Opinión

Modelos para a viaxe da pintura

A exposición Models on paper na compostelana galería Luisa Pita reflicte a importancia, tanto do modelo empregado na súa representación pictórica, como o proceso que desemboca na obra final de Quintana Martelo, convertido nun notario da realidade.
Rozas

A OBRA DE Quintana Martelo asume sempre o seu compromiso coa realidade. Unha alianza fiel que ao autor lle serve para confirmar esa necesidade de todo artista por medirse coa súa contorna, co ser capaz de rexistrar, coas súas ferramentas, un ámbito vital e de traballo que na súa traslación ao soporte permita ao artista conquistar novas posibilidades.

Nos últimos meses asistimos á mostra Containers que Quintana Martelo clausura neste remate de febreiro no Museo Marco de Vigo. Toda unha rede tecida co contexto urbano baseado na representación de diferentes contedores de obra, alí onde se disolven as cidades, aos que apenas lles damos importancia, como parte do noso mobiliario urbano, como un elemento cotiá dunha realidade pola que demasiadas veces pasamos como autómatas sen prestarlle a atención precisa, xa non só nas súas utilidades prácticas, senón tamén nas súas posibilidades plásticas. Así o artista replica ese elemento tomado de diferentes rúas e vilas nun extenuante proceso de multiplicación formal que permite xogar cun elemento único e multiplicar o seu potencial creativo pero, sobre todo, multiplicando as posiblidades do espectador sobre a realidade.

Iso mesmo atopamos na máis modesta mostra, pero igual de poderosa en canto á súa proposta artística, que acolle a galería Luisa Pita, na que se muda esa proposta exterior polo interior do estudio, alí onde o artista atopa, no seu propio contexto, os modelos precisos para levar a cabo o seu proxecto pictórico. Un prato con pinceis ou unhas zapatillas de deporte asumen ese protagonismo que no Marco tiñan os contedores de rúa e convértense nesa pegada xa eterna nunha superficie como o papel que aumenta esa sensación de lixeireza que lle senta tan ben a estes motivos, aparentemente intrascendentes, pero que tras pasar pola man do pintor, transfórmanse en afoutadas formas, en realidades que deixan de ser cotiás e anecdóticas para ser un modelo artístico maiúsculo.

O bosquexo, o papel, o motivo e o resultado final son os catro puntos cardinais desta mostra

A capacidade de Quintana Martelo por reflectir a realidade dun xeito mimético foi sempre unha das súas características formais. Excelente debuxante, as súas flores, libros, pinceis ou calquera elemento elexido foron sempre un emocionante feito pictórico que amosa o gusto polo oficio e a loita por afrontar ese desafío do real. A compoñente pop, tamén marca da casa, serve para darlle a frescura precisa a eses obxectos retratados que se integran nunha superficie na que se valora moito o fondo, o espazo que rodea o motivo representado e que amosa un proceso de conceptualización dese contexto para nada sinxelo. Ao seu carón, un novo cadro asoma a través das cores e das manchas que artellan unha sorte de abstracción que se enfronta á proposta do real.

Outro dos elementos singulares desta mostra é o referente ao propio proceso, a cómo o artista nos sinala o camiño que se percorre para armar a súa obra. Así é como a carón da peza final se amosa un pequeno apunte no cal se mide, nun primeiro momento, o pintor, xa non só co motivo, senón tamén coa súa propia idea. Un chanzo que dará paso á conquista final que se presenta ante nós baixo esa superficie de papel coa que se arma unha especie de mosaico de papeis que no seu conxunto conforman a peza. Un coidado proceso de presentación que se leva ata as chatolas de cores que suxeitan os papeis, nos que ata os seus tons se integran en función das cores da propia obra.

O bosquexo, o papel, o motivo e o resultado final son os catro puntos cardinais desta mostra na que Quintana Martelo expón en que consiste o seu traballo. Pero hai un elemento máis que, ao fin e ao cabo, é o que sobresae por riba dos anteriores. Falo da mirada do pintor, desa capacidade de observación que lle permitirá estudar o modelo e adaptalo a unha idea que active o proceso creativo cara esa meta final en que se converte toda obra como reflexo dun itinerario experimental no que o pintor envorca todo o seu universo. Ese diario da viaxe, que é toda obra de arte, é o verdadeiro motivo para pintar, para conquistar un modelo que pintar.

Comentarios