Opinión

A mirada persoal de José Suárez

Unha exposición fotográfica no Museo de Pontevedra adicada a José Suárez amosa a súa capacidade para reflectir ámbitos humanos do mundo baixo unha óptica singular, chea de sinceridade, cunha abraiante resolución técnica.
josé suárez Táboa
photo_camera josé suárez Táboa

GALICIA, Arxentina, Xapón ou A Mancha son algúns dos diferentes espazos que nos convocan ante a fotografía de José Suárez  (Allariz, 1902-A Guardia, 1974). Xeografías, territorios e xentes diversas que, sen embargo, vense fiadas por unha mesma ollada que se mantivo fiel ao longo dos anos. O branco e negro, os encuadres, as miradas dos protagonistas alleas á presenza do fotógrafo, a dignidade da figura humana ou a perfección técnica, van estar sempre presentes nun dos traballos máis destacados da nosa historia fotográfica, dun José Suárez ao que podemos considerar como o máis internacional dos nosos fotógrafos.

A exposición, que enche dúas salas do Museo de Pontevedra e que estará aberta ata o 12 de abril, permítenos facer un axeitado percorrido por esa itinerancia vital, polo seu labor notarial dende a fotografía, e todo iso baixo o comisariado de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, expertos coñecedores dun traballo que ben merece exposicións e, sobre todo, a divulgación dunha obra sobranceira no noso eido fotográfico. Se o máis coñecido de José Suárez son a súa fotografía de Miguel Unamuno, sentado ante a paisaxe castelá, ou a súa serie do universo do mar feita en Bueu nos anos 30, mostras como esta serven para ampliar os horizontes dese coñecemento tan ben proposto polo comisariado como na mesma resolución da montaxe. A secuenciación dos diferentes tempos na vida de Suárez a través das fotografías feitas en cada unha desas estacións de paso, xunto a unha serie de vitrinas que recollen documentos ou publicacións relacionadas co seu traballo, permiten recompoñer unha identidade a reinvindicar cada certo tempo e dende ela seguir afondando nunha produción que non deixa de abraiar pola súa perfección técnica e polo interese polo ser humano e amosar a súa dignidade en cada un dos ambientes nos que se rexistra.

Vela unha e outra vez é un prodixio. A súa serie Mariñeiros, tomada nos anos 30, permite non só admirar toda unha estética da imaxe, senón tamén recuperar un posicionamento fronte á vida daquelas persoas convertidas nestas fotografías nunha mestura de mártires e heroes. Mártires pola dureza do seu traballo, a súa conexión cunha natureza á que se enfrontan, así como polo seu traballo coas súas ferramentas, cunha serie de obxectos que na súa significación estarán moi presente ao longo de toda a carreira fotográfica, e heroes por como se amosan, pola formulación dos encuadres e por como se observa estes seres con posicións de cámara que lembran o que nese momento se facía no universo das vangardas, como poden ser as soviéticas. Aí veñen á nosa mente os filmes de Eisenstein no que os picados e contrapicados recortando as figuras baixo o ceo suliñan a dignidade de todos estes personaxes.

Xapón, todo un descubrimento co que empatiza moi ben na procura dunha intimidade que cada vez máis vai compoñer o seu carácter introspectivo

O golpe militar obriga a José Suárez a marchar ao exilio. Unha viaxe en barco dende Lisboa á Arxentina no que coincide con pintor Manuel Colmeiro, do que hai un fermosísimo retrato na mostra, nunha parte final que recolle ese labor de retratista. Arxentina, Chile ou Montevideo serán escenarios do seu traballo. De novo a xente centra o seu quefacer na Pampa, os gauchos ofrecen outro muestrario do traballo no campo. Diferente será en Chile co seu gusto pola neve, cunhas fotografías dunha gran modernidade neses escenarios brancos no que a neve compite co propio branco e negro das imaxes. Instálase en Punta del Este e de alí marcha a Xapón, todo un descubrimento co que empatiza moi ben na procura dunha intimidade que cada vez máis vai compoñer o seu carácter introspectivo. Serán dous anos dunha espiritualidade diferente, un tempo conxelado que, sen embargo, quedará sempre presente no interior do fotógrafo ata o remate dos seus días.

Regresa a España en 1959 e sente o afogo do franquismo. A súa serie feita na Mancha, baixo o influxo do Quixote, amosa ese espírito dun país pantasma. Paredes brancas polas que esvara a luz mentres as figuras humanas, como puntos negros, salfiren toda esa paisaxe. A súa denuncia do Réxime tamén ten cabida na nosa terra. Fotografías en Compostela de sotanas, cadeas e sombreiros que renovan a súa complicidade cos obxectos. De novo volta os Mariñeiros e o seu tempo se esgota dentro dunha precariedade económica e o seu carácter depresivo. En 1974 suicídase nun hostal. Nun dos seu petos o prólogo que Unamuno escribira para o seu primeiro libro e unhas sinxelas liñas coas instrucións para o seu enterro. Desaparecía o branco xa só quedaba o negro.

Comentarios