Opinión

A inmportancia dos humildes

Cúmprense trinta anos da concesión do Premio Camões ao escritor Miguel Torga, e asomarse aos seus Contos da montaña é un exercicio de revelación de cómo entender a toda unha condición social, normalmente afastada da escrita e á que outorga a súa dignidade nesta obra.

ADOLFO Correia Rocha, coñecido baixo o pseudónimo de Miguel Torga, fixo sempre da súa escrita un caldo de cultivo da condición humana. A súa obra, tanto en prosa, en verso, ou en pezas teatrais, significou sempre unha achega o que se atopa baixo a nosa pel e que, dende a súa condición de médico, case se podía entender como un xeito de coñecer a diagnose todo aquilo que na nosa relación cos demáis e coa nosa contorna xeográfica configura o que cada un de nós somos.

A concesión hai trinta anos do maior premio das letras portuguesas, o Premio Camões, só veu a refrendar a súa importancia como escritor e observador da realidade humana, feita ao longo dun século XX que inmortalizou a través da súa escrita. Nos seus Diarios, publicados en 16 volumes, que comprenden entre os anos 1932 e 1993; a súa novela autobiográfica, A creación do Mundo, tamén publicada ao longo das diferentes décadas da súa vida; os seus libros de contos: Bichos e Contos da Montaña, ou a súa Antoloxía poética, publicada en 1981, xunto a seis pezas teatrais, fixeron do autor nacido en 1907 en San Martiño de Anta, no territorio de Trás-os-Montes, un dos literatos máis respectados e queridos do país luso, sendo, durante moitos anos, o editor dos seus propios libros. Fillo de labregos, emigrará a Brasil e ao seu regreso a Portugal, en 1925, e coa axuda dun familiar, matrículase e remata a carreira de Medicina na Universidade Coimbra, cidade na que se estableceu e na que falecerá en 1995.

Na súa longa obra o seu volume de contos Montaña (1941), configura un fito singular nas letras portuguesas polo que significou a súa publicación, rapidamente impedida pola política dun país que se atopaba durante eses momentos e ata a Revolución dos Caraveis en 1974, baixo a ditadura de Salazar. Miguel Torga, en 1955, fixo unha segunda edición deses textos que se publicou no Brasil, xa baixo o título co que son coñecidos hoxe, ‘Contos da Montaña’, unha edición que circulou de xeito clandestino en Portugal, así como unha terceira edición de 1962. Xa, en 1968, e coa ditadura costa abaixo, foi de novo publicada en Coimbra polo seu propio autor.

Miguel Torga califica no prólogo desa edición feita por el en Coimbra como "heroes" e tamén como "as miñas humildes criaturas"


Aínda lidos hoxe, todo este monllo de relatos ubicados nunha zona chea de pobreza e necesidades, afastada de todo progreso humano, vencellado ao medio natural da montaña e na que todo un universo humano desenvolve a súa vida, estarrece, fronte a ese quefacer cotiá dos que o propio Miguel Torga califica no prólogo desa edición feita por el en Coimbra como «heroes» e tamén como "as miñas humildes criaturas" ás que lle concede toda a importancia do mundo. A de persoas as cales o seu destino xa ven definido dende o seu nacemento nunha contorna tan determinada e da que vai ser moi difícil fuxir, e cando se fai, como nos casos da emigración, sempre teñen tras ela un regreso ao fogar coa derrota na man e como un último chanzo antes da morte.

Vida e morte están sempre presentes neste itinerario humano de mulleres, homes, vellos e mozos, que fan do contacto entre todos eles o ámbito no que o escritor pon toda a atención. O peso da Igrexa, os costumes, os amores, as tradicións, os labores do campo, os feitizos, as amizades, os medos... permiten a Miguel Torga poñer ante nós esa realidade tan marcada polo atraso económico e social, ao que o goberno do país non atendía, e que provocou deseguida esa reacción das autoridades que non querían que a inmortalidade e o potencial da escrita levase a outras persoas a coñecer o que acontecía, no só nesa comarca, senón en moitas outras nas que se producían casos semellantes.

O certo é que volver a estes relatos convértese nun exercicio de honestidade fronte á vida. Unha sorte de respaldo a esa dignidade concedida polo autor a aqueles polos que a historia e mesmo a literatura non acostuman a apostar como centro das súas explicacións e teses, cando o seu papel é fundamental para entender os diferentes tempos e momentos da nosa historia. Todas estas almas, sometidas polo seu destino, emerxen nestas palabras coa modestia do humano, tantas veces desprezado pero do que Miguel Torga fixo o seu mellor tinteiro.

Comentarios