Opinión

Identidades fragmentadas

A obra de Rosalía Banet alude non só á vulnerabilidade do corpo humano, senón tamén a toda unha sociedade cada vez máis fráxil dende a súa fragmentación, dende esa intensa incapacidade para a conexión humana co paradoxo de ser unha sociedade ultratecnolóxica
Rosalía Banet. GONZALO GARCÍA
photo_camera Rosalía Banet. GONZALO GARCÍA

Fronte á aparente puerilidade visual da aposta artística de Rosalía Banet (Santiago, 1972) a súa obra contén un poderoso discurso sobre o ser humano e a súa relación coa sociedade actual, coa que, dende diferentes gradacións, comparte moitas cuestións vencelladas á fraxilidade, á vulnerabilidade ou a tensión propia das relacións entre os propios individuos que a conforman.

Integrante da segunda promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, 26  anos despois regresa a ese centro de estudos para na sala Manuel Moldes amosar de xeito individual a súa obra por primeira vez en Galicia. Cunha ampla proxección internacional a obra de Rosalía Banet ten que ser analizada dende a súa forte compoñente social, na que todavía resoan os ecos das súas preocupacións no tempo de estudos que finalizou cunha tese sobre os corpos feridos pola sida, e cómo a enfermidade e o corpo permiten establecer toda unha serie de metáforas co que acontece no ámbito comunitario.

Nese contexto máis amplo, a artista tamén amosa a súa preocupación por cuestións vencelladas ao ecoloxismo, ao tratamento do territorio, á sociedade de consumo e mesmo á saúde. Todos estes compoñentes son os que apoian o traballo exposto na sala pontevedresa no que as pezas se integran na propia arquitectura da sala, ideándose en función de cada un dos espazos escollidos pola artista que foi quen de desprazar toda a exposición nunha carpeta.

Isto, que pode semellar trivial, non o é; xa que reflicte ese interese pola sustentabilidade, sen grandes transportes, sen apenas gastos de materiais, a súa obra aliméntase de elementos sobrantes doutros traballos que permiten agora facer, refacer ou mesmo achegar novas lecturas ao que se quere expresar con cada unha delas.

Lixeiros soportes que amosan unha gran manexabilidade e mesmo posibilidades de adaptación ao lugar escollido para ser ubicada e mesmo para prolongarse pola superficie das paredes acadando novas significacións e novas percepcións para o espectador.

Baixo o comisariado de María Marco a tamén crítica de arte define a mostra, de título Os sobrantes, como "un imaxinario de corpos rotos, deformes ou alterados. Falanos da marxinalidade, das disidencias, das identidades fragmentadas, a vulnerabilidade e a transformación". Todo ese imaxinario aquí convértese nalgo físico, nunha proxección que se expande de diferentes maneiras polas superficies escollidas, nalgunha delas pola súa extensión mesmo é capaz de xerar unha paisaxe humana. Un horizonte que nos enche de incertezasn ao tempo que nos enguedella con esa natureza coa que deberiamos ter unha maior complicidade.

Estas siluetas do sobrante co paso do tempo acadan tamén unha concepción escultórica ao ir eses soportes modificándose polo paso do tempo, pola humidade, polos pigmentos empregados e que lle conceden esa organicidade que xa non é só visual, senón tamén real, ao formar parte do proceso de transformación das propias pezas. 

Outras traballan coa relación con outros seres vivos, como a obra que nos recibe á entrada da exposición The animal in me, na que as siluetas son tomadas do propio corpo da artista que evoluciona cara a outro tipo de corpos animais como parte dun maior coñecemento e sensibilidade con eses seres vivos.

Toda a exposición amosa unha contundente sinceridade, aquela que emerxe do aparentemente máis sinxelo, pero que é quen de amosar un afouto compromiso co noso tempo e con nós mesmos. Esta sorte de peles penduradas da parede son tamén un espello no que reflectirnos, no que facer da nosa epiderme unha especie de gramática coa que relacionarnos cun mundo que, en boa medida debido as nosas accións, cada vez amosa de xeito más firme a súa finitude, unha caducidade da que nós tamén somos parte como expresións duns actos aos que a arte é quen de quitarlle as cores. 

Rosalía Banet regresa a Galicia, ao centro onde se formou como quen regresa ao niño no que se abriu ao mundo da arte, toda unha responsabilidade resolta coa enérxica capacidade dunha arte que a sitúa nunha posición de privilexio nese campo e que agora se enfronta aos que foron os seus mestres e aos alumnos que no futuro quererán ser coma ela.

Comentarios