Opinión

Domar a Rimbaud

Publicado en 1886 As iluminacións é un dos dous libros publicados en vida do xenial Arthur Rimbaud, agora, da man das tamén poetas Tamara Andrés e Oriana Méndez a súa onda expansiva no verso fai tremer á literatura galega coa súa tradución a nosa lingua
2024021916194398503
photo_camera Arthur Rimbaud. INTERNET

FORON varios os achegamentos da poesía de Arthur Rimbaud ao longo do tempo á lingua galega, como nos fan saber os editores da colección de poesía Tambo, pertencente ao selo Kalandraka, nun texto que pecha a publicación en galego de As iluminacións. Nel vemos como dende Vicente Risco en 1919, pasando por Florencio Delgado Gurriarán, Cunqueiro, Manuel Antonio ata Eme Cartea ou Xoán Abeleira, máis recentemente, se fixo da poesía do mozo autor francés unha referencia na nosa lingua, volcándoa ao noso sistema literario, con maior ou menor intensidade.

Mais hoxe cumpre poñer en valor este novo pulo á súa obra no que de xeito moi intelixente enguedéllase a súa poesía coa de dous novos nomes da nosa poesía, que se moven, salvando moitas distancias, dentro de certos parámetros moi semellantes aos de quen significou unha nova poesía, chea de liberdade, axena a corsés estilítiscos ou métricos, e que procuraba establecer unha relación diferente entre o home e unha contorna na que xa era imposible negarse a tentar entender a modernidade dos novos contextos urbanos que inzaban a Europa de finais do século XIX.

Tamara Andrés e Oriana Méndez artellan moito máis que unha tarefa de tradución, xa de por si meritoria e ben complexa, senón que a súa proposta á hora do trasvase de linguas, tamén ten moito de tecer un fío común dende dúas mulleres que hai moito tempo fixeron deste autor unha lectura cotiá, mesmo imprescindible, e á que volver deste xeito tan intenso supón unha alianza interxeracional, así como a resolución de dúbidas á hora de enfrontarse á unha tradución que permite propor novas solucións para seguir ampliando o horizonte dunha poesía chea de posibilidades, de significados diversos aos que toca acotar cando se produce ese paso a outra lingua, tamén coas súas singularidades léxicas e expresivas.

Tamara Andrés e Oriana Méndez decidiron non incluír notas explicatorias ao longo do texto, propiciando así unha achega máis libre e natural obra do autor de Unha temporada no inferno. Unha lectura máis sinxela que leva a unha conexión máis directa entre o lector e unha poesía chea de suxerencias visuais, de imaxes poderosas que medran entre esa prosa que fuxe da fisonomía do poema para ampliar a súa horizontalidade cara o infindo. Ambas autoras tamén traballaron na súa tradución ao castelán, para unha xa próxima edición coa que Kalandraka celebrará o 170º aniversario do poeta en 1854 e ao que a morte lle chegaría en Marsella, en 1891, con apenas 37 anos.

Unha vida curta pero moi aproveitada, xunto ao seu gran coetáneo e amante, Verlaine, e a través de vivencias en numerosos países, Arthur Rimbaud envorcou esas urxencias en dous libros, publicados cunhas poucas copias nas que fixaba unha poesía, como todo o novo, non demasiado ben recibida, pero á que o tempo converteu en necesaria para explicar un momento do ser humano e na que non poucos poetas souberon ver os destellos que a posteridade se encargou de redimensionar. Dende os poetas surrealistas ata a Xeración Beat, a poesía de Arthur Rimbaud non deixou de fluír entre otras voces e miradas.

As iluminacións, contén esa poesía en prosa tan característica de Rimbaud, así como os dous primeiros poemas en verso libro da literatura francesa. Os poemas fixéronse entre 1873 e 1875, nun tempo compartido con Verlaine en Londres, aínda que outras teorías falan de diferentes escenarios para a súa escrita, como tamén hai diferentes opinións sobre a ordenación correcta duns textos que amosan unha gran diversidad temática: a rebeldía do momento, o contexto urbano, a angustia, ou as viaxes, son só algúns deles, capaces de evocar estrañas imaxes que cautivaron a esa pléaide surrealista que atopou neles ese senso de ensoñación ou mesmo alucinatorio que logo eles mesmos convocarían nas súas obras.

Non podemos máis que alegrarnos por esta convocatoria dobre, a dun mítico poeta coa nosa lingua, e a xuntanza feliz entre Arthur Rimbaud, Tamara Andrés e Oriana Méndez, abofé que saldando deudas de tempos pasados nos que a descuberta do poeta francés converteuse nun lóstrego que agora, as dúas tiveron a difícil tarefa de domar.

Comentarios