Opinión

Na dobre descuberta de Guillermo Monroy

Corenta anos pasaron do seu pasamento e achegarse hoxe á obra de Guillermo Monroy supón recuperar o latexo dunha pintura que axudou a mudar a faciana da nosa plástica como membro de Atlántica. Cor e espazo promoven unha pintura única e con vocación de emocionar.

NO ESPAZO de Arte Sirvent en Vigo acolle ata o mes de febreiro unha dobre descuberta da obra de Guillermo Monroy. Dobre polo que ten de permitir achegar a mirada de moitos que non o coñecen á obra deste creador, membro de Atlántica e falecido con tan só 28 anos en 1982; e tamén, para os que saben do seu afouto labor dentro dese colectivo, por atopar unha escolla de obras que xorden do seu taller a través dunha coidadosa tarefa de comisariado e revisión do seu traballo feita nos últimos anos da man de Ángel Cerviño.

Falamos de dez obras que, pintadas entre os anos 1978 e 1981, permiten enfrontarse cunha maneira de facer do pictórico un xeito de expresión que, xunto coas diferentes presenzas dos membros de Atlántica, converteu eses anos de transición dos anos 60 aos 80 nun bulideiro espazo de transformación e expresión artística que dende o creativo empurraba por facer unha sociedade más aberta e luminosa do que viña sendo o tardofranquismo, no que todos eles medraron conscientes de que un tempo novo chegaba e había que apostar por el. Unha vontade común que se fixo moi poderosa dende a ollada ao exterior, a un tempo no que a pintura reinvindicaba as súas posibilidades dende novos expresionismos, tanto en determinados ámbitos europeos como norteamericanos. Incorporar esa acción ao ámbito galego supuxo o inicio de Atlántica, que viña levedando varios anos antes da súa exposición fundacional na Casa da Cultura de Baiona no verán de 1980. Pintores, escultores, arquitectos, poetas, escritores, teóricos ou coleccionistas xeraron todo un magma de enerxía creativa na que o nome de Guillermo Monroy tivo un papel fundacional, por estar aí, e polo seu carácter dinámico e aglutinador doutras sensibilidades, alentando esa estratexia común de fornecer un colectivo que, como tal, amosase un novo xeito de afrontar a nosa arte, cunha renovación estética que moitos dos seus compoñentes xa tiñan xerado tempo atrás, pero que agora se identificaba de xeito firme cunha nova realidade social e mesmo mental, que tamén viña a significar un berro para espertar conciencias individuais e colectivas nun país no que todo estaba aínda por facer, aínda máis no cultural, sen infraestructuras e sen unha mirada do seu tempo ás diferentes sensibilidades que se viñan fornecendo no tempo.

Enfrontados ás obras de Guillermo Monroy, formadas por acrílicos sobre papel, tea, cartón ou táboa de diferentes tamaños un atopa ao mozo que quería facer da súa xestualidade un reclamo para o espectador. Unha pegada que chega ate hoxe mantendo firme a súa frescura e mesmo a capacidade de sorpresa pola liberdade da exploración que dende a cor ou dende o propio estudo da superficie cun tratamento xeométrico, realiza alguén que tiña firmes ancoraxes co expresionismo americano, pero de xeito máis intenso coas achegas matissianas á pintura, na que as formas atópanse vencelladas ás posibilidades expresivas dunha cor que transmite luminosidade e unhas gañas irrenunciables para achegar a pintura á vida, ou ao revés.

As pezas que forman parte desta mostra son prácticamente descoñecidas, ao formar parte dos fondos do artista que permanecen na vivenda familiar. Unha intelixente achega por parte do seu comisario e do Espazo Sirvent á hora de impulsar unha nova mirada, que abofé será quen de alentar novas aproximacións tan merecidas coma necesarias, con quen o tempo non foi demasiado xeneroso en canto a seguir profundando e dando a coñecer un dos traballos máis intensos e interesantes do colectivo. Marcado pola súa prematura morte, sorprende o moito feito en tan poucos anos, pero, sobre todo, a madurez acadada nunha proposta formal proposta xa cunha clara vontade de transcendencia, cunha linguaxe rotunda en base a esa sólida construción do espazo interior, a xeometría e a liberdade da cor na que reside a emoción de cada unha das súas obras, auténticos miradoiros cara o estado da pintura no seu tempo. Un horizonte ao que Guillermo Monroy nos levou en moitas ocasións a través das súas características fiestras, como tantas das que formaron parte dos cadros de Matisse, aínda que aquí cun protagonismo maior, enchendo a superficie da pintura coa propia ventá nun diálogo entre liñas e cores. Desta vez non atopamos fiestras, pero aínda así poucas ocasións mellores para ollar cara o interior e exterior de Guillermo Monroy como con estas pezas nas que se contén, no so o seu eu, senón o latexo dun grupo inesquecible e do que aínda hai moito que falar dende o noso presente.

Comentarios