Un libro para ser habitado

Ilustración de Xosé Cobas
‘Soño dunha sombra’ é un libro sobre unha casa, sobre un espazo interior no que o tempo deixa a súa pegada convidándonos a entrar nela e percorrer as súas estancias. O libro é unha obra de arte chea de sensibilidade e conquistas creativas do que o lector forma parte

O primeira que nos chama a atención deste libro é a capacidade que ten o seu autor para reflectir o silencio. Espazos baleiros que se suceden convertendo a pegada do tempo nun altofalante que nos fala do pasado, de momentos conxelados onde só a nosa presenza, a nosa mirada, é quen de rachar esa soidade que trascende en cada unha das súas páxinas. ‘Soño dunha sombra’, baixo a coidada edición de Kalandraka, é un álbum no que Xosé Cobas é quen de propoñer un percorrido físico e sentimental por unha casa que caeu no abandono, pero na que se manteñen presentes as sombras dun pasado que agarda a chegada da primavera para volver a sentir o latexo da vida e unha nova presenza nela.

Unha historia persoal arredor dunha casa que se converte nun refuxio fronte ao tempo e a memoria, tamén fronte a unha realidade que nos leva a entender a vivenda como un espazo de nova construción e que non adoita vencellarse a casas que gardan o peso da súa historia e dos que alí moraron. Así é como dende a súa primeira páxina, dende esa escuridade que comeza a tinxir de baleiro os espazos que imos a percorrer, asistimos a unha viaxe por un espazo soñado, mais no que sempre hai moito de real. Un libro cheo de bondades artísticas que se converten nunha exposición andante no que Xosé Cobas amosa todo o seu talento como ilustrador, mais tamén como debuxante ou pintor, xa que este traballo, tan cheo de matices, onde as luces e as sombras están páxina tras páxina enfrontándose entre elas nun eloxio da sombra que é quen no espectador de xerar unha certa tensión do atractivo. O propio Manuel Rivas no epílogo do mesmo defínese a esa impresión de asomarse as súas páxinas como primeira vez como «a excitación da avelaíña».

Un libro, daquela, cheo de atmosferas, de espazos baleiros onde só os elementos arquitectónicos ou decorativos da vivenda ofrecen unha pegada física dos que alí moraron. Xosé Cobas alude en varias ocasións á metáfora do umbral, portas e fiestras, que revelan a importancia do acceso, dese tránsito entre espazos que funcionan como os horizontes aos que tantas veces se vencella o escritor Manuel Rivas, e que agora mesmo nos leva a falar desta casa como «dun refuxio de horizontes», tal e como titula o autor de ‘Os libros arden mal’ o seu texto. O autor do epílogo sementa, polo tanto, de fermosas visións e percepcións, os espazos que atravesamos unhas páxinas antes e que agora converten ese tránsito dende o pasado, dende a escuridade do abandono e a soidade ata o presente, ante a luz dun xardín que se abre ante os novos residentes, ante a flor dun xardín que se mantén viva nun vaso no interior da vivenda, mentres, fóra, a agardada primavera anuncia unha nova estación, un novo tempo, e uns novos moradores.

Un tránsito que se define dende a permanente relación entre a luz e a escuridade, un relevo sen friccións, con aparente calma, sen brusquidade. «Sentín fermoso o escuro», escribiu María Zambrano, e esas palabras recuperadas por Manuel Rivas perciben a necesidade da beleza, alí onde a nosa mirada atopa o seu lugar, o lugar que habitamos cada vez que percorremos unhas páxinas abriantes na súa súa capacidade artística, mais tamén no devezo dunha editora como Kalandraka por dar resposta á necesidade creativa de Xosé Cobas e as súas gradacións de negros. Matices dunha escuridade que nos envolve, nos captura e engaiola, pero que tamén xoga a xerar en nós unha sorte de turbación, un desasosego ao estilo de relatos como os de Julio Cortázar, en especial esa inesquecible ‘Casa tomada’, e do que saímos cando atopamos esa primavera no exterior, ese novo tempo aberto ante nós e que seguirá como un novo tránsito cara as palabras finais de Manuel Rivas: «Na casa do Soño dunha sombra o andar do pensamento iridescente produciu un novo tempo».

Poucas veces unhas poucas páxinas se volven tan inspiradoras, tan fascinantes para quen se achega a esa escuridade que nos aproxima a unha evolución vital en forma de clan, de xeracións dunha familia que converten unha casa en parte deles mesmos e agora, dende o maxín de Xosé Cobas, nos convida a coñecer ese ámbito tan íntimo convertido nun libro para ser habitado.