Opinión

A arte no cómic

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle A arte no cómic unha desas exposicións imperdíbeis polo que teñen non só de goce, senón polo que hai tras elas de aprendizaxe e reflexión, neste caso arredor de dúas artes como a pintura e a banda deseñada, e cómo a segunda interpreta á primeira

O espazo expositivo do Pazo da Cultura énchese ata o 11 de novembro dunha numerosa selección de traballos do universo do cómic nos que un xénero artístico máis tradicional, como é o da pintura, serve de inspiración a creadores de banda deseñada, así como de canle de expresión e reinterpretación do artístico dende novas miradas e xeitos de expresión. 

Baixo o comisariado de Asier Mensuro e da man da Fundación Teléfonica ábrese ante nós un abraiante abano de opcións que dende o cómic achéganse a pezas emblemáticas da historia da pintura. Unha nova linguaxe que forma parte xa de maneira indiscutíbel do artístico é que adapta a súa especificidade creativa e narrativa a todos eses discursos plásticos que fixeron da pintura unha das grandes artes. Camiñar por esta exposición baixo a súa intelixente montaxe é descubrir unha nova posibilidade do xa feito, e como inspiracións eternas como Goya, Torres García ou Georgia O’Keeffe, por citar tan só tres creadores de tres momentos tan diferentes, son quen de alentar novas obras de arte, de propiciar novos códigos e de espallar a creatividade polas páxinas dun cómic.

E vémolo, nesta exposición pontevedresa, de xeito particular na achega á mostra da creadora María Herreros que fixo todo un cómic adicado á figura da artista norteamericana Georgia O’Keeffe como complemento á exposición desta muller no Museo Thyssen e que agora forma parte desta mostra como unha primicia. Lembremos que este proxecto da Fundación Teléfonica naceu no 2016 percorrendo diferentes espazos da nosa xeografía e adaptándose a cada un deles. En Pontevedra, unha das capitais do cómic en Galicia, lembremos a presenza da Facultade de Belas Artes, da que non poucos creadores dirixiron os seus pasos cara o universo da banda deseñada; e tamén da escola O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko Da Silva, toda unha referencia no ensino desta disciplina e que como estamos a comprobar xeración tras xeración esta a fornecer de excelentes creadores o mundo do cómic; pois como diciamos nesta cidade a mostra amosa moito traballo de nova creación, así, xunto a todo o cómic de María Herreros despregado na súa totalidade nas paredes do Pazo atopamos tamén obras de creadores galegos como Cynthia Alfonso, Oscar Raña, Miguel Anxo Prado, ou Brais Rodríguez, que amosa o seu Op Art nun engaiolante traballo que ocupa un amplo espazo no que se dinamita o que pode ser o xeito tradicional de facer dos que se adican ao cómic.

Javier Olivares, Santiago García ou Paco Roca asoman xunto a Rembrandt, Picasso ou Magritte, tensionando esa relación

Citei o Museo Thyssen, pero antes ca el referencias museísticas como o Louvre ou Orsay atoparon no cómic un xeito de activar as súas coleccións, de achegalas á modernidade que polas súas limitacións temporais sería imposible de acadar doutro xeito. Eles alentaron traballos de reinterpretación das súas propias pezas creando coleccións de cómics e mostras amosando ese traballo. De todas elas temos aquí unha boa representación como dos nosos Premio Nacionais do Cómic, Javier Olivares, Santiago García ou Paco Roca, mentres que do outro lado, asoman Rembrandt, Picasso ou Magritte, tensionando esa relación coa que poder gozar ao longo dunha mostra que, xunto coa interpretación do historietista, aparece sempre a pintura orixinal para que nós mesmos establezcamos eses fíos entre disciplinas.

Unha mostra chea de chiscadelas a nosa sociedade, aos diferentes momentos históricos que se viviron no momento da súa creación e tamén con capítulos destacados da nosa cultura máis popular, como pode ser a presenza na mostra do número 100 da revista El Víbora, toda unha referencia do cómic underground que para esa celebración contou coa colaboración nunha mesma obra de todos os seus protagonistas, que reiterpretaron o mítico cadro de Géricault ‘A balsa da Medusa’ e que polo tempo no que se fixo obrigou ao seu constante envío por correo entre cada un dos creadores para a superposición das diferentes figuras que compoñen un orixinal que podemos atopar na mostra. Toda unha xoia entre xoias que amosan o talento que se agocha na banda deseñada, unha arte que chegou para quedarse e para colaborar coas artes que a precederon para, entre todas elas, seguir provocando emocións.

Comentarios