lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

A viaxe de 1921

París, Bélxica e Alemaña foron os destinos de Castelao no ano 1921 co soporte dunha pequena bolsa económica, pero co desexo de coñecer e descubrir a realidade artística dunha Europa en pleno proceso de renovación artística.

O MUSEO DE Pontevedra fixo coincidir a nova denominación do seu edificio máis moderno, agora xa Edificio Castelao, coa inauguración dun mostra que celebra o centenario da viaxe que Castelao fixera nos primeiros meses daquel ano a Europa Central. Máis en concreto a viaxe tivo un triple destino: París, Bélxica e Alemaña, recolléndose todas esas xornadas no chamado Diario 1921, unha xoia artística, creativa e de pensamento, que, como tantas outras pezas se gardan no recinto pontevedrés. Durante os próximos meses convértese na cerna dunha moi interesante exposición feita para coñecer o que viu Castelao naquela viaxe, o que lle interesou da súa visita a diferentes espazos artísticos e para entender como a partir desas olladas xurdiron unha serie de motivos que participarán de diferente momentos creativos do rianxeiro ata o remate dos seus días. 

Todo iso ten no Museo de Pontevedra a súa razón de ser. Os abondosos materiais, a súa perfecta conservación, o minucioso coñecemento da súa figura leva a plantexar, da man da comisaria Ángeles Tilve, unha desas exposicións que, como sempre acontece arredor de Castelao, por moito que penses que xa o sabes todo non deixas de descubrir cousas, de atopar novas liñas, debuxos ou miradas que non deixan de provocar o abraio. Dividida nas tres partes en que se concretou aquela viaxe, xunto cos debuxos que Castelao incluiu nos seus apuntamentos a exposición completa ese itinerario con materiais que o propio Castelao trouxo deses destinos. Refírome a libros, catálogos de exposicións, pasquíns que fan levedar o propio contido do Diario 1921 e amosan, de xeito firme, a capacidade de traballo de Castelao, o seu aproveitamento da cativa bolsa que lle permitiu achegarse a un destino tan afastado de Pontevedra, aquelas bolsas chamadas «da fame», pola súa escaseza e que outorgaba a Junta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas.

Comeza esta viaxe coas preocupacións de Castelao por se a súa praza de funcionario se mantería ante a súa marcha durante nove meses e coa cativeza dunha bolsa de 425 pesetas mensuais e 500 máis para facer fronte aos desprazamentos. Animado por Juan López Suárez, Xan de Forcados, Castelao realiza esa viaxe que será trascendental na súa formación artística coñecendo e afondando por un lado en sistemas de representacións artísticos tradicionais como a arte do Renacemento flamenco ou xermánico, pero tamén apreciando as novas inquedanzas dunha modernidade que nestes anos tiña o nome dunha chea de ismos ou movementos de vangarda que co tempo irían chegando ata o noso territorio pero que Castelao xa admirou e valorou de forma pioneira. 

En París tamén descubriu o Teatro do Morcego do ruso Balieff coas súas escenografías que logo adaptou ao seu Teatro da Arte e as escenografías da Coral Polifónica

En París, a súa estadía máis longa, será o Museo do Louvre onde se fixe en pezas como a Vitoria de Samotracia, unha Virxe con Neno de Memling e Home con copa de viño de Nuno Gonçalves. Pezas que cita de xeito expreso e que na exposición se recupera as súas imaxes para que vexamos o que viu o propio Castelao. Outras paradas serán o Museo de Luxemburgo ou o Museo Guimet, onde descubriu a estampa xaponesa, debuxando aves e formas da natureza que logo serían unha presenza constante nas súas pinturas. Pero a súa estadía en París, que non foi o seu destino favorito, quizais demasiado frívolo, é a que nos deixa tamén os seus debuxos das gárgolas de Notre Dame, trazos absolutamente marabillosos e que mostran ao gran debuxante que é ‘Os vellos non deben de namorarse’ ou as súas escenas de romarías. 

Máis cómodo estivo en Bélxica, o carácter flamenco cautivou ao galego e os cadros dos Bosco, Brueghel o Vello ou Huys foron sementeira para toda unha serie de figuracións monstrosas que poboarían diversas pezas no futuro. As cores de Patinir e o ruralismo flamenco serán tamén moi do seu agrado. A viaxe rematará despois de pasar 42 días en Alemaña, onde visitará as súas grandes catedrais, pero sobre todo será Munic, a cidade que máis lle chame a atención e onde coñecerá o expresionismo alemán, a importancia das grafías nos cartaces e o mundo do gravado que tan importante será para el, de volta a Galiza, traballando coa técnica do linóleo. 

Temos así un libro, de debuxos e apuntamentos que recolle unha vida chea de experiencias e descubrimentos e que agora convértese nunha exposición que amplía as posibilidades dese libro e, sobre todo, nos descubre a un home inquedo, desexoso de aprender e de achegar a Galiza a modernidade dun tempo novo.

A viaxe de 1921
Comentarios