai tremer o mesmo logos. Por outro lado, a súa presenza fulcral en toda existencia fai del un tema común, tanto que Rilke, nas súas cartas ao mozo Kappus, aconselláballe non transitalo no comezo do camiño da escritura. Para o poeta alemán o amor era difícil, proba última, que aínda que estea no comezo é no fin cando se revela, como lle escribía Augusto Joaquim a Maria Gabriela Llansol nunha das súas primeiras cartas. Por isto, talvez, este tempo: só logo de vintecinco anos de obra poética, Luís Valle achéganos un título, Alianza, o primeiro que ten como motivo o amor.

Salvada a mudez, o absoluto semella ser un dos perigos que axexan esa escritura dos amantes. Luís Valle anúncianos, xa na cita de Safo que abre o libro, un deses poucos fragmentos da autora de Lesbos que chegaron ata nós, cal será o camiño para salvalo. Antes de que o fragmento se exaltase e asentase como forma literaria no romanticismo e de que o fragmentario se rebelase contra o suxeito solipsista e contra o mundo como obxecto cohesionado do saber, quixo a fraxilidade da historia, a caducidade do papiro, que, nun erro elocuente, o amor se revelase como materia de resto, de fragmento, ourelado, como abeiradas están as palabras nos bordes da páxina no libro de Luís Valle, nunha escolla xa conscientemente fragmentaria. No centro, o silencio, a ausencia, que nos fai seguir o libro palpando os límites do que se pode dicir para que o que a palabra convoca non desapareza no dito. Ás veces, un solo verso, seguido dos puntos suspensivos entre corchetes, a exclamación conmovedora: "[…] NESTA vida, neste mundo!" arrastra un silencio esgazador.

Nese camiño de Alianza, nese motivo que é, fiel á súa raíz, movemento, o autor pespunta unha relación entre o amor e a palabra, entre a amada e a palabra. "De ti tomo o himno onde a lingua funde/ a palabra/ Anzol. De ti tomo a palabra/ Amor,/ e a palabra/ Adiante/ e a palabra/ Luz.", ou máis adiante: "Es a voz que tornea este idioma", ou mesmo o intento de dicir: "Ti, ti, ti". Desa Grecia arcaica, Valle parece non só tomar o fragmentario inaugural do amor de Safo, senón que a súa viaxe apunta a ese vaso común do que naceron o eros e a lírica. Chama a atención en Eros. Poética del deseo, como Anne Carson, para falar do nacemento de eros na poesía occidental, ten que falar do alfabeto grego. Da abstracción que supuxo, por primeira vez na historia, dividir as unidades de son en consoantes, e combinar esas unidades, impronunciables por si mesmas, coas vogais. Da transformación que supuxo para o corpo o alfabeto, o esforzo concentrado na vista que restou espazo aos outros sentidos, que abriu o interior. E nesa oposición, entre un interior e un exterior creado pola palabra escrita, sitúa a autora o nacemento de Eros como obsesión literaria. 

As moradas e destinos tecen ese linde entre o suxeito e cultura, eses dous camiños entrelazados que apuntan a unha travesía

Eros fillo do si e do non, da presenza e da ausencia, da pobreza e da abundancia, inseparable da distancia, eros "dulceamargo", así tamén se nos dá no libro de Valle. Glukuprikorn, dulceamargo, como o calificou por vez primeira Safo, é unha desas palabras entre parénteses que o autor nos ofrece ao final de moitos poemas, e que nos dan pistas, sutís coma pisadas, para trazar, a medida que el avanza da man da compañeira, unha viaxe de referencias do mundo, sobre todo, grecolatino, pero tamén do oriente da viaxe. Circulares coma a alianza son os ouroboros ou a deusa romana que celebraba o círculo do ano en marzo, Perenna. O xigante Panoptes, as pequenas Euphydryas, o batido de Jasconius, as moradas e destinos tecen ese linde entre o suxeito e cultura, eses dous camiños entrelazados que apuntan a unha travesía. E, nesa travesía, a viaxe xa non é cara a amada, senón que son os dous xuntos os que emprenden o "incesante/ retorno a Ítaca!". Ninguén agarda do outro lado: vaise con ela.

Eros Glukuprikron, que só se sabe só cando non o está. Porén, quen aquí canta finalmente celebra a incompletude, o finito, e aí brilla coma nimbo a bondade do texto, coma neste último poema: "[…] COMA dous corpos/ espidos/ da palabra Æternus". Ese suxeito que ralva a distancia do absoluto no amor ríndese tamén á duración que Novoneyra chamou "tempo de intres": "SON enteiramente/ o abrazo/ que desaparece contigo". E o texto oscila entre ese "perenne e ardido/ lugar de/ paso" e os dous soles que "óllanse de lonxe/polo oco transitorio/ de nós". E faino Luís Valle, como xa nos ten afeitas, coa elegancia e delicadeza de quen asimila das follas "o aroma, o peso, o roce…", na xusta medida do pracer da copa, e coma se aínda puidésemos sentir o aire fino da próxima Anatolia.

A palaba circular
Comentarios