Opinión

Alumnas de premio e esperanza

As alumnas de Paula Carballeira vén de acadar o Premio Nacional de Literatura Dramática cunha obra comprometida cos valores dunha escola libre e laica, avanzada para o seu tempo e que homenaxea á figura de María Barbeito
Paula Carballeira. XAN XE CORRAL PAZ
photo_camera Paula Carballeira. XAN XE CORRAL PAZ

Publicada pola editorial Galaxia, que vén así a sumar outro premio Nacional a un abraiante ronsel de galardóns acadados en moi pouco tempo, As alumnas é un emocionante texto dramático que se pode gozar, non só dende a representación física da obra, senón a través dunha escrita que, de xeito moi intelixente, parte da homenaxe á mestra María Barbeito, como reflexo do que supuxo o labor dos mestres durante a Segunda República e que continúa ata o noso tempo a través de dúas das que foron as súas alumnas, cada unha respostando a dous roles ben diferentes e moi definidos, un, o da continuación desas ensinanzas, e o outro, o dunha muller que se rexía máis polo que pedía e mesmo esixían as doutrinas da ensinanza baixo o franquismo.

Ambas as dúas coinciden no enterro de María Barbeito, en 1970, e así é como Rosa e Elvira mergúllanse no pasado para lembrar a aquela mestra, diferente, e que deixou nelas unha pegada tan fonda que tantos anos despois aínda se mantén viva nelas, como o gran triunfo de quen sufriu un proceso de depuración que supuxo a destitución dos seus cargos académicos. Aquelas nenas da República lembran moitas desas ensinanzas, daqueles saberes que ían moito máis alá dunha acumulación de coñecementos académicos converténdose en auténticas leccións de vida que aquí desembocan en cada unha das escenas da obra amosando como tiñan que ser os comportamentos das mulleres a carón dos seus homes, o papel da relixión, o emprego da lingua galega na súas vidas,... en definitiva, todos eses postulados que a escola que xurdiu da vitoria militar dos sublevados aplicou a todo un país marcando as décadas seguintes do país e aos seus habitantes.

Esa dualidade que nos achega Paula Carballeira, con dúas mulleres que reflicten dous modelos á hora de entender e vivir a realidade, permítelle compoñer todo un diálogo que converte ao lector, ou no caso de asistir á función ao espectador, en parte desa conversa entre as dúas amigas ás que a vida e o paso do tempo, xunto ás súas circunstancias, situaron en diferentes posicións, en distintos vieiros dunha mesma realidade, pero que mantiveron sempre acesa aquela mirada da súa mestra. A muller valente e esperanzada que lles fixo ollar a vida dunha maneira diferente e que reflicte a relevancia que ten a educación nas nosas vidas e de que xeito o quefacer dun profesor pode ser quen de mudar a nosa maneira de ollar o mundo facéndoo diferente para o resto das nosas vidas.

Paula Carballeira convértese tamén na primeira muller en acadar ese galardón por unha obra escrita en galego o que ten moita importancia polo que supón para a lingua na que adoita a escribir a autora de Fene, e como maneira de visibilizar o noso sistema literario e a lingua no resto do Estado, ademais do pulo para o resto de autores que seguen a facer da súa lingua e o traballo con ela un compromiso coa súa sociedade, como o que tentou amosar María Barbeito, todo un referente do ensino en Galicia. A autora reivindica xa non só a súa figura, senón a educación pública dende una ollada femenina que tamén permita avanzar en cuestións vencelladas á educación afectiva e sexual, outorgándolle ao ensino unha maior importancia para o conxunto da sociedade que en moitas ocasións non acaba de entender a relevancia que para o ser humano ten ese tempo de aprendizaxe e de espertar á vida, con todo o que supón para a sociedade e un maior desenvolvemento individual en liberdade.

O Premio Nacional de Literatura Dramática dá azos ao labor de Paula Carballeira que, de xeito non moi visible para o gran público, aportou ao noso sistema literario toda unha serie de textos que adoitan reivindicar o papel da muller como protagonista de grandes e pequenas historias, pero sobre todo como activos dunha sociedade que durante demasiado tempo silenciou ese rol que mulleres como María Barbeito quixeron activar, sabedoras do potencial que se agocha en cada unha delas. Estas escenas, esta obra de teatro, son o froito daquel xermolo que unha muller sementou para que abrollase no futuro, un futuro co nome das súas alumnas.

Comentarios