Opinión

A dor de ser feliz

Dez anos despois de que se lle adicara o Día das Letras Galegas e cando se cumpren 25 do seu pasamento os Cadernos persoais de Lois Pereiro recuperan a súa figura en primeira persoa cos apuntamentos feitos en viaxes por Europa nun tránsito que formou parte da súa curta vida e que configurou a súa mirada poética

"EN IRÚN, en el electro, la miseria de varios portugueses que van a mi lado despierta en mí sombras antiguas, hace brotar la hiedra de lo evidente olvidado". Esta é unha das entradas no primeiro dos catro blocs de apuntamentos que, baixo a edición de Héctor Cajaraville, vén de saír do prelo da Editoria Chan da Pólvora baixo o título de Cadernos persoais que, ademais, conta coas contornas de Fernando Saco e Inés Pereiro. Uns cadernos feitos ao longo de diferentes viaxes por Europa: Francia, Bélxica ou Alemaña, que se converteron en miradoiros cara ao exterior de quen facía da súa ollada un xeito de condensar a vida a través do contacto con outras paisaxes, con xeografías literarias e humanas que pouco a pouco foron sedimentando nesas páxinas, agora recuperadas para amosar o fío permanente de Lois Pereiro coa existencia.

 Ao seu carón unha axenda baliza os seus derradeiros días, os seus movementos cando a escuridade estaba por facerse eterna e que permiten rastrexar, non tanto un itinerario, como un xeito de fixar a realidade, de converter en palabra os actos. Estes cadernos fannos mirar aos ollos ao poeta, pero tamén ao ser humano que precisaba palpar o que acontecía ao seu arredor, mirar os outros e desafiar o paso do tempo, aínda cando as cartas xa estiveran marcadas

Heteroxeneidade e intertextualidade definen esta mezcla de paixón e fraxilidade que son permanentes tanto na vida como na poesía de quen nestes días cumpre o décimo aniversario das homenaxes adicadas a súa figura e obra co gallo do Día das Letras Galegas de 2011 o que, en palabras do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, "supuxo o derrubamento das comportas que contiñan a devoción subterránea".

Lois Pereiro, polo tanto, deixou dende aquel ano de ser un descoñecido polo gran público, pero un imprescindíbel para os que souberon ver ben cedo na súa poesía un camiño novo que se erixía dende a modernidade de quen entende o mundo dende a súa persoal experimentación. Unha recuperación do eu acubillado en toda unha serie de referentes vitais e culturais —música, cinema ou filosofía— que rachaban os dogmas e se perfilaban dende unha íntima sensibilidade para provocar o estremecemento do real.

Pronto se interesou de xeito intenso pola cultura, en primeiro lugar pola música e o cinema, e despois pola literatura.

Lois Pereiro naceu en Monforte no 1958 e finou na Coruña en 1996. Sen chegar aos 40 anos e con dous poemarios publicados, Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade, ambos en Edicións Positivas. Cumpriuse aquilo que el afirmou nunha autobiografía de xuventude e que non deixaría de ser unha boutade, pero que, coa historia na man, estremece o corpo: "Nunca escribirei en castelán. Vou ser como Manoel Antonio, publicarei un libro e morrerei novo".

Xunto a eses poemarios tamén é autor dunha novela curta Náufragos do paraíso, dunha escolma de ensaios Unha modesta proposición e dunha prosa autobiográfica publicada cando se lle adicou o Día das Letras Galegas, Conversa ultramarina.

Pronto se interesou de xeito intenso pola cultura, en primeiro lugar pola música e o cinema, e despois pola literatura. Sempre se falou del como dunha sorte de rompexeos que abriu o camiño para que moitos compañeiros de xeración coñecesen grupos musicais, filmes ou escritas que Lois Pereiro, cun olfacto ben preciso para detectar o talento, soubo salientar para ledicia dos que o rodearon. Decantouse pola poesía como xeito de expresión e as súas lecturas configuraron unha desas xeografías polas que moverse, como fixo nesas viaxes europeas, en moitos casos, para achegarse aos lugares doutros poetas e mesmo para coñecer onde ficaban os seus restos.

