Nas aras de Sarmiento

Ara negra de la catedral de Lugo. AEP

NO MAIO de 1745, viaxando entre Madrid e Pontevedra, Martín Sarmiento pasou por Lugo e na catedral ensináronlle o que era, de todas, a peza máis rara, a ara negra. Cóntao no seu Discurso sobre la singularísima piedra negra del ara de Lugo, que lin nunha das salas do Arquivo Histórico Provincial. Editouno en Lugo no ano 1892 Antolín López Peláez, "gran valedor de Sarmiento", dime Anxo Angueira, do marabilloso Sarmiento "pedra de alicerce de todo (o bo) que veu despois. Nel está a Galicia contemporánea", engade Angueira.

Nunha das edicións de Rosalía en Camiño ensineille ao presidente da Casa de Rosalía as aras de Sarmiento. No grupo estaban tamén estaban Chus Pato, Rocío Castro, Manuel Igrexas, Míriam Reyes, Jesús Castro, Antía Otero, Sara Plaza, Luís López Alonso e Xuan Bello. Por suposto, fíxeno guiada por Carola Casal Chico, historiadora da arte e artífice como museóloga da renovación do museo catedralicio, do que foi conservadora, e que, se admirarmos, é polo discurso que o percorre e que colocou estes tesouros a man. Con outras persoas fun ver máis tarde esas aras, Alba Cid e as areíñas do crismón, Nando Vázquez e o escuro arume arpado. As últimas foron dun grupo en residencia na  Fundación Novoneyra, para a grande sorpresa de que, cando chegamos a ese lugar, o máis querido do museo, unha das aras, a que leva a inscrición, non estaba no sitio.

Son dúas as aras. Na documentación sobre elas, segundo conta Carola, atópase unha misiva dun tal Licenciado Soto sobre un intercambio con outra igrexa de Lugo, que tamén tiña unha ara negra. Así, o altar dos Ollos Grandes tería a mesma rarísima pedra que xa tiña o altar do Santísimo Sacramento. E o cambio fíxose. O mesmo Sarmiento engade, ao final do seu discurso, que todo o que di dunha ara vale para a outra, que el non tería visto, pero que sabía que estaba alí. Tan rarísima pedra que, andados os 1700, o bispo de Lugo di que non é pedra, que é obsidiana e, polo tanto, vidro. E que non, que claro está que só sobre pedra, e preciosa, é posible consagrar, e non sobre vidro. Que retiren as aras, vaia. Pero, como quen máis manda na catedral é o cabido, as aras non se van mover do sitio. Mesmo se para iso hai que usar malas artes. Porque algo tivo que facer para que os lapidarios do reino testificasen do vidro que era preciosa pedra. A ara que falta do museo é a da inscrición, que a rodeaba sobre prata: "Esta Ara, y la de N.S. de los Ojos Grandes declararon lapidarios de la corte el año 1724 ser de preciosa piedra, según los testimonios que están en el Archivo de esta Santa Iglesia". "Imaxinádevos que pequenas pero interesantes microhistorias teñen cada unha das pezas", óiolle aínda dicir a Carola, que facía que todo canto alí hai contase as súas historias.

Diso fala tamén o Sarmiento das etimoloxías nun dos arrodeos do seu discurso. Como adiantándose varios séculos á teoría do cronotopo de Bakhtín, di que que algunhas voces "tienen una larga historia particular" e que non hai cousa "que no tenga infinitos nombres" para, a seguir, enumerar os nomes que coñece desa pedra misteriosa nas linguas do outro lado do Atlántico: A pedra negra, o espello de pedra, a pedra as navallas, Iztell —ou pedra de espellos, de Petztlí e espello, Tezcatl—, Iztli, pedra de aras, Lirpu, espello do Inca ou gallinazo, por ese "pajarote más negro que el cuervo". E para, máis tarde, contrastar eses nomes con outros do Vello Continente, e dirimir de que pedra se trata. Se é o acibeche ou a ágata negra da que fala Mr. Anderson na Historia de Islandia e Groenlandia, ou, máis ben, esa que describe Plinio no seu libro trixésimo sexto da Historia natural, a obsidiana, xa alí clasificada in genere vitri. O mesmo vidro do que están feitos os elefantes do templo romano da Concordia en tempos de Augusto, ou a estatua de Menelao en Exipto, di Sarmiento. Será tamén obsidiana o mármore negro de León, ou a Buga hispanorum, só coñecida para "os inteligentes en descubrir mármoles preciosos?".

Mesmo a asocia coa erupción do Hecla no mapa de Ortelio "que aún pintado causa horror y pone miedo", do que saen pedras, e tamén con América, pois "no sobra otra cosa en la América que fuegos subterráneos". Así dá Sarmiento coa orixe da obsidiana, e así dá voltas para falar da ara negra de Lugo.
Que atinado estaba o noso ilustrado. Conta Carola que a investigadora Concepción García Sáiz relaciona as aras co espolio de Hernán Cortés. Que cando o conquistador chegou ao porto da Coruña fixera un inventario no que incluíron pezas grandes de obsidiana que logo faltaron. Teríaas deixado ao paso por Lugo. Tal cantidade de obsidiana non podía vir doutro sitio, e Sarmiento xa o sabía.

A ara foi retirada do lugar onde con tanto tino estaba musealizada. Contradicindo as regras do vidro e da pedra, volveu ao altar maior, só para uns poucos e non para todas, que xa non temos acceso a ela, nin poderemos facer nosas as palabras do frade bieito aquel día ao seu paso pola cidade: "Vila, mirela, y admirela por su brillante y resplandeciente hermosura, y me miré en ella como en un cristalino espejo, de un negrísimo material precioso". Contaba o frade, na folla engadida ao discurso, que un cabaleiro a 36 leguas ao poñente de México vira unha montaña viva toda desa pedra, "y que hai una Cañada donde peligran las caballerías porque resbalan". Esas voces quixeramos volver escoitar na marabilla do seu espello negro.