Atrévete a ler este libro

Fran Alonso. EP
Fran Alonso fai de 'Véndoche un poema' unha vizosa reflexión sobre a relación entre publicidade e poesía, moito máis intensa do que nos poida parecer e como, dende a actual abafante estimulación de mensaxes, a poesía tamén pode medrar para provocar un impacto en nós

Leva nos últimos anos a través de diferentes publicacións Fran Alonso activando unha reflexión moi necesaria e atinada sobre o noso contexto social e como este, tantas veces desprezado pola súa condición de cotiandade, se pode relacionar coa poesía.

Non hai que mirar moi lonxe ao noso arredor para ver paredes ou muros cheos de palabras, de mensaxes de maior ou menor condición artística mediante o graffiti ou simplemente palabras chantadas como berros de desafogo, mais tamén, e cunha maior intensidade, e mesmo violencia visual, a publicidade enche as nosas vilas coas súas diferentes maneiras de seducción con nós, potenciais clientes deste mundo absolutamente marcado pola condición mercantilista dunha sociedade na que todo semella estar definido polo capital e a súa maneira de interferir nas nosas vidas e condutas.

Véndoche un poema, o novo libro de Fran Alonso, baixo a edición de Xerais, explora esa relación da poesía co noso contexto social e no que se traballa tanto dende a palabra como dende a imaxe, grazas a un deseño interior moi cuidado e estudiado cheo de suxerencias nese fluír híbrido da poesía e a publicidade. Con fotografías tomadas polo propio Fran Alonso asumimos a abafante presenza de propostas do máis diverso neste mercado tolo no que estamos sumidos, e alí, entre todo ese sistema perverso a poesía tamén ten o seu sitio. Porque ante a poesía non temos por que estar sempre pendentes de que descenda dun trono místico de inspiración ou de atopala esculcando unha natureza arrebatadora a carón dunha corrente de auga fresca ou exultante ante o devezo do amor. A poesía está entre nós a diario como xeito de mirar unha realidade na que ela mesma atopa as físgoas dende as que brotar e aparecer ante os nosos ollos para interrogarnos, para cuestionarnos ante a nosa sensibilidade fronte ao que acontece ao noso arredor.

Non hai máis que ler con atención o lúcido limiar que o propio Fran Alonso asina como previo ao poemario no que atende a estas cuestións de maneira razoable e iluminando ao lector ante esa realidade sobre a que non adoitamos reparar, sumidos na secuencia de impactos aos que nos somete a nosa contorna tanto en espazos públicos como privados, e arredor dos cales o autor establece unha secuencia de capítulos nos que xunta os diferentes poemas do libro. Cinco paradas dende as que asomarnos a eses templos da contemporaneidade como son os centros comerciais; o espazo público e como este se ve impunemente intervido por esas mensaxes; as redes sociais e a invasión do noso ámbito máis privado; a ausencia de escrúpulos con claras doses de engano e, por último, a enorme versatilidade deste medio para enviar os seus eslogans colonizando, como unha inesgotable hedra, diferentes contextos da nosa realidade vital.

Ao longo do libro non podemos evitar caer en parte da proposta feita pola propia publicidade, o seu magnetismo e capacidade de fascinación que, do mesmo xeito ca poesía xoga con esa conquista da beleza e do impacto emocional, tamén o manexo de elementos como a transgresión ou a innovación forman parte de ambos territorios nos que a creatividade xoga neles un papel determinante, mais tamén nos atopamos certas mensaxes absolutamente desprezables encaixadas nesa forza e brevidade ás que a publicidade, como a propia poesía, se somete na súa concepción formal.

Fran Alonso adéntranos nun ámbito engaiolante no que a súa creación poética establece uns imprevisibles fíos con esas mensaxes publicitarias nas que tamén atopamos a poesía, unhas veces de xeito máis inopinado pero outras a mantenta por parte duns publicitarios que integran composicións poéticas nas súas mensaxes.

O noso protagonista traballa esa tensión traendo ante nós poetas como Pessoa, Rosalía de Castro, Luis Amado Carballo, Pondal, Kavafis ou Safo, por citar tan só algúns nomes, dende os que se explora esa relación dunha maneira que non agardabamos pero ante os que se nos abren os ollos como ante esas formas de publicidade que agochan desalmados discursos en relación á política, o ecoloxismo ou a problemática da vivenda, por parte daqueles que nos queren enfeitizar dende unha imaxe ou un estudado eslogan convertido nun escuro pozo de ambición.