martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

A triloxía do outono de Manuel Seixas

Creador poliédrico Manuel Seixas pon nas nosas mans un caudaloso poemario no que conflúen diferentes correntes que, dende a palabra, reflicten á persoa fronte á existencia e a súa capacidade para xogar con nós, para converternos en vítimas dun proceso natural

TREVO (Galaxia) preséntase na súa contracapa como "unha triloxía poética de vida, morte e ausencia". Tres palabras inmensas que son moi complexas de agochar nunha brazada de poemas, como a que, saída do prelo da editorial Galaxia, firma Manuel Seixas para amosar a súa ollada íntima e descarada, a peito descuberto contra esa triloxía que nos inxire no seu interior converténdonos no centro dun triángulo.

Dende esa posición de centralidade o lector enfróntase a como Manuel Seixas apreta os puños e desenvolve un libro de poemas dividido en tres partes: O camiño natural das bágoas, 40 pequenos acordes do corazón doente e Esta vez fareino ben. Como o trevo que dá título ao conxunto, cada unha das súas partes definen unha identidade común, a sorpresa, o trevo de catro follas, non ten cabida neste camiñar canda a palabra.

A nosa existencia fai desa cuarta folliña un enganoso feito de esperanza, unha certeza que anula a dúbida permanente da nosa vida. A esa dúbida, a esa inquedanza que leva ás costas o ser humano, é á que interpela directamente o autor. Énchese, polo tanto, o poemario de preguntas, dunha búsqueda de respostas para ese misterio da perda, a dor da ausencia que se agocha trala morte, e cuxas solucións funcionan como un alivio ante o peso da sombra. As dúbidas, son a necesidade que ten todo creador para configurar a súa obra, unha dúbida que proxecta posibilidades, que albisca novos camiños dende os que debullar o interior do escritor que, coa súa palabra, chanta unha sorte de conxuro contra a incerteza, contra o medo.

A raiba, a crueza e o puño pechado semellan ser boa parte da tinta coa que escribe ese creador que se move en ámbitos como o da escrita, a filosofía ou a música.

A ferida faise permanente e a necesidade de convivir con ela é maior conforme os anos se botan enriba. Nesa procura da cicatriz atopamos a poesía de Antonio Gamoneda como compañeira de viaxe, como acontece con outros poetas que deixan a súa pegada ao longo do poemario: Antonio Tovar, Celso Emilio Ferreiro ou Lois Pereiro. Deste último recuperamos o seu impactante: "Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria". Un sentir que encaixa de xeito firme co ton do poemario de Manuel Seixas no que a raiba, a crueza e o puño pechado semellan ser boa parte da tinta coa que escribe ese creador que se move en ámbitos como o da escrita, a filosofía ou a música. Vieiros dunha procura cara o acougo, cara a certeza do corpo fronte as agresións do tempo. Aí xustamente nos convoca Manuel Seixas para que coa palabra sexamos quen de facer das nosas mans un xeito de corazón, un latexo de formas e posicións que ao longo do capítulo central do libro nos sitúan fronte a unha coexistencia da imaxe e do texto, do debuxo e da idea. Mans que saen, como o espectacular deseño da capa do libro, do maxín de Xurxo Romero Román. "O milagre en carne viva/ O corvo que chora sangue/ Déixame por un intre/ Quero sentir en paz/ O nada/ O nada", é un deses corenta latexos centrais na planificación do libro. Pequenos sinais. SOS que debuxan no aire un destino dificilmente interpretable. Instintos, valos, aldraxes, sufrimentos, vertixes, espiritos... unha sucesión que nos acolle ao tempo que nos converte en protagonistas deses vieiros que intúe o poeta.

"Pediría que os bos e xenerosos/infestasen as nacións anegadas de falsidade". Estamos xa no remate, na terceira folla dese trevo, onde unha raiola de futuro semella alumear no bosque. Ese fulgor impacta contra todo o anterior, contra a carraxe ao ver o que fomos quen de construír ao noso arredor. O noso fraude como especie afeita ao desterro da dignidade reclámase agora como un contrasinal para acadar a redención cun pasaporte que só a palabra e beleza poden suxeitar. Manuel Seixas terma de ambas para que nalgún momento inze esa cuarta folla do trevo, ese "frenesí da arela" que nos faga pensar, outro verbo no desterro.

OUTONO. Camiñamos sobre follas murchas. O tempo fuxídio concéntrase nestas páxinas de poesía como un berro, unha dor da ausencia que fai do seu baleiro o espazo da interrogación, o ámbito da palabra que nos acolle á procura dun trevo.

A triloxía do outono de Manuel Seixas
Comentarios