O ilustrado Domingo Fontán
FOI SEU UN dos grandes fitos da nosa historia científica. A creación da Carta xeométrica de Domingo Fontán, un mapa de Galicia feito segundo os métodos científicos do momento, dos que o autor foi un dos grandes introductores na nosa terra, así como da aplicación dun procedemento baseado na triangulación xeodésica, sendo reclamado o seu traballo mesmo dende a coroa de España.
A viaxe xeométrica de Domingo Fontán, escrito por Alberto Fortes, parte dunha abraiante biografía, como tantas veces acontece con moitos dos nosos protagonistas históricos máis sobranceiros e dos que adoitamos saber ben pouco, ou limitamos ese saber a unha acción determinada. Un bo exemplo é o que se pon agora nas nosas mans dende o prelo de Laiovento xa que a figura de Domingo Fontán aparece sempre vencellada a ese mapa mítico da nosa terra, pero ao ler este libro dámonos conta do calibre do personaxe.
Un ilustrado avant la lettre preocupado polo coñecemento, a investigación, as melloras do ser humano e a superación do sistema do Antigo Rexime, en Galicia vencellado ao atraso social e económico e ao caciquismo,
Percorrendo estas páxinas, nas que o autor alterna capítulos de ficción con outros que non o son, logramos unha panorámica xeral do seu quefacer, todo iso momentos despois do seu pasamento e velorio, o cal acciona toda esa viaxe a unha vida que fixo da matemática, e da preocupación extrema por coñecer o noso territorio, a aspiración máxima de Domingo Fontán quen naceu en Portas en 1788 e morreu en Cuntis, en 1866, e cuxos restos mortais trasladáronse ao Panteón de Galegos Ilustres, onde repousa dende 1988.
Alberto Fortes rescata así a quen tivo un papel protagonista na ciencia e tamén na política do noso país nas décadas centrais do século XIX,
Alberto Fortes rescata así a quen tivo un papel protagonista na ciencia e tamén na política do noso país nas décadas centrais do século XIX, e faino artellando a biografía deste "científico de imaxinación romántica", que é quen de escribir afastándose da complexidade que podería conlevar seguir os fitos dun científico, non precisamente moi atractivos para unha lectura prolongada, pero o autor sabe darlle a esas saídas por Galicia para facer as medicións necesarias coa fin de darlle forma ao seu mapa, un certo aire de relato de aventuras, que serve, ao tempo, para denunciar a situación de caciquismo e abuso de autoridade procedente dese Réxime que os novos tempos da Ilustración lle deron a volta.
Xunto con esa faciana de aventuras o libro tamén permite asomarse ao tempo histórico no que transcorre a vida de Fontán, as invasións napoleónicas, Fernando VII e as novas divisións administrativas que deron lugar en Galicia a conformación das catro provincias actuais.
Dun ou doutro xeito, Domingo Fontán foi un actor protagonista en todas esas situacións.
Os seus coñecementos, a súa participación en política dende diferente ámbitos, destacando a de Deputado en Cortes en representación de Pontevedra, provincia na que tivo un papel decisivo na consecución da capitalidade provincial para a vila do Lérez, tras a derradeira reforma administrativa. Pero nas súas mans tamén caeron a creación do Plan de Estradas de Galicia, a dirección do Observatorio Astronómico de Madrid ou o trazado da primeira liña de ferrocarril en Galicia entre Santiago e Carril. E todo iso sen prexuízo da súa tarefa universitaria, que foi o arrinque de todo, da súa paixón polas matemáticas, da man de Xosé Rodríguez González, quen o iniciou na triangulación xeodésica, pero á que estivo sempre vencellado, xa non só como docente, mesmo como alumno sempre con amplos desexos de coñecemento facendo diversos estudos, ou achegando novos materiais e inventos científicos para as aulas.
A tarefa polo que todos o coñecemos, ese primeiro mapa científico da nosa terra, tamén o primeiro realizado en España con ese procedemento, rematouse en 1834, pero ata doce anos despois non se imprimiu en París por orde da raíña consorte María Cristina de Borbón. A súa imaxe é a dunha terra que procuraba saír da escuridade de anteriores séculos, do atraso e o descoñecemento, e na que figuras como a de Domingo Fontán abriron numerosas portas cara un futuro de modernidade e coas luces acesas do pensamento.