As formas doutra historia de Galicia
UN PROXECTO expositivo ten moito da súa afouteza e consistencia fronte ao público dende a proposta do seu comisario e a maneira en que tenta resolver as dificultades desa idea a desenvolver nun espazo determinado. Germán Labrador que vén de participar como parte do equipo de comisarios da sedutora mostra Esperpento. Arte popular e revolución estética no Museo Reina Sofía é quen lidera o argumentario da exposición que podemos visitar no Auditorio de Galicia en Compostela e que, baixo o título de Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia, afronta un desafío semellante ao do centro artístico madrileño, pero máis vencellado á idiosincrasia galega e a un contexto artístico e de pensamento alternativo e contestatario, tanto fronte ás diversas maquinarias de poder como de rebeldía ante as circunstancias históricas e sociolóxicas do noso pobo.
Cando Castelao publica en 1922 O ollo de vidro propuxo unha achega á historia política e social de Galiza do seu momento a partir de diferentes encrucilladas nas que dende unha intelixente mestura de tradición e vangarda, ficción e realidade, o rural e o urbano, o visible e o invisible, permitían unha nova observación de nós mesmos, facilitando mesmo que mortos e vivos se mirasen entre eles
Germán Labrador, daquela, dende unha chea de recursos visuais, creativos e plásticos, propón unha danza colectiva de todos eses esqueletes de nós mesmos na que se integran ás ruínas do mundo popular cunha nova gramática cultural reivindicativa dende variadas linguaxes para que sexamos quen de preguntarnos por todo este tránsito percorrido anteriormente e cal ten que ser hoxe a nosa resposta fronte aos novos desafíos deste contexto actual, absolutamente agresivo co ser humano, co noso medio natural e aínda mantendo toda unha serie de perversas estruturas que non deixan de oprimir ao cidadán, limitando o seu papel, restrinxindo as súas liberdades e, sobre todo, desprezando a súa relevancia como ser autónomo e cunha debida conciencia crítica.
A exposición estrutúrase en cinco partes ou episodios que o propio comisario relata como a construción trasantlántica do capitalismo en Galicia dende o século XIX, o legado utópico da experiencia republicana dos anos trinta, a duración do xenocidio fascista durante e despois da Guerra Civil, a resistencia dos vencidos e dos traballadores na posguerra e as rupturas contraculturais dos anos setenta. Mais tamén, a mostra ábrese e péchase cunha reflexión sobre a Galicia actual e as diferentes ameazas sobre o territorio ou sobre o noso xeito de vida que asoman estimuladas pola permanencia de diferentes estruturas coloniais e extractivas.
Neses capítulos atopamos a plasmación visual deses itinerarios que nos configuraron ao longo da historia nun permanente diálogo entre pasado e presente, entre nomes, por citar só algúns, como os de Castelao, Carlos Sobrino, Conde Corbal, Camilo Díaz Baliño, Xaquín Marín, Manuel Sendón, Edu Valiña, Álvaro de la Vega, Diego Vites o Juan Rivas, así como proxectos creados a propósito para a mostra, como os de Xoán Xil e o colectivo Nova Escultura Galega, propiciando novas lecturas dese templo cíclico no cal, como afirma o propio comisario: «hai unha irrupción formal do mundo vello no tempo do capital».
O certo é que a exposición provoca unha estimulación permanente dos nosos sentidos contemplando como a identidade galega mantivo en pé todo un ecosistema visual dunha enorme contundencia, na que a hibridación do máis tradicional cos seus diferentes presentes convértese nun piar irrenunciable e que chega ata o noso presente en alerta máxima ante a nosa propia deriva en relación ao territorio, querendo volver a poñer sobre o noso lombo o cadaleito da ignominia e o fedor que encerra unha perversa complicidade coa esquilmación dos nosos recursos. Todos estes «fabricantes de ollos» nos convocan ante a experiencia colectiva que se foi fornecendo ao longo dos anos, non sen certas estrañezas, mascaradas e confusións que, as veces, son quen de organizarse nesa danza á que agora estamos convidados.