Os estalos profundos da noite

‘A pintora’ de Lupe Gómez é unha excelente aproximación sensorial e territorial, dende o poético, ao contexto humano e vital da pintora María Antonia Dans, cuxa pintura, ao igual que a poesía da de Fisteus, está íntimamente conectada ás terras de Curtis.

Fisteus era un mundo, escribiu Lupe Gómez para titular así un dos seus libros, ao tempo que nacía como declaración de intencións para todo o que se ía a desenvolver despois e cómo, dende ese mundo, é dende o que leveda unha poesía sutil ao mesmo tempo que firme na defensa da identidade dun territorio e dunha alma que en forma de veciñanza e dunha natureza sempre en apoxeo constitúe un cosmos propio.

Ese lugar do Concello de Curtis é o miradoiro dende o que Lupe Gómez se enfronta ao mundo, as veces cunha mirada máis ou menos longa, pero sempre cos pés na terra, chantados como a punta dun compás dende o que abranguer o mundo. Desta vez a poesía enxértase na pintura doutra filla ilustre destas terras, a pintora María Antonia Dans, coa que Lupe Gómez establece unha especie de diálogo a través do que supón partillar un espazo común, un territorio e unha identidade sen os que as obras de ambas serían radicalmente diferentes.

‘A pintora’, saída do prelo da Editora Medulia, foi merecente do XIII Premio de Poesía Manuel López Ardeiro sendo un suxerente traballo mesmo de interrogación da propia poeta sobre cal é a súa mirada a aquela muller e a uns cadros nos que se contiña toda esa identidade escintilante de verdes como relampos convertidos nun fulgor que traspasa o tempo e lle permite a Lupe Gómez achegarse a súa infancia a lembrar "como os estalos profundos da noite" o que supoñía aquela figura, agora recollida de xeito didáctico e emocional na súa Casa Museo en Curtis. Escenarios e sensacións compartidas por ambas, tamén a pulsión creativa dende os ollos de muller que fan ver a realidade dunha maneira singular.

Divide Lúpe Gómez o seu poemario en tres partes. ‘Galerías brancas’, un monllo de poemas no que podemos falar das cores dun territorio, o agromar das sensacións xunto a ese sentimento de irmandade coa muller que traduciu a realidade dende o feito artístico; un segundo bloque, ‘No Campo da Feira’, no que se convoca a toda unha serie de personaxes, dende os máis populares, como os que desenvolvían as súas tarefas ou labores cotiá, dende o anonimato a nombres como Foucellas ou o pintor Tino Grandío; e, por último, ‘Lacenas e faios’, unha almacenaxe da memoria na que ir buscar o estremecemento, o albiscar a emoción do "país lindísimo dos pradairos" a través do choro dos carros, as fiestras de pedra ou o lapislázuli das fontes. Cada unha desas expresións convértese nun belisco na alma, unha sacudida emocional que nos leva alí onde todo cobra o seu sentido primeiro e, porque non, tamén final. Principio e fin dunha vida, Alfabeto delfín como o doutro pintor de verdes que arreceden e asoman como lóstregos no espírito, Antón Lamazares, tamén aquí convocado na xenealoxía pictórica dun territorio que se pinta a el mesmo pero que precisa desa complicidade dende os pinceis para acadar todo o seu senso e a súa proxección temporal.

Estamos ante unha poética profundamente sensitiva e emocional, convertida en palabras nas que se conteñen dimensións inesperadas fronte a unha capacidade que nos pode semellar limitada á hora de nomear. Lupe Gómez move as palabras, as manexa, as sitúa nunha cartografía propia dunha vizosa riqueza espiritual que lle permite que esos termos vaian sempre máis alá, e que detrás desa aparente sinxeleza a palabra amose sucesivas dimensións que a converten nun profundo itinerario no que a memoria, aquilo que antes foi vivido e sentido, se impregne na súa formalidade.

Lupe Gómez desta vez, emprega o poemario, ao xeito da pintora protagonista, como unha sorte de paleta de cores feitas palabras coas que debullar esas arelas por establecer unha paisaxe do real que logo se traspasaba aos lenzos de María Antonia Dans. Fontes, mazás e reiseñores ou un azul de inxenuidade convócanse pola poeta como unha maneira de exorcizar ese mundo de interrogantes a resolver que bulen no interior de quen non pode permanecer allea dunha realidade tan suxerente, mesmo máxica, como a que aconteceu arredor dunha muller que Lupe Gómez define como "un baúl de músicas límpidas e diáfanos espellos".