lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Medicina e compromiso

Unha mostra no compostelán Colexio de Fonseca lévanos a coñecer o protagonismo da familia Baltar dentro do campo da cirurxía, pero tamén de eidos como os da asistencia social ou o compromiso coa cultura como partes da boa saúde de calquera sociedade.

ADOITAN as cidades ter nas súas sagas familiares boa parte da súa conformación como sociedade. Un xérmolo, dende a formación académica dos seus compoñentes, de progreso e acción cara a mellora de todo aquilo que nos artella como colectivo. Un caso paradigmático desas sagas familiares é o da casa Baltar que, coa súa orixe en Padrón, así como as estancias estivais en Rianxo, e a súa actividade profesional e persoal en Compostela, fixeron do seu labor no eido da medicina toda unha referencia, incluso máis alá da nosa terra, e cuxa sensibilidade tamén se prolongou a espazos como os da cultura ou a axuda social a aqueles que o precisaban en tempos moi complicados como os das décadas centrais do pasado século.

Comisariada por Pepe Barro, que de xeito intelixente acada o facer moi atractiva a visita do público a unha mostra cunha fonda pegada didáctica. A exposición ten un elemento de relevancia na súa orixe, xa que toda ela é a consecuencia dun dos grandes libros da nosa escrita recente, como é o asinado por Suso de Toro Un señor elegante (Xerais), no que se centra na biografía dunha das figuras protagonistas desa saga, Ramón Baltar. A partir desa semente leveda todo un proxecto que na novela xa se evidenciaba, como era a actitude de compromiso de toda esta familia coa súa contorna a partir da súa profesión, nun primeiro lugar, e logo dende ese compromiso evidente co ser humano. As figuras do médico cirurxán Ángel Baltar e os seus fillos, tamén médicos, Antonio e Ramón Baltar, artellan Deber de Baltar. medicina e compromiso que se poderá visitar ata o día 16. 

Cando me acheguei vela coincidín de xeito casual cunha visita que dirixía o propio Suso de Toro con membros da familia Baltar, descendentes dos protagonistas da exposición e nos que se evidenciaba na súa faciana o orgullo por todo o feito por aqueles que os precederon e que podemos comprobar baixo o impresionante artesoado do teito de Fonseca, onde, a través dun vistoso deseño preséntanse cada unha das facianas da familia. A biblioteca dos Baltar, o seu sanatorio, o compromiso político, o compromiso cultural ou o exilio son algúns dos motivos que enchen de materiais unhas vitrinas nas que se agocha a forza de cada un deles, capaces de transmitir a presenza humana arredor dunha profesión como a medicina e as diferentes paixóns encarnadas en ámbitos como o cultural, no que, xunto con materiais editoriais ou mesmo gráficos, tamén se amosan unha serie de pinturas de autores como Maside, Castelao, Carlos Sobrino, Corredoyra ou Villafínez que envolven o conxunto transmitindo a sensación que evoca o tempo pasado.

Nun ciclo tan longo de vida –a exposición móvese entre a metade do século XIX e a morte de Ramón Baltar en 1982–, houbo momentos de esplendor e momentos dolorosos

Complétase ese espazo co da antiga capela do Colexio de Fonseca adicado ao refuxio de Tanxil en Rianxo, alí onde o chalé de verán acollía, en determinadas épocas do ano, a todo o clan, así como a numerosas visitas de médicos, artistas ou políticos nunha contorna privilexiada fronte ao mar de Arousa, fronte a un horizonte no que todos eles soñaban con conquistar as mellores cotas de dignidade do ser humano e dunha terra que sempre estivo como motivo último da defensa da súa actividade. De novo atopamos un espazo no que o espectador goza ante o que ten diante, e no que a proposta expositivo permite achegarse de xeito case que físico ao que se pretende contar. Unha sucesión de pequenas pantallas, nas que se visualizan videos realizados nesas horas de lecer, acadan no espectador esa sensación de refuxio no que acadar a felicidade e onde recompoñer as forzas e a figura fronte ao resto do ano.

"Nun ciclo tan longo de vida –a exposición móvese entre a metade do século XIX e a morte de Ramón Baltar en 1982–, houbo momentos de esplendor e momentos dolorosos. Reconstruír estas situacións e dilemas resultou un labor delicado, pois cuestionaba a memoria familiar tal como chegara", afirma Suso de Toro. Temos, daquela, a memoria como berce primeiro dunha novela na que o escritor afinou todo o que tiña que ver coa realidade, e agora unha exposición coa que materializar dun xeito físico toda esa paisaxe humana que escritor construíu nunha novela que amosa como as historias máis insospeitadas son quen de propoñer toda unha serie de chanzos dende os que os propio sangue dos protagonistas recoñeza todo o feito e, a carón deles, unha sociedade que sempre adoita ter moitas débedas pendentes con certos protagonistas da súa historia.

Medicina e compromiso
Comentarios