Rimbaud e Baudelaire; máis tamén, Manoel Antonio e Rosalía, xa nos comezan a ofrecer unha identidade propia, desta vez dende esa intimidade e intensidade que condensan as súas palabras. Thomas Bernhard, Peter Handke ou Paul Celan, soben tamén a ese tren para enfrontarse á velocidade do mundo. "Cartografou como ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo", afirmou a Real Academia Galega nunha das valoracións da súa obra. Esa conexión con Centroeuropa pon en valor esta nova publicación sobre a súa obra ao actuar como unha sorte de planimetría pola que se movería posteriormente na súa obra e así, no seu segundo poemario atopamos frases como esta: "Onde está o perigo medra tamén o que salva" pensaba Hölderling... Eu empezo a sabelo". 

A súa figura consumida e cun certo dandismo xeraron arredor del unha imaxe de modernidade

Despois do Bacharelato Lois Pereiro marcha a Madrid para estudar Ciencias Políticas e Socioloxía. Deixa a carreira e volve a Monforte onde quedara Piedad, a súa moza e unha referencia imprescindíbel ao longo de toda a súa vida. Xunto a ela regresa outra volta a Madrid e matricúlase na Escola de Idiomas dando conta así do seu gusto polas linguas manexando varias delas. Xunto a Piedad fai un InterRail que marca o futuro e que posíbelmente se evoque dende a construción destes cadernos feitos tamén sobre os camiño de ferro da viaxe por Europa. 

 A súa vida quedou fixada nas biografías de Antón Lopo A palabra exacta (Galaxia) e de Iago Martínez Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais). A súa figura consumida e cun certo dandismo xeraron arredor del unha imaxe de modernidade que se reivindicou de xeito decidido naqueles días de fai dez anos, cando as Letras Galegas se centraron na súa descuberta nun pulo vital para esa efeméride que daba xa síntomas de esgotamento.

A poesía de Lois Pereiro era unha poesía de proximidade, unha poesía de rúa e de pel estremecida, unha canle acesa para entender a palabra, non como cloroformo senón como un bulir íntimo que precisaba estourar. Algo moi semellante ao que nos acontece este ano con Xela Arias e o seu radical compromiso con facer das liñas da vida o guion para a súa poesía. Ambos rebeldes e ambos movéndose nas marxes, nunhas orelas que eles mesmos construiron para irmos todos detrás, na súa afouta descuberta.

"Nos meus primeiros poemas aínda non chegara deica o fondo dos meus erros, o único xeito de non repetilos ou de que acaben por destruírnos. Non baixara nin sondara aínda o máis fondo do abismo. Eran poemas escuros, cheos de brétemas e sons metálicos friamente apaixonados. E ao pouco de ter publicado ese primeiro libro a palabra entrou en coma, chegou o desastre da indiferenza ante a vida e a morte. Funme esquecendo de min mesmo". Así define parte da súa poesía Lois Pereiro nunha entrevista feita polo seu amigo íntimo Manuel Rivas publicada no suplemento Culturas de Diario 16 poucos días antes de morrer e así a debemos tamén de entender nós dende esa conciencia da viaxe, de sondar aquilo que nos rodea e nos enfronta á experiencia do vital.

Lois Pereiro compartiu viaxes co seu amigo Fernando Saco e coa súa irmá Inés Pereiro, e ambos son convocados nestes Cadernos persoais dende cadanseu texto para deixar constancia desa aventura común e o que significaba a viaxe para Lois Pereiro. Porén, é o texto de Héctor Cajaraville o que esculca na revelación destes apuntamentos, así como na sua importancia que xorde da "liberdade creativa, de descarnada e transgresora franqueza que cobre cada una das anotacións así como a presenza de elementos constantes na súa obra poética e de narrativa", e así, pese a ser algo tan íntimo e casi segredo como un caderno pensado para pensarse despois abrolla a literatura de Lois Pereiro en anacos como este: "Diario dun home que dependeu de alguén que dependía doutro home que dependía só ás veces, moitas veces, case sempre, dunha única substancia química: a dor de ser feliz.

Comentarios