Opinión

A quebra do xeo

O segundo libro de poemas de Pilar García Rego confirma unha poesía fonda que se mergulla na alma humana para tentar evidenciar as súas fendas. Un dobre discurrir, intelixentemente artellado, colócanos nun escenario de supervivencia fronte ao medo e a desolación.
Pilar García Rego
photo_camera Pilar García Rego

UNHA TRIBO de esquimós arrinca unha expedición camiñando sobre un fráxil chan de xeo. Ao tempo, a poeta esculca no seu universo para reflectir unha realidade que nos rodea, sometidos ao ruído dun humanario capaz de quebrar o noso chan, de facernos caer por un burato de desolación que cada vez máis nos define como especie.

Pilar García Rego publica Humanario na colección Dombate de poesía da Editorial Galaxia. É o seu segundo libro de poemas, un novo chanzo que, dada a súa firmeza, confirma o potencial literario desta muller que tan ben coñecemos polo seu labor no xornalismo e na comunicación da cultura no noso país e que está a acadar, dende a palabra poética, unha nova dimensión á hora de plantarlle cara a nosa realidade. O certo é que a poesía ten moito disto, de ollar en fite ao que nos arrodea, a unhas circunstancias cada vez máis diversas que só dende a capacidade da poesía para nomear de xeito preciso, para xerar imaxes a partir da forza da palabra e a posible emoción do lector, acadan unha sorte de levedo inspirador que nos leva a ollar ese canto do real no que normalmente nunca acostumamos a deternos tantas veces seguindo o camino sinalado por un ecosistema coas cartas marcadas e que gusta de adoutrinar as nosas mentes.

Esta proposta lévanos a asexar a través dunha dobre fiestra. A do sacrificio colectivo, a dunha tribo condeada ao fracaso e a derrota; pero tamén pola da perda do ser individual, as feridas que afronta a persoa cando se quebra aquilo que a suxeita. Unha verticalidade que tenderá á horizontalidade, ao derrubo das polas, o medo, o silencio. E, precisamente, este libro é un deambular polos silencios que o medo propón ao noso arredor, unha envoltura que nos solidifica, que enmudece a nosa liberdade e nos condea a deixar de ser nós mesmos.

Ao tempo que eses esquimós se moven sobre o xeo, agardando a súa condea, asumindo como inevitable un destino fatal como parte da súa propia historia colectiva; enfrontámonos a outra viaxe que tamén nos permite ser conscientes dos perigos, das ameazas, das sombras que, cada vez máis alongadas, tentan o noso sometemento ante unha vida cada vez máis complexa e que alumbrou esta poética nun ano como o 2020 no que todo foi diferente a como o tiñamos coñecido. «Non hai verso que tape o medo», escribe no comezo dun dos poemas Pilar García Rego. Iso eche ben certo, pero o verso tamén é luz, e a súa iridiscencia converte esa luz en guía que seguir para coñecer aquilo que fractura o chan que nos suxeita. O xeo convértese en auga. Unha inmersión na derrota, o naufraxio vital do non retorno.

Humanario, é, daquela, unha espreita á nosa fraxilidade, o asexo a ese «ruído insoportable do humanario». A pescuda desa fronteira, zona límite na que deixamos de ser nós converténdonos nunha bandeira que se encarta. A derrota e a renuncia, a loucura e tamén o aloumiño, os odios e as culpas, inimigos dunha sociedade aínda incapaz de detectar de xeito certo aquilo que pode ser máis perxudicial ca un virus. Consecuencias que esganan, que afogan a nosa gorxa e tinxen o aire do veo da frustración. En definitiva un choque tectónico entre o eu e a conmoción do real, a incómoda percepción dunha situación na que cada vez máis é ben complexo saír indemne.

Humanario, tamén é unha serie de cicatrices que sinalan a nosa pel, un debullar do físico que se enfronta ao tempo, que fai da natureza un espazo de resistencia que proclamará a súa victoria sobre nós mesmos nun futuro cada vez máis incerto para todos nós, pero non para ela, pese a nosa teimudez en convertela en refén sen solicitude de rescate á vista.

Con só dúas brazadas de poemas Pilar García Rego converte xa a súa mirada nunha necesidade da nosa lírica. Un sensíbel acubillo para tentar explicarnos fronte ao real, fronte a un ecosistema cada vez máis fráxil, cada vez máis favorable á quebra que nos converterá en vítimas de nós mesmos. Elos dunha cadea cun futuro incerto no que só a palabra e a súa luz fannos albiscar unha feble 

Comentarios