Labra, fíos compartidos
UN DOS proxectos artísticos máis interesantes dos últimos anos en Galicia. O ciclo Correspondencias que as coleccións de arte de Abanca e Afundación activan en relación á obra dun artista e a súa vinculación con outros nomes da nosa plástica vive, durante estes meses na sede compostelana de Afundación, o seu segundo capítulo. Se o primeiro estivo adicado a Tino Grandío agora é a oportunidade —ollo que remata o 30 de agosto!— de ver as diferentes relacións que poden xurdir da obra de José María de Labra (A Coruña, 1925-Palma de Mallorca, 1994), con nomes destacados da nosa plástica máis actual e mesmo doutros puntos da xeografía española.
Como aconteceu na anterior ocasión de novo a exposición volve a sorprender polas posibilidades de conectar nomes, pero tamén por supor un preciso rescate dun nome, neste caso o de José María de Labra, bastante descoñecido na súa totalidade creadora no noso contexto artístico do que podemos ter unha perfecta exemplaridade do seu traballo, propostas e diferentes etapas creativas. O proxecto materializado nesta mostra, desenvolto baixo o comisariado de Cooperativa Performa (Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo) permite ao espectador atopar elos impensables antes de acceder a este espazo, no que tampouco é sinxela a distribución das pezas, pola propia articulación arquitectónica das salas da Praza de Cervantes, así como pola relación entre unhas obras que, como acontece no caso do protagonista arredor do que xira a exposición, posúen unha linguaxe moi determinada, non sempre sinxela para ese visitante que se atopa unhas obras cunha forte carga conceptual na que domina a estética informalista e na que os xogos de planos e as dinánimas de forma-forza, como explican os comisarios, determinan as posibilidades intelectuais e expresivas das súas obras.
A partir desa unicidade a exposición funciona ao recoñecer eses fíos do artista coruñés nas obras dos circunstanciais compañeiros de exposición. Nomes como os de Pablo Barreiro, Almudena Fernández Fariña, Gloria García Lorca, Arancha Goyeneche, Hisae Ikenaga, Carlos Maciá, Robert Ferrer i Martorell, Tatiana Medal, Kiko Pérez, Ana Pérez Ventura e Belén Rodríguez articulan toda unha rede de confluencias que adentran nas diferentes problemáticas que confluíron nunha obra plástica especialmente dinámica, nunca debedora dun único territorio artístico e na que sobre todo a arquitectura tiña moito que dicir como construción visual dunha proposta na que sempre arrisca, nunca acomodada nun único vieiro, e que fixo da obra de José de María de Labra unha das máis suxerentes da nosa plástica no pasado século, converténdose nun dos protagonistas dunha abstracción que nese tempo non sempre era ben recibida. O bo traballo do comisariado soubo poñer enriba da mesa esas relacións, en primeiro lugar cos artistas galegos, os elementos en serie de Pablo Barreiro; a multiplicidade de formas en Almudena Fernández, a abstracción de gran formato de Tatiana medal, a simplicidade de Kiko Pérez ou a linguaxe musical de Ana Pérez Ventura, pero tamén incluíron obras específicas para esta mostra que traballan nesa dobre dirección de relacionarse coa obra de Labra mais tamén co propio espazo, tal e como fixeron Gloria García Lorca, Carlos Macía ou Robert Ferrer i Martorell, artista procedente de Mallorca onde o creador galego pasou o seu derradeiro tempo de vida.
E no medio desas relacións atopamos ao espectador, ese que se acaba convertendo no gran protagonista, non só desta mostra, senón de todo este proxecto que flúe entre tempos e mentalidades aparentemente distantes, pero que tras a súa materialización e experimentación, amosa unha radical achega que nos fala da arte como un lume eterno, como un latexo permanente no ser humano que responde a certas cuestións cun carácter atemporal, común á propia condición humana reflectida nos diferentes creadores e que este tipo de apostas tan intelixentes amosan de maneira contrastable ao tempo que nos fan gozar dunha serie de obras de antes e de hoxe dunha indudable calidade e interese.