Opinión

Correspondencias: Tino Grandío

A singular pintura de Tino Grandío atopa nestas 'Correspondencias' con outros creadores unha intelixente e poderosa evidencia de cómo a arte pervive no tempo, mantendo a súa capacidade para relacionarse con propostas artísticas posteriores das que todos saen beneficiados.
Mostra de Tino Grandío /EP
photo_camera Mostra de Tino Grandío /EP

É ben interesante esta aposta que se adoita facer dende diferentes institucións artísticas para, en base a unha serie de pezas ou autores xa consolidados pola súa traxectoria e papel dentro desas coleccións, atopar novas relacións con creadores posteriores que propoñen dende a súas propias pezas novas lecturas da obra dese autor sobranceiro. Neste caso é a figura de Tino Grandío (Lousada, Guntín, 1924; Lugo, 1977) a que dende hai uns meses ocupa as diferentes salas de exposicións de Abanca na praza de Cervantes en Compostela, e da que se vén de prorrogar a mostra ata finais do vindeiro mes de xuño.

Correspondencias: Tino Grandío, baixo o comisariado da Cooperativa Performa —isto é, Mónica Maneiro, David Barro e Iñaki Martínez Antelo— evidencia o verdadeiro sentido de toda manifestación artística de calidade, como é a súa pervivencia no tempo e a posibilidade de que unha obra sirva de inspiración para creadores de momentos posteriores que, de xeito máis ou menos natural, entenden que un traballo artístico pode axudar a explorar novos vieiros creativos. Desta vez ese proceso acelerouse dende a proposta de que quince creadores establecesen un diálogo directo coa propia obra do artista lugués, e o certo é que poucos traballos poden ser máis inspiradores que os da pintura que da man de Tino Grandío constitúen unha illa de autenticidade e singularidade dentro do panorama artístico galego. Cadros coa suficiente potencialidade como para que o espectador, ou, neste caso, os artistas seleccionados, sexan quen de deixarse levar polo maxín que se contén en cada unha destas pezas, así como pola posibilidade de completar as súas significacións por esa pintura sen concretar, de presenzas ausentes, de formas que se intúen pero que xogan cunha lúcida abstracción.

A través dos distintos xéneros que traballou o autor dese extraordinario retrato do ditador Franco, percorremos a mostra entre a admiración pola súa pintura e a sorpresa por cómo son quen os diferentes convidados de solucionar esa tensión proposta coas diferentes obras de Tino Grandío. Espazos de reunión, paisaxe, bodegón, a figura da muller ou o territorio rural singularizan cada un deses espazos de diálogo ao que se enfrontan Carla Andrade, Vasco Araújo, Manuel Eirís, Tamara Feijoo, Xisela Franco, Christian García Bello, Cristina Garrido, Julia Huete, Los Bravú, Jesús Madriñán, Vítor Mejuto, Álvaro Negro, Julião Sarmento, Alain Urrutia e Eulàlia Valldosera. Xa entramos nos gustos individuais en canto ás preferencias á hora de amosar o maior ou menor éxito en canto a esas relacións que en conxunto amosan un perfecto equilibrio axudado pola boa disposición das pezas ao longo do espazo expositivo.

Como acontece en toda exposición colectiva algunhas impactan máis pola capacidade do artista para mergullarse no espírito desa obra que motiva o seu traballo, así Vítor Mejuto e a súa correspondencia con Guardia Civil, Mujer vaca (1968) ou El café Gijón (1968); ou Alain Urrutia, dende as súas respectivas linguaxes acadan un marabilloso resultado; o mesmo que Carla Andrade e o seu vídeo Amarillo atlántico e a súa interpretación da paisaxe; como Álvaro Negro enfrontándose ao estremecedor Cementerio de Lousada (1973), ou Manuel Eirís, ou no caso do bodegón cos sempre fascinantes e refrescantes Los Bravú. Do mesmo xeito, en canto á correspondencia contemporánea co corpo da muller, é fascinante a atmosfera que dá xerado Julião Sarmiento coa súa instalación Kiss my eyes (with chairs) convertendo ao espectador mesmo en cómplice desa relación entre ela e o cadro Las damas (1975).

Miradas que se cruzan nun desafío ao tempo, tamén a aquela advertencia que facía o propio autor arredor da súa pintura sobre a que "os que non queren ter o traballo de pensar, non merecen a pena". Aquí quince creadores tomáronse a molestia de pensar a partir da obra de Tino Grandío, deses grises que semellan esmagar ao espectador con esa mestura de contundencia e de liviandade, dunha brumosidade extraordinaria que non precisaba de cores, bastante tiña con capturar sensacións. Correspondencias: Tino Grandío, é, polo tanto, unha magnífica oportunidade para volver reinvindicar unha desas obras senlleiras da nosa plástica, un perfil único e polo que aquí vemos, inesgotable.

Comentarios