A luz dunha nova paisaxe

Rut Massó amosa de novo a súa calidade artística nunha mostra na compostelana galería Luisa Pita na que a paisaxe, dende unha arriscada exploración da luz, amosa novas posibilidades e reflicte a capacidade da creadora viguesa para percorrer novos camiños.

Dende a súa saída da pontevedresa Facultade de Belas Artes, da que formou parte da súa primeira promoción, o seu nome foi un deses destacados aos que había que seguir ao posuír un visible talento ao que había que engadirlle a capacidade de exploración de diferentes posibilidades da creación artística. Lonxe de moverse por camiños xa esgotados, aínda que estes levasen ao éxito e o recoñecemento con menos esforzos, Rut Massó (Vigo, 1970) elixiu o do desfiladeiro do esforzo, da continua formación, do exilio vital e académico para seguir coa súa proxección, mantendo hoxe en pé ese facho de resistencia.

Dende Múnic, a súa residencia principal, cada certo tempo asoma a súa obra por unha Galicia que segue sendo vital e necesaria para a súa comprensión da realidade. Un contacto con máis ou menos intensidade no tempo que se reforza cando a artista ten algo que comunicar a través das súas obras, desas inquedas exploracións plásticas que nunca deixan de abraiarnos. E de novo volve facelo coa escollida e ben pensada mostra que expón na galería Luisa Pita, na rúa Cardenal Payá de Compostela. Unha cidade que é pura paisaxe urbana e humana, e que no interior deste espazo abre unha nova dimensión que, tendo en conta os tempos de abafante turismo, convértese nun auténtico respiradoiro, xa que permite enfrontarse a unhas visións silenciosas, herméticas, se se quere, pero nas que nós mesmos nos atopamos fronte a unha nova concepción da paisaxe na que a luz o configura todo, esa que traballa sobre unhas superficies onde a reflexión sobre o feito e sobre a nosa visión coinciden nun instante dunha experiencia compartida que nos leva a asistir a todo un proceso evolutivo da nosa superficie terrestre, na que espazo e tempo activan tamén toda unha imaxineria sobre os procesos evolutivos do noso planeta.

A espectacular obra que nos recibe dende a mesma rúa, na que un inmenso cactus en primeiro plano xera unha tensión cunha abraiante paisaxe no fondo do cadro, é un atractivo máis que suficiente para contemplar o que nos imos atopar no interior da sala que, xunto con outra obra dun ton semellante, propón unha nova lectura desa paisaxe física que se converte, de xeito decidido, nunha paisaxe plenamente sensorial, de ausencia de formas, de experimentacións que van a traballar dende unha modulación xeométrica na traslación dese supercontinente denominado Pangea que se fracturou ata a actual conformación física do planeta. Do mesmo xeito Rut Massó singulariza cada unha desas placas tectónicas e amosa unha paisaxes dominadas pola ausencia con cadros colocados formando tamén unha territorialidade física na propia parede, con conxuntos de obras mentres outras aparecen illadas e nas que outra compoñente que adoita estar presente nos seus procesos creativos, o azar, ten moito que dicir. Un azar que condiciona o resultado final, que permite á propia obra establecer as súas condicións co artista e que, finalmente, amosa unha riqueza visual impredecible ao afastarse dunhas ríxidas coordenadas establecidas polo artista.

O presente futuro, nome desta mostra, é a luz dunha nova paisaxe, a maneira de explorar aquilo que nos pode parecer xa esgotado pero ante o que Rut Massó, dende novos procesos de traballo con tecnoloxías como o láser, permiten acadar novas conclusións que se mergullan nesa concepción filosófica sobre a evolución da Terra. Unha aposta por un tempo poucas veces materializado de xeito físico, dende unha visibilidade temporal que se concreta en cada unha destas superficies nas que só a luz é quen de darlle todo o seu sentido. Protagonista dunha realidade que a arte sitúa ante nós como o elemento físico que nos une cunha orixe e cun remoto pasado que Ruth Massó converte en presente, un presente no que de novo volve a brillar como ese nome que sempre sorprende co que fai, que sempre se revela como un dos nomes fundamentais da nosa plástica contemporánea.