miércoles. 19.02.2020 |
El tiempo
miércoles. 19.02.2020
El tiempo

Memoria da noite

Eloy Enciso, coa súa última película, Longa noite, acada outro fito no recoñecido cinema galego. Un filme de fonda intensidade que pescuda nas historias da Guerra Civil dende a hibridación dunhas fascinantes imaxes e unha escolla de textos vencellados aos anos posteriores ao Golpe

SÓ DENTRO da noite tería sentido unha película como esta. Só entre a escuridade os textos que se enguedellan coas imaxes acadarían a súa completa significación. Palabra e imaxe que Eloy Enciso compón como un todo de xigantescas consecuencias, unha maridaxe que nos fai ollar enfite aos ollos da besta. Aos ollos do franquismo.

Longa noite renova o extraordinario momento que vive o noso cinema, sendo xa premiada en diferentes festivais como os de Locarno, Sevilla ou Lima. Películas marabillosas, rodadas na nosa xeografía, coa nosa xente e na nosa lingua. Películas que son todo un orgullo e que falan da capacidade da arte para facer país, para sentírmonos baixo unha identidade común que é quen de xerar traballos fermosos e apaixoados, pero tamén necesarios para seguir medrando como comunidade. Desta vez o director fai que ese orgullo sexa dobre. Primeiro pola innegable calidade do seu traballo, e despois pola temática elexida, a recuperación dunha serie de elementos vencellados á memoria histórica que xorde das noxentas consecuencias do alzamento militar contra un goberno lexítimo, e como iso nos sumiu nas escuras fauces dun sistema ditatorial que nos adentrou na longa noite de pedra que tan ben definira Celso Emilio Ferreiro.

Por esa noite camiña Anxo, interpretado —na súa sorprendente estrea actoral— polo artista plástico Misha Bies Golas. Exerce de fío condutor dunha serie de historias que nos levan a aquela paisaxe humana xerada despois da Guerra Civil, que en Galicia xa sabemos non foi guerra, senón represión e persecución dende o primeiro momento. Anxo atopa, nese camiñar na noite, cunha serie de personaxes que poñen na súas bocas unha grupo de textos ben seleccionados dende unha tripla dirección: escritos feitos polos exiliados, aqueles que nun primeiro momento podían falar libremente do que acontecía en Galicia; textos de obras teatrais e cartas que reflectían, cunha arrepiante sinceridade, cales eran os ánimos naquela contorna terrorífica. En definitiva, atopámonos palabras de Max Aub, Alfonso Sastre, Rodolfo Fogwill, Luis Seoane ou Ramón de Valenzuela, entre outros.

Palabras que alumean nesa noite como estrelas da dor, da miseria, da incertidume, do medo ou da paixón. Palabras que nos suxeitan ante unha pantalla que se enche dunha inmensa fotografía da man de Mauro Herce —o mesmo creador da tan gabada O que arde e un dos nomes protagonistas das achegas deste cinema galego incandescente— capaz de xerar unha hipnótica paisaxe, dende o deslumbramento desta terra que baixo a neve, navegando polo cauce dun río pintado pola lúa, fronte a un rebaño de vacas sobre a herba ou ante un ceo estrelado, convértese nun personaxe máis. Tamén no amoado co que Galicia nos agasalla para envolver o milagre que supón vivir nesta terra, pero, ao mesmo tempo, esa paisaxe, esa natureza entre a compoñente mítica e o panteísmo, configúrase como unha sorte de fuxida cando o que nos rodea é o horror. O único lugar onde a beleza pode atopar un triunfo eterno na resistencia ante o ser humano e as súas miserias morais.

A ese horror fai referencia a película, o das vítimas, pero tamén o dos que non saíron mal parados, colaboradores necesarios cuxas escusas difuminan as fronteiras entre o ben e o mal, amparándose nunha ética que sucumbe cando o medo se converte en palabra, cando ese mal chamado ser humano fai do seu semellante alguén que dominar para acadar o poder, para xestionar un xeito de dominación egoísta e cruel.

Imaxe e palabra son o soporte desta película pausada, calma no seu ritmo, na que a atención do espectador concéntrase nesa conxunción de elementos que, como os daqueles cantares de cego, que adoitaban atoparse nas portas das igrexas, relataban os sucesos da comunidade. Así comeza a película, a carón dunha igrexa, con dous pobres falando dun país de miserias e vinganzas, de xentes que se destruíron a si mesmas para adentrarse nunha longa noite que tan necesaria é coñecer. Sen virarlle a cara, ollándoa fixamente, tal e como é que de facer Eloy Enciso. Unha mirada a Galicia dende o arrepío, na que só un anaco de natureza achega algo de esperanza, como unha estrela fugaz na noite escura que xa é pasado, pero que pode ser presente.

Memoria da noite
Comentarios