Arredor de Castelao

Castelao, no centro, nun acto en Lugo. AEP
A editora Laiovento recupera, actualizado, o libro de Pilar García Negro, 'Arredor de Castelao', no que a autora reflexiona dende diferentes textos en torno a varios temas do múltiple labor político e creativo de Castelao, sempre entendido como un todo, e aínda vixente hoxe.

O día 7 de xaneiro de 2025 rematouse de imprentar a reedición dun libro xa imprescindible para achegarse á figura de Castelao, sobre todo por vir da man da súa autora, Pilar García Negro, quen, máis alá do seu labor político, ten un recoñecido prestixio en ámbitos como os da sociolingüística, a lingua e a literatura galega. Esa data contén unha efeméride que enche este ano dunha chea de actividades arredor da figura do autor de Sempre en Galiza, xa que nese día de 1950 falecía en Bos Aires, tras a obrigada saída do país en 1936 despois da sublevación militar contra o goberno da República e que xa fixo imposible o regreso do político de Rianxo.

65 anos despois a figura de Castelao segue amosándose como un longo horizonte dende o que albiscar as posibilidades dun país que aínda non foi quen, realmente, de situarse a carón dun ideario como o de Castelao, cheo de confianza nas posibilidades de Galiza. Pilar García Negro fai de Arredor de Castelao un argumentario de posibilidades, unha vacina contra o minifundismo e a falla de confianza dun territorio e as súas xentes dentro dun contexto de universalidade. Tanto dende o seu labor plástico, como pintor, ilustrador ou debuxante; ou no ámbito literario, e, como non, no seu facer político, Castelao orienta todo o seu facer baixo unha mesma arela, impulsado por un único ideario, como é o de facer de Galiza unha nazón de seu, na que a defensa do ser humano ocupa o primeiro lugar. "Se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra, non ficaría nada dela", afirmou Castelao, nunha frase coa que se abre un dos capítulos deste libro adicado ao emprego do galego como unha "normalidade monolíngüe".

No primeiro dos textos do libro a autora reflexiona sobre o carácter proteico da súa obra que capilariza en diferentes ámbitos creativos e de pensamento, pero todos eles irrigados por un compromiso que os une a todos nun mesmo vieiro, pese as perversas intencións de afastar eses ámbitos uns de outros, como se atendesen a diferentes cuestións, sendo absolutamente indisociábeis os seus traballos artísticos dun pensamento político que el mesmo xa pon en valor dende o primeiro momento até o final dos seus días.

O terceiro deses textos céntrase nun dos capítulos menos tratados e coñecidos de Castelao, como é o do seu labor teatral, e como a obra Os vellos non deben de namorarse non foi nunca o suficientemente valorada e  analizada axeitadamente por unha crítica que non soubo atopar nela toda unha serie de cuestións coas que Castelao se fixaban elementos da nosa sociedade e dentro dun sistema artístico total, no que se inxerían diferentes xéneros, como o plástico, o literario ou o escenográfico. Todo iso na procura dunha "soberanía estética" na nosa terra, e que entendese a arte dun xeito amplo, como o dos grandes ballets rusos que coñecera na súa viaxe de 1921 polo centro de Europa, e que tamén trasladou aos telóns creados para a Coral Polifónica de Pontevedra, que este ano celebra o centenario da súa creación cunha exposición no Museo de Pontevedra onde se amosan copias dalgunhas desas escenografías e que se poden ver ao longo das próximas semanas.

O seguinte capítulo céntrase no papel da muller dentro do traballo de Castelao, sendo un dos textos máis fascinantes do libro ao relacionar Pilar García Negro, o labor artístico de Castelao co necesario feminismo a reivindicar sempre, e do que esta autora ten tamén reflexionado bastante en diferentes escritos e ponencias ao longo da súa vida. Será así como se visibiliza unha evolución do papel que Castelao lle outorga á muller co paso dos anos e cómo o autor de Cousas, emprega a imaxe feminina para falar da maternidade, da violencia sexual, do matrimonio, a dor ou a explotación laboral, mais tamén, como o gran símbolo da terra no que se metaforiza a propia Galiza, como na publicidade empregada na campaña do Estatuto de Galiza.

Finalmente, e non menos importante, Pilar García Negro aborda a vixencia do pensamento de Castelao nos nosos días, o apropiacionismo que pretenden algúns da súa figura, intachable no seu compromiso ata o fin dos seus días, e se realmente Castelao é de todos, nunha personalidade que, como ningunha outra en Galiza, reflicte a "unión íntima entre o destino persoal e o destino colectivo" dun país sumido xa na escura longa noite de pedra na que sempre alumeou como un faro de dignidade aínda aceso.