Opinión

As incertezas de ser nai

A novela coa que Berta Dávila acadou o Premio Xerais de Novela 2021, Os seres queridos, é unha revisión, dende o eu máis íntimo da escritora, da súa relación co feito de ser nai e o que iso significa fronte a unha sociedade que dá moitas cousas por supostas
As incertezas de ser nai. EP
photo_camera As incertezas de ser nai. EP

A CAPACIDADE da literatura para recoller aquilo ao que nos custa poñerlle nome». Esta frase, que aparece como reclamo na contracapa da novela de Berta Dávila, Os seres queridos, presenta de forma moi certeira o que imos atopar neste relato co que acadou o último Xerais, ao tempo que Destino nos achega a versión en castelán. Nomear aquilo ao que nos custa poñer nome é un bo chanzo co que comezar a gabear polas escaleiras en que se converte un libro cheo de méritos por parte dunha autora que non deixa de medrar en cada unha das súas propostas narrativas ou poéticas e mesmo editoriais.

Unha escaleira para poñerse por riba das teimas dunha sociedade que, en cuestións como o da maternidade, móvese sempre nuns espazos de aceptación plena, sen dúbidas do que ese feito supón para a muller, a verdadeira protagonista desa realidade e fronte á que xa se entenden moitas cousas por supostas, como a ausencia de dúbidas no desexo de converterse en nai, as permanentes arelas por acoller unha nova vida co que iso supón na modificación do que realmente desexamos e, por suposto, como nos ven os demais ante certas decisións que tomemos e que adoitan ir contra o defendido polo colectivo.

Berta Dávila asume todas esas inquedanzas, esas dúbidas, e mesmo a forte carga psicolóxica que supón enfrontarse a unha serie de desexos que se moven fóra do establecido. Cinco anos despois de ser nai de novo xorde a disxuntiva de decidir se quere volver selo ou non. A partir desa decisión, de continuar ou non co embarazo, a autora amósanos toda unha serie de reflexións dende a súa decisión anterior, isto é dende a súa maternidade e o que se propón dende que coñeceu o novo embarazo. Arredor desa mirada íntima, que se asume como un desfiladeiro de emocións ao que o lector se asoma co arreguizo do vivido, isto é, do gozado e do sufrido, cítanse tamén a todos eses seres queridos que forman parte do hábitat familiar: familiares, parellas, amizades que se relacionan co acontecemento nuclear do relato dende diferentes perspectivas, pero sempre tendo o foco posto nos sentimentos, decisións, reflexións e pensamentos da protagonista, e que serven para formular toda unha serie de motivacións dende a liberdade da muller para tomar decisións de seu, sentíndose sen as cadeas coas que moitas veces nos ata unha sociedade que semella ter moi claro como hai que actuar ante determinadas situacións.

Dende a súa revelación con 'O derradeiro libro de Emma Olsen' a figura de Berta Dávila converteuse nunha das voces máis interesantes da nosa escrita


O salientable exercicio de introspección que afronta a autora ten o valor engadido de inxerir esa intimidade nos feitos da vida cotiá, na súa relación cos diferentes membros da familia, no seu ámbito do fogar ou mesmo coa súa relación co que supón para ela a escrita que, abofé, ten moito que ver con esa posibilidade que ten de nomear aquilo que moitas, demasiadas veces, mantense en silencio, agochado nas enrrugas da nosa sociedade e que Berta Dávila asume como algo a esnaquizar, primeiro para ela mesma, nunha acción que ten algo de terapéutico, máis non só para ela, senón para todos nós, polo que ten de activar os nosos pensamentos arredor deste tema e cómo nos relacionamos con todos eles. 

Dende a súa revelación con O derradeiro libro de Emma Olsen a figura de Berta Dávila converteuse nunha das voces máis interesantes da nosa escrita. Con traballos como Carrusel ou Illa decepción, ou co seu poemario Raíz da fenda’, Berta Dávila atopou unha mirada que dende o eu lle permite achegarse a unha contorna non sempre sinxela de descifrar. Todo ese proceso autoficcional repousa nestes textos, non demasiados longos, pero nos que se condensa unha forte intensidade emocional e de sentimentos que adoita satisfacer ao lector ao atopar ese compromiso da autora coa realidade, elevando o acontecer diario e a súa relación coas persoas, os obxectos ou as paisaxes vividas, como parte dun todo que permite explicar, non só á propia autora, senón a nosa sociedade tan afeita a desterrar dela as molestas incertezas, incluso as que damos como seguras, como o desexo, e case que a obriga, de toda muller por ser nai.

Comentarios