A mirada clara de Nicolás Muller

Jóvenes. Foto de Nicolás Muller /EUROPA PRESS
O Museo do Mar de Galicia de Vigo acolle unha selección de imaxes do fotógrafo de orixe húngaro Nicolás Muller, quen ao longo dunha xeira a medidados do século pasado por diferentes vilas de Galicia realizou un meritorio traballo documental dun tempo e dunha sociedade

Presentan as fotografías de Nicolás Muller unha honestidade visual que é o primeiro que chama a atención deste traballo que permite asomarse a un tempo no que a xente en Galicia tentaba desenvolver a súa vida nas décadas posteriores á Guerra Civil. O percorrido que este fotógrafo, fuxido das gadoupas do nazismo, realiza por diferentes vilas da nosa terra, sempre centrado no traballo e na vida dos estratos máis humildes da nosa sociedade, deixa ante nós máis de setecentas fotografías das que agora unha escolla de 50, permite, a carón da ría de Vigo, onde tomou moitas desas imaxes, comprobar a súa calidade técnica e, sobre todo, a sinceridade dunha mirada directa cara a xente, auténtica protagonista do seu proxecto, e mesmo comprometida con todas esas persoas que adoitan estar afastadas dos discursos oficiais, ou das crónicas dese tempo que tentaba fixar a súa ollada en cuestións más vencelladas ao progreso, as melloras urbanas ou a vida máis sofisticada nas grandes cidades.

Nicolas Muller en Galicia amosa parte do encargo feito pola editora Clave para facer unha serie de libros a xeito de guías que servisen de testemuño da vida en diferentes territorios de España. Curiosamente o proxecto do que se editaron seis dos doce libros previstos, non chegou nunca a publicar o volume adicado a Galicia, pero as fotografías resistiron o paso do tempo, e este fotógrafo desenvolveu o resto da súa vida en España, morrendo en Llanes no ano 2000, tras unha longa traxectoria participando en diferentes proxectos editoriais e mesmo tendo unha intensa relación con diferentes protagonistas da escena artística, como escritores, pintores, poetas ou intelectuais, aos que tamén adoitaba fotografar. Habitual de tertulias no madrileño Café Gijón, próximo ao núcleo da Revista de Occidente, o seu nome forma parte dunha longa listaxe de fotógrafos de orixe maxiar que amosaron e se viron obrigados a desenvolver o seu traballo en diferentes latitudes do mundo, mostrando unha extraordinaria técnica, unha ollada artística e unha relación moi directa coas clases máis desfavorecidas de cada unha das sociedades nas que viviron.

A Galicia chega nos anos sesenta, a España o fixera en 1947, tras pasar por Francia, Portugal e Tetuán, e froito desa presenza será o seu legado que se integra no Archivo Rexional da Comunidade de Madrid e que xunto ao compromiso da súa filla, Ana Muller, tamén fotógrafa, se reivindica ese traballo certamente moi descoñecido para gran parte da sociedade. A gran exposición que se ofreceu no Museo de Belas Artes de Asturias, ou recentemente na Cidade da Cultura de Compostela, amosou a relevancia das súas fotografías así como a importancia para o mellor coñecemento da evolución dos diferentes territorios nos que se pousou a súa mirada.

No catálogo desa mostra, da que unha parte é a que temos agora no Museo do Mar de Galicia de Vigo, José María Parreño, baixo o atinado e descriptivo título de Unha mirada clara, ofrece varias claves dese traballo, marcado sempre pola súa orixe, pola fuxida da súa patria e a pertenza a unha clase humilde que, ao fin e ao cabo, foi a gran protagonista das súas fotografías, unha parte da sociedade que no caso que nos ocupa estaba inmersa nun proceso de transformación. As súas fotografías tamén procuran un aspecto máis profesional e documental que artístico, como se iso fose unha distración do motivo real que impulsou a súa determinación para tomar unha fotografía e mantendo sempre un compromiso coa súa propia condición de exiliado.

Mariñeiros en Combarro, mulleres traballando na factoría de conservas de Massó en Cangas, arranxos de redes no porto do Grove, a lonxa de Vigo, mariñeiros en Marín, o porto do Berbés tamén en Vigo coa súa fisonomía xa perdida, ou traballos de repoboación forestal en Pontevedra, son algúns dos motivos que protagonizan estas fotografías nas que Nicolás Muller apostaba por unha posición intermedia entre a España escura procedente desa tradición artística e mesmo de miserias sociais e a España branqueada polo propio réxime franquista, atopando no traballo da xente a evidencia dunha realidade coa que nos conecta a súa mirada, honesta e limpa.