Opinión

O Laxeiro descoñecido

A Fundación Laxeiro inicia o Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes 2022, coa primeira de dúas exposicións que amosan unha selección de obras inéditas localizadas despois da súa catalogación universal.
Laxeiro

NO ANO 2009 a Fundación Laxeiro publicou o Catálogo universal do artista no que se recollen 3.500 pezas catalogadas. Un titánico esforzo, preciso e impagable para coñecer a obra dun dos nosos grandes creadores, pero que nunca se remata de todo, xa que sempre aparecerán obras como se estivesen navegando polo océano do tempo e volvesen as nosas orelas para saber delas para aplaudilas e para seguir recoñecendo o xenio e o talento do creador lalinense. O traballo dunha fundación, ademais da difusión, coñecemento e mantemento da obra do artista que a nomea, tamén ten que ser o de dinamizar esa función de descubrir novas pezas que virán a explicar mellor o seu desenvolvemento plástico ao longo dos anos.

Co gallo da celebración do Día das Artes adicado a José Otero Abeledo (1908-1996) máis coñecido como Laxeiro a súa fundación na sede de Vigo preparou dúas mostras que ao longo deste ano amosaran a descuberta desas novas pezas. Ata o 5 de xuño podemos enfrontarnos a unha serie de obras que se vencellan a eses anos iniciais, os da procura de temáticas, inspiracións e procesos artísticos que se propuxeron durante os anos 30 e 40 e que nunca desaparecerían por completo na súa obra. Laxeiro descoñecido I amosa pinturas e debuxos nos cales a fantasía do creador se desborda a través dunhas pezas nas que o popular e o grotesco, tan vencellados coa figuración do momento na vangardas europeas, permitían amosar esa falta de esperanza nunha humanidade tinxida de dor polos conflitos bélicos en diferentes territorios. Nese contexto o Entroido convértese nun ámbito de liberdade, nunha reivindicación do individuo fronte ao colectivo cada vez máis deshumanizado. Laxeiro miraba ao seu arredor, a un ámbito rural que se convertía en permanente inspiración para as súas obras convertendo a realidade, en moitas ocasións, nunha mirada dende o esperpento ao propio ser humano.

Esa estética do granito, fará tamén que nas súas obras a pincelada sexa grosa, dunha densidade que transmita unha especie de pintar como se fose sobre unha superficie rugosa

A escuridade das súas obras en liña co tenebrismo español que xorde no Barroco, pasa por Goya e chega a Gutiérrez Solana, a deformación da figuración, e a opresión das formas dentro dos límites do cadro, xeran unha tensión dramática que permite ao Laxeiro máis novo configurar un camiño de seu dentro da nosa plástica, como parte dese conxunto de autores renovadores que dende Galicia dialogaban coas novas propostas plásticas das vangardas de París ou Madrid que serviron para reformular moitos ámbitos de creación, aínda moi ligados a correntes rexionalistas máis vencelladas ao século XIX que ao XX.

Nesa ollada á súa contorna Laxeiro tamén se fixa na arte románica, a figuración das igrexas do seu Deza son tamén lévedo para a construción da obra, para a procura de figuras, pero tamén para a súa instalación dentro duns espazos límite que, como os tímpanos das igrexas, apretaban esas formas impactantes para os fieis. Esa estética do granito, fará tamén que nas súas obras a pincelada sexa grosa, dunha densidade que transmita unha especie de pintar como se fose sobre unha superficie rugosa. Pintura case sobre pedra que lle concede a estas pezas unha gran condición matérica.

Por outra banda, cos seus debuxos atopamos ao gran debuxante, que é quen de capturar un instante, un xesto, unha mirada, que se converten xa en eternas. Unha exposición, polo tanto, que é toda unha descuberta, tanto na súa proposta como no resultado do que todos participamos, ao caer na conta de que sempre é unha descuberta cando se trata de ollar á pintura de Laxeiro. Sempre algo novo, sempre algo que poñer en valor, sempre algo que reinvidicar. E isto é precisamente o que ten que facer unha fundación, seguir na procura do novo e da reivindicación dun deses creadores inesgotables, posuidor dunha estética propia, dunha fantasía chea de emocións ao cal gabaremos ao longo dun ano no que vai ser protagonista e no que dende estes días podemos xa gozar daquelo que nunca vimos antes, de novas pezas de Laxeiro. O Laxeiro descoñecido.

Comentarios