Opinión

Compromiso cos refuxiados

Joam Berride amosa a súa implicación creativa a través dun drama no mundo, o que alude mediante a representación dun deses escenarios que amosan a nosa derrota como colectivo. Os campos de refuxiados centran unha firme pintura do compromiso.
campo de refugiados

A sala Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa amosa a obra de Joam Berride. Unha pintura chea de ritmos, de formas que se moldean dende un medido exercicio de combinación de luz e cor capaces, nese equilibrio tan complexo de acadar e dispoñer sobre a superficie do lenzo, toda unha visión que adoita ter moito de imaxinación e de evocar unha capacidade de seducir ao espectador a través desa posibilidade de fabular ou de xerar un universo cheo de sensacións.

Nesta mostra, na súa vila de orixe, Joam Berride amosa esa seducción da súa pintura dende a rotunda plasticidade da súa obra, desta vez enriquecida cunha fonda compoñente social a través do compromiso que se propón como elemento central da exposición, a través da súa serie Campamento de refuxiados que lle dá nome a unha exposición, na que tamén podemos ver pezas doutras series, como Emigrantes ou Aprendendo a voar, unha fantástica conquista do movemento a través dos seus avións que semella potenciar esa sensación de levedo que amosa sempre a obra deste pintor. Esas siluetas no aire tamén se levan ás pezas que forman a serie Campamento de refuxiados, nas que en moitas delas asoman eses avións xerando unha sensación de inquedanza polo que poida haber tras eles, dubidando do que poidan deixar ao seu paso, se axuda ou máis destrución.

Mais no chan, sobre o territorio, Joam Berride desprega esa capacidade súa para xerar estruturas rítmicas, desta vez as tendas de campaña dos campos de refuxiados que nos atopamos en moitas zonas do mundo ou tamén coa representación de construcións máis ou menos efémeras, onde tamén o ser humano atopa acubillo ante algunha das moitas situacións dramáticas ás que asistimos e, dende o noso confort, a través dos medios de comunicación. A carón de moitas delas o autor dispón toda unha serie de símbolos que representan ás diferentes relixións, sendo, moitas veces esas tensións entre distintos credos as que motivan enfrontamentos e situacións bélicas que motivan algúns deses campamentos de refuxiados. Persoas que non vemos nas súas pinturas, mentres que o pintor no que insiste é nesa sistemática representación de acubillos que conforma eses espazos do abandono, recintos da vulnerabilidade humana. Atopamos así eses contextos absolutamente deshumanizados, colectivos anónimos que tenden a eliminar calquer trazo da singularidade da persoa.

Todas estas imaxes fixas dunha realidade desacougante integran un elemento estarrecedor: o silencio. Semella cada cadro un silencio convertido en berro, un silencio inquedante que xorde deses hábitats nos que non vemos, pero si intuímos que a presenza humana se atopa no seu interior. Seres baixo ameaza, seres cheos de medo, seres que non entenden moito do que acontece fóra dalí e que os obrigou a deixar todo o que tiñan, o que ata fai unhas xornadas era algo apracible, cheo desa riqueza que non adoitamos valorar como é a cotidianeidade e que, polas decisións dos poderosos ou por traxedias naturais ás que adoitamos darlles, despois do impacto mediático, as costas, mudan o seu destino.

Todo isto que apreciamos nas obras de Joam Berride nace dun xeito de representación especial, dunha maneira de facer e de entender a pintura dunha forma orgánica, de figuras que de xeito sinuoso vanse enguedellando entre elas, creando unha representación continua, sen baleiros, sen ocos que permitan que o aire nos permita respirar. Esa continuidade da liña non nos deixa tempo para coller aire, para que poidamos pensar cara onde vai este mundo cada vez máis abafante con nós mesmos.

Cada pincelada de Joam Berride procura atopar unha resposta ou, polo menos, que sintamos que todas esas vidas alí agochadas forman parte dunha realidade da que non somos demasiado conscientes, pero que precisa de nós para rachar unha deriva terrible e a que, dende a súa pintura, ofrece un compromiso que emociona por como luz e cor poden asinar un fío de implicación cos máis desfavorecidos.

Comentarios