viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

A fronte da arte

Diferentes textos, dispersos en anteriores publicacións ou conversas, reúnense neste libro editado por Laiovento para, da man de Carlos L. Bernárdez, achegarnos á arte galega no contexto europeo dos anos 30. Unha valiosa achega para comprender un dos nosos mellores momentos artísticos
Castelao, Seoane, Xosé Eiroa e Arturo Cuadrado. EP
Castelao, Seoane, Xosé Eiroa e Arturo Cuadrado. EP

O labor de Carlos L. Bernárdez arredor da Vangarda Histórica galega é un dos máis interesantes e didácticos feitos arredor desa etapa singular da nosa arte. Unha achega que se conformou dende o comisariado de exposicións, a publicación de libros e artigos xornalísticos, faladoiros e conferencias. Agora, algunhas desas reflexións chegan a nós acubilladas no libro ‘Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta’, recén saído do prelo da editorial Laiovento. E falo dalgunhas, porque este volumen pon en negro sobre branco e baixo un mesmo fío temporal unha serie de análises da configuración dunha arte propia, cun evidente trasfondo social e de vencello coa terra, pero sempre baixo unha forte ligazón coa modernidade do momento a través dos diversos istmos que O fixeron de Europa un balbordo creativo dende diferentes xeografías.

É ben coñecida a frase de Orson Welles sobre a diferencia da creación entre Suíza, un país sempre afastado de enfrontamentos bélicos, un remanso de paz, que deixou para a historia o reloxo de cuco, e a Italia do Renacemento, con continuas liortas entre as súas cidades estado, pelexas entre familias e o intrigante peso da Igrexa pero que, en tan só uns anos, xerou unha chea de artistas e de obras mestras da historia da arte. Salvando todas as distancias, si que podemos pensar na Galicia dos anos 30 como unha das nosas etapas de esplendor artístico, cunha xeración pictórica sen igual, como foi a dos Novos, Os Renovadores ou os que pertenceron á Estética do Granito. Nomes como os de Laxeiro, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Manuel Torres ou Carlos Maside foron as locomotoras dun momento artístico xurdido ás beiras da República e da consolidación da cultura como un xeito de solucionar os problemas de educación da poboación, así como unha maneira de reivindicar a identidade de Galicia fronte ao resto do Estado.

Cinco son as reflexións propostas polo autor dentro deste volume. O primeiro deles, Gabias e trincheiras. O social na arte galega entre o Álbum Nós e A derradeira lección do mestre, propón reflectir ese contido de denuncia da opresión e de diferentes elementos do conflito social que se vivía en Galicia nos anos 20 e ata despois da Guerra, cun exilio, ao que se viron obrigados moitos dos nosos, como continuador dun traballo feito sobre o terreo, pero tamén como un altavoz para facer chegar máis alá esas derivas da nosa sociedade.

A derradeira lección do mestre, referente no seu compromiso co home, coa necesidade da educación e da exemplaridade A derradeira lección do mestre, referente no seu compromiso co home, coa necesidade da educación e da exemplaridade

A asunción de conceptos artísticos das vangardas, como a ilustración expresionista alemá ou o construtivismo ruso, atópase presente no labor de Carlos Maside en publicacións da época; do mesmo xeito que Luis Seoane ou Fernández Mazas nas súas viñetas. Os Álbumes da guerra de Castelao ou os Debuxos da guerra de Arturo Souto, ou os pouco coñecidos debuxos de Manuel Colmeiro, actualmente expostos na mostra adicada a súa figura no Marco, tamén se incorporan a este discurso que amosou as feridas da guerra no pobo, ata desembocar nese cadro que Castelao pintou en Bos Aires, A derradeira lección do mestre, referente no seu compromiso co home, coa necesidade da educación e da exemplaridade, neste caso na evocación do seu amigo Bóveda, vítima dese fascismo aquí espido ante a mirada do futuro, dese neno incapaz de entender o que acontece ante el.

O segundo dos textos achégase á figura totémica que significou para estes pintores a imaxe da muller. A nai, a terra, a representación simbólica do feminino, a "nai e señora" que cantara Ramón Cabanillas. E para iso Carlos L. Bernárdez detense na obra de Maside e na súa monumental Muller sentada.

No terceiro a atención póusase na ilustración gráfica feita por Luis Seoane para o semanarios Claridad e Ser editados en Compostela entre 1933 e 1935. A ilustración tamén motiva o cuarto dos textos, o adicado á revista Yunque, editada en Lugo, e dirixida por Ánxel Fole e cun deseño de Ánxel Johán debedor do construtivismo.

Por último, un interesante exercicio de descubrimento dunha faciana deste tempos moi pouco coñecida, como é a arte nos campos de internamento franceses, con especial atención a estadía de tres dos nosos creadores, Eugenio F. Granell, o escultor Francisco Vázquez (Compostela) e Uxío Souto.

Con todo, este estudo tamén presenta un xeito diferente de mirar a nosa arte, de xestionala dende o hoxe para facer desa mirada unha relación co noso sistema cultural dende un afouto vencello coa modernidade alén das nosas fronteiras.

A fronte da arte
Comentarios