Opinión

A activación da arte e dos sentidos

Unha exposición procedente da Tate Modern de Londres amosa no Museu Atkinson de Gaia os postulados conceptuais e formais da arte cinética que xorde a mediados do pasado século na exploración de novas posibilidades da obra de arte e a súa relación co espectador.
Exposición

Nas décadas centrais do século pasado un conxunto de artistas, tanto en Europa como nos Estados Unidos, propuxeron uns vieiros polos que axitar a creación dende unha nova relación co espectador, moito máis íntima, ao precisar dunha maior conexión deste coas obras a través de miradas, sons e mesmo a súa posición fronte a elas o que suporía variar a súa visión. O que se deu en chamar Arte Óptica ou Cinética xorde nun contexto cunha forte presenza do visual, cos fogares de boa parte do mundo tendo un televisor no seu interior e cun planeta que desexaba fuxir das miserias dunha Guerra Mundial a través dunha nova mirada á vida a través do cine, a arte, a música e mesmo as drogas. Non foron poucos os artistas que quixeron proxectar as súas novas inquedanzas plásticas dende unha arte moito máis dinámica e activa, que fixese do espectador unha parte máis da obra e que precisaba del como o axente que coa súa percepción rematase o proceso creativo.

O Museu Atkinson de Porto, ubicado no distrito Cultural Wow en Gaia, fronte ao Cais da Ribeira, abre, deste xeito tan espectacular, o que promete ser unha das programacións culturais máis sobranceiras do norte de Portugal. No bulideiro contexto da urbe de Porto, coa presenza do Museu Serralves, preséntase como un complemento perfecto para facer dese territorio obxecto de visita e contemplación artística.

Máis de cen pezas, distribuídas a través de tres andares, procedentes dos vizosos fondos da Tate Modern, coa que a institución portuguesa inicia unha colaboración chea de posibilidades, permite que nos fagamos unha máis que completa idea das pretensións deste movemento que, sobre todo, procuraba activar sensacións visuais, ás veces complexas, e que tiñan na inclusión de partes móbiles todo un desafío á, ata ese momento, domesticada maneira de mirar a arte, moito máis contemplativa, más estática e sen apenas modificar un contido que tiña na bidimensionalidade o seu ámbito de acción e emoción.

Pinturas, esculturas, obra en papel, filmes ou instalacións e nomes como os de Alexander Calder, Frank Stella, Victor Vasarely, Julio Le Parco ou Lygia Clark ofrecen, baixo o comisariado de Valentina Ravaglia, unha moi interesante achega a este movemento, presentado outras veces dun xeito parcial, pero que, ao percorrer esta exposición, e recoñecer numerosas procedencias e momentos históricos, somos quen de darnos conta da súa repercusión en diferentes latitudes e a súa evolución nas décadas seguintes ao seu nacemento. Iníciase a visita cunha lembranza da exposición O movemento que tivo lugar en 1955 na Galería Denise René de París, baixo o comisariado de Victor Vasarely e con obras de nomes como Duchamp ou Calder, nunha proposta que a través de elementos mecánicos ou ópticos alteraban físicamente ou dende a súa recepción esas pezas. Os móbiles de Calder ou os discos que xiraban de Duchamp amosaban de xeito real o que Alexander Calder afirmaba: "Tal e como se poden compoñer cores, ou formas, tamén se poden compoñer movementos".

Entre 1957 e 1966 o Grupo Zero en Dusseldorf, con nomes como os de Heiz Mack e Otto Piene, quixo dar resposta á pintura expresionista do momento, querendo fuxir desa intimidade para envolver ao espectador a través dos seus sentidos coa luz e o movemento. Tamén dende Suramérica un grupo de artistas desenvolveu un traballo interesante para evocar o movemento tridimensional con planos móbiles e formas xeométricas. Max Bill, Lygia Clark ou o venezolano Jesús Rafael Soto, que tamén formara parte daquela mostra en París, lideraban estas propostas. Inglaterra tamén achegou as súas ideas dende o chamado Construtivismo británico, propoñendo relacións entre a abstracción xeométrica e a tecnoloxía.

París, Zagreb, Nova York o norte de África e Asia, tamén aportan as súas olladas e actuacións para facer da obra de arte un sorprendente exercicio dinámico, que mergulla ao espectador nunha loita contra os seus propios sentidos e que nesta exposición ten unha magnífica oportunidade para coñecelo en tódalas súas variadas e fluídas dimensións.

Comentarios