Formas para un territorio de seu

Cartel de Pepe Barro /EP
O arquivo do deseñador Pepe Barro amósase na Fundación Didac, que o acolle, preserva e documenta, como unha maneira de enfrontarnos a un pioneiro neste ámbito que xerou formas e imaxes que xa son parte da nosa identidade colectiva

O arquivo do deseñador Pepe Barro está depositado na Fundación Didac en Compostela dende 2024. Ata finais do mes de abril unha excelente mostra permite achegarnos a un dos traballos esenciais nese campo en Galicia, cunha longa traxectoria dende uns aurorais anos 70 e coa creación dunha chea de formas e imaxes que forman parte da nosa identidade actual como colectivo, sendo, moitas delas, visións recorrentes ao longo da nosa vida e no noso movemento diario.

En primeiro lugar hai que poñer en valor esa decisión de acoller uns fondos tan sensibles como estes, o que permite, non só a súa preservación e coñecemento de cara ao futuro, senón tamén o realizar un traballo eficiente de documentación ao que se pode acceder dende a páxina web da Fundación Didac. Agora podemos gozar deles dun xeito físico, enfrontándonos a unha chea de materiais vizoso de talento, inspiración e confianza nas posibilidades dun proxecto nun primeiro momento complicado de defender ante clientes ou ante a propia sociedade.

Estamos ante unha mostra que ten moito de recoñecemento a un labor feito en momentos nos que o deseño, ou a configuración dunha identidade gráfica, tanto de institucións como de empresas ou de calquera organismo que o demandase, era unha especie de baleiro onde moi pouco se tiña traballado, e no que Pepe Barro é, sen dúbida, unha referencia con moita repercusión en xeracións e conceptos posteriores. Non hai máis que camiñar por este espazo para entender a súa relevancia, para recoñecer formas ás que agora poñemos un pai e vemos cómo se crearon dende un traballo que tivo presente de xeito global a creación dunha identidade propia como deseñador e a creación dunha identidade gráfica para Galicia.

A firma Barro Deseño, establecida en 2013 con Pepe Barro en solitario, tivo diferentes momentos previos dende o comezo da súa actividade profesional en 1973. Diversas marcas, variados colaboradores que ao longo das décadas configurou un traballo singular e un legado que é o que atopamos en quen tamén desenvolve un intenso traballo de documentación da historia ‘gráfica’ de Galicia. Todo iso é o que se contén en ‘O arquivo de Barro’, que —baixo o comisariado de Mónica Maneiro, Gemma Mora e María Valcárcel-—percorre todo ese tempo, todas esas miradas e accións, e que parten de elementos propios do propio clan Barro, como a manta do seu avó, Nicolás Barro, ou os selos deseñados por Castelao para o goberno da República, ou produtos relacionados coa Casa Barro, en definitiva, un legado sen o que o presente carecería de sentido, e moito do seu traballo acada o seu valor máis puro afundíndose no compromiso dun xenealoxía, unha terra e unha aspiración de afirmación dunha identidade.

Chegamos aos primeiros traballos, accións pioneiras que moitos descoñeciamos por pertencer a tempos alleos aos nosos e que sorprenden pola súa vitalidade, modernidade e potencia visual. E así nos atopamos dende a fermosa serie de ‘Carta do pai’ de 1973 con gravados de Pepe Barro e textos de Darío Xohán Cabana, catálogos de Artistas Galegos en Arco dos anos 1984 e 1985, ou folletos de diferentes tipos de xornadas agrarias ou urbanísticas e ata recoñecidos deseños de diferentes identidades corporativas como as do Consello da Cultura de Galicia, Turgalicia ou a Universidade da Coruña. Noutro bloque atopamos distintos elementos que traballan máis o carácter simbólico, como as iconas de Edicións Xerais de Galicia, Florentino, Pazo de Vilane, Museo de Belas Artes da Coruña, a selección galega de fútbol ou o Culturgal, entre outros moitos.

Abondosa tamén é a cantidade de materiais relacionados con publicacións máis ou menos periódicas, así como folletos e cartaces pertencentes a distintas iniciativas, así como a espléndida colección de orixinais da serie do Cuponazo da Once adicados a diferentes creadores e artistas. En definitiva, cada unha destas pezas son parte dun latexo común, dun sentir colectivo que non sempre foi recoñecido na súa valía e que agora, reunido, estudado e posto en valor ante o público, acada unha nova dimensión e resignifica o inmenso labor de Pepe Barro cando todo estaba por facer e agora xa está feito e ben feito.