Opinión

Illa das Escuturas. Eloxio do granito

A Illa das Esculturas de Pontevedra reúne dende 1999 a os mellores representantes do land art no mundo. Toda unha referencia que fai deste parque escultórico ao aire libre un espazo único na península no que arte e a natureza conviven nunha contorna privilexiada
SIN HORA ILLA DAS ESCULTURAS_ pintadas_ destrozos e abandono nas distintas pezas escultoricas_ Por exemplo_ pintadas e lixo no labirinto_ pintadas e lixo no _cerebro_ dos Poirier_ o _camino_ de pedras de Richard Long desaparecido_ os bancos de Jenny H
photo_camera Aep.

"CON PASOS tardos, lentos, voy midiendo/ pensativo los campos más desiertos,/ con los ojos abiertos evitando/encontrar huella humana en el camino". Este é o comezo do soneto XXXV de Petrarca ao que nos leva unha das doce pezas que forman parte da Illa das Esculturas. Petrarca, 1999 atópase ao fondo desta pequena illa chamada Illa do Covo, rodeada polas augas do Lérez, e a só dez minutos do centro da cidade de Pontevedra. Nese recuncho do seu remate tres medallóns pendurados de tres eucaliptos convértense nunha pista que seguir, un fío do que tirar para entender a nova relación do home co amor e coa natureza que xorde no Renacemento da man do escritor italiano. Pero antes de chegar ata ese lugar, outras once pezas levan dende 1999, ano xacobeo no que se inaugurou este parque escultórico con doce dos nomes máis relevantes da escultura ao aire libre no mundo, formando parte dunha paisaxe na que esa relación arte e natureza vencéllase cun dos elementos máis identitarios da nosa terra, o granito.

Emerxe así das augas esta illa como un gran altar no que o tempo semella detido nese mesmo granito que nos constrúe dende as nosas vilas, igrexas e mosteiros, ou mesmo os valados do noso rural. Ese mesmo granito que é todo un motor económico en Galicia, converténdoa na gran exportadora mundial dese material. Pois a partir desa realidade cultural, económica e mesmo social os comisarios Antón Castro e Rosa Olivares propuxeron todo un itinerario a través dunhas obras pensadas de xeito específico para cada un dos lugares no que os creadores desexaron a súa colocación, intengrándoas en contornas determinadas e que forman parte da propia peza.

A crítica estadounidense, Rosalind Krauss definiu o concepto da escultura no campo expandido para referirse a esa escultura que deixa o pedestal clásico para formar parte dun territorio, para ocupalo e, ao mesmo tempo, dominalo, como xa se fixera nas culturas antigas. Arte e natureza reuníronse deste xeito no século XX para facerse cun novo espazo sensorial que compartir co visitante, pero tamén para reaccionar contra o consumismo das galerías e o mercantilismo da arte que a mediados do pasado século, sobre todo nos Estados Unidos, fixo que unha serie de creadores se afastase das grandes cidades e crease en desertos, litorais ou bosques. Foi o chamado land art, que leva sendo motivo de atención dende diferentes espazos que, como o de Pontevedra, son atractivos turísticos para o público amante do cultural e de percorrer espazos naturais. E isto é algo que choca bastante co descoñecemento que aínda se ten neste espazo, tanto na propia cidade, como en Galicia ou mesmo no resto da Península. Desprezada demasiadas veces no seu coidado, a súa difusión entre a cidadanía máis próxima é evidente, como o é a perda de posibilidades de non achegala a todo un ámbito cultural que posiblemente convertería a Pontevedra en parte dos seus itinerarios de lecer.

Nestes días estase a proceder á limpeza de todas estas pezas concedéndolles a todas elas un novo pulo

Nomes como Robert Morris, Giovanni Anselmo, Dan Graham, Jenny Holzer, Fernando Casás, Francisco Leiro, Enrique Velasco, Ian Hamilton Finlay, Richard Long, Anne & Patrick Poirier, Ulrich Rückriem e José Pedro Croft son unha auténtica selección mundial deste tipo de arte, protagonistas de mostras por todo o mundo e formando parte dos estudos de todo aquel que se forme en Historia da Arte, e que sería impagable para calquera cidade que quixera repetir esta experiencia, como impagable é percorrer este espazo no que a natureza procura de xeito constante impoñerse ao feito polo home, onde cada unha destas pezas nos abren todo un abano de sensacións sobre a nosa relación con esa contorna natural, ao tempo que nos convidan e pensar sobre a nosa mesma relación coa propia natureza.

Nestes días estase a proceder á limpeza de todas estas pezas concedéndolles a todas elas un novo pulo fronte ao visitante ao cal aínda lle queda moito por descubrir, pero aí precisa da xestión pública e de que esta confíe nun tesouro ás portas da casa dunha cidade que ten que ter as ferramentas precisas para coñecer cales son as propostas dunha arte determinada, nun tempo concreto, e da man de toda unha serie de creadores de indudable xenialidade.

Comentarios