Opinión

A coleccionistas de cores de pel

O Museo de Pontevedra acolle a primeira intervención do programa 'Infiltracións' que, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, activa unha serie de diálogos coa colección do propio centro. Mónica Alonso amosa a súa obsesión polas cores da pel e a súa análise nas obras de arte
Aspecto da exposición /DIEGO FREIRE
photo_camera Aspecto da exposición /DIEGO FREIRE

Unha boa maneira de reivindicar as nosas coleccións artísticas en diferentes centros museísticos é a de establecer novas relacións entre esas coleccións, moitas veces estáticas durante demasiado tempo, sen apenas renovación en canto a súa exhibición e relación co público, e a actualidade artística. Un xeito de tensionar diferentes miradas dende o paso dos anos co fiel notario deses feitos.

Asistimos nos últimos tempos a diferentes propostas dentro deste ámbito de acción, como a lectura que o fotógrafo Manuel Vilariño fixo no Museo de Belas Artes da Coruña durante a súa última exposición After the whale no 2022 ou a máis recente na compostelana sede de Afundación, na que diferentes creadores contemporáneos propoñen dende diferentes pezas novas relacións coa obra do pintor Tino Grandío.

Desta vez é o Museo de Pontevedra o que, posuidor dunha extraordinaria colección de fondos artísticos dende o medievo ata os nosos días o que propón esa lectura entre diferentes tempos, entre miradas dun pasado que se activa no presente, desta vez da man de Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), e que, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, comeza un proxecto denominado Infiltracións que terá dous protagonistas ao longo do ano para reinterpretar e interactuar neses fondos do Museo, sendo o seguinte artista convidado a participar no último trimestre do ano o colombiano Alberto Baraya.

Seguimos a Mónica Alonso dende aquela exposición que lembramos hoxe cun halo mítico, Novos camiñantes e que, comisariada no Pazo da Cultura de Pontevedra por Miguel Fernández Cid, revelou  toda unha xeración que marcaría a nosa arte dende entón con nomes como os de Vicente Blanco, Salvador Cidrás, Almudena Fernández, Tatiana Medal ou Álvaro Negro, entre outros. Mónica Alonso, dende entón, afrontou un camiño no que a arte posúe unha forte compoñente de investigación, de análise e de proposta teórica, convertidas logo en práctica en diferentes proxectos tanto individuais como colectivos, sobre as súas posibilidades como xeito de motivación dos diversos estados de ánimo da persoa, mesmo tamén das súas posibilidades como elemento terapéutico. As súas obras asociámolas sempre ao poder e os significados da cor, e cómo a nosa presenza forma parte desa obra capaz de suxerir, e mesmo provocar, toda unha serie de reaccións sensoriais ante ela.

No Museo de Pontevedra, ao longo dos tres andares da Colección no Edificio Castelao, e tras escoller quince obras, dende a arte barroca ata unha escultura de Francisco Leiro, como a máis recente no tempo dese conxunto, e seleccionando entre ambas obras de Asorey, Castelao, Maruja Mallo ou Manuel Torres... a artista intégranos nunha ficción, nun relato sobre unha muller, a coleccionista de cores da pel, que "consciente do difícil que é conseguir as cores da pel viva, decide obtelas nas obras de arte", contrata para iso a un copista que sexa quen de atopar as claves desas tonalidades que, como un alquimista, sexa quen de obter esa mesma cor e se poida presentar ao espectador en diferentes recipientes. Así é como teremos peles de diferentes cores, peles de homes e mulleres, mesmo de anxos, peles que xorden da madeira, do xeso ou do granito...en definitiva, Mónica Alonso obtén esa fórmula do marabilloso que só a arte é quen de achegarnos e que nós mesmos poderemos reproducir grazas a que, como parte do proxecto, podemos ter un caderno no que se atopan esas fórmulas e que levándoas a un lugar especializado en pinturas podemos obter esa mesma emoción.

Con todos eses frascos diante de cada unha das obras seleccionadas Mónica Alonso alenta as nosas posibilidades de observación, primeiro da pintura ou da escultura, despois desa cor obtida polo alquimista, o seguinte paso é establecer unha mirada simultánea entre ambas dándonos así a posibilidade de que sexamos quen de valorar as súas calidades e que sexamos quen de aproveitar esa experiencia cromática para as nosas vidas.

Infiltracións é un xeito de dialogar coas obras de arte pero, sobre todo, é unha maneira de dialogar co espectador mediante a súa conexión cunha arte que, lonxe das causalidades temporais, responde á inesgotable ecuación do talento e as emocións.

Comentarios