Na procura de Mateo

Pieza de Acisclo Manzano. RAFA FARIÑA
Unha espectacular mostra no Museo de Pontevedra reflicte a longa traxectoria de Acisclo Manzano que o converte nun dos escultores de referencia en Galicia. A diversidade de materiais e a tensión entre realidade e abstracción converte as súas obras en únicas.

SEMPRE ESTÁ ben que un artista teña unha meta que superar. Claro que canto máis ambiciosa sexa esta máis obrigará a ese creador a tentar extraer del mesmo o máximo. O ourensán Acisclo Manzano con 84 anos aínda non alcanzou esa meta que se impuxo cando comezou a ser escultor, nin máis nin menos que a de acadar a xenialidade do Mestre Mateo, quen considera que aínda está sen superar. O Museo de Pontevedra vén de inaugurar unha extensa mostra para poder comprobar os esforzos que dende finais dos anos 50, este escultor desenvolve para conseguir esa meta, que xa se debe entender máis que como un fin como un impulso permanente á hora de converter a escultura nun xeito de expresión e de interpretación do seu contexto vital.

Percorrer estas dúas grandes salas, coas 66 pezas dispostas en solitario ou en diferentes grupos, semellando conversar entre elas, nos fala, xa non só do bo facer do artista, senón dun inxente labor de comisariado da man de Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, que xa nos amosara a súa profesionalidade nunha anterior mostra doutro xigante da escultura galega, como Silverio Rivas, neste mesmo espazo. Un traballo que permite compoñer novas lecturas entre as obras e os tempos de Acisclo Manzano, a través deses diálogos entre as pezas, con novos puntos de observación con obras en posicións elevadas, outras a pé de chán, e cun abondoso traballo de localización de pezas en diferentes coleccións privadas e institucións que converten esta exposición nunha oportunidade seguramente única para reconfigurar a nosa perspectiva do escultor e dos seus fillos, como el mesmo lles chamou a todas estas pezas coas que se volve a atopar nunha sala de exposicións despois da saída do seu obradoiro.

Achegarse á figura de Acisclo Manzano nos leva de xeito inevitable ao seu ámbito ourensano. A aquel conxunto de creadores que Vicente Risco bautizou como Os Artistiñas con nomes como os de Xaime Quessada ou José Luis de Dios. Un tempo de bohemias vitais e resistencias sociais cun forte compromiso con Galicia e os seus sinais de identidade e coa clara intención de renovar a arte galega. A figuración na escultura de Acisclo Manzano comezou ben cedo a provocar o impacto no espectador, a conmover mediante a extracción do interior do material de expresións físicas vencelladas coa violencia, a angustia ou a soidade. Acisclo Manzano sempre tivo ben clara esa necesidade de configurar un vieiro propio, unha linguaxe que o definise a el no seu tempo, pero a súa intelixencia tamén lle fixo entender que no clasicismo estaban ao seu dispor moitos elementos que tratados con audacia so virían a sumar no seu proxecto. E iso Acisclo Manzano compróbao de maneira directa con numerosas viaxes nas que visitaba a Fidias, a Giacometti, a Brancussi, a  Henry Moore ou a Oteiza, e, como non, a ese Mestre Mateo irradiador, dende o seu atemporal Pórtico, dunha enerxía que é a que tanto tempo despois todavía provoca nel o desexo de seguir traballando os materiais, tentando descubrir os segredos que conteñen no seu interior.

E se falamos de materiais ese é, xunto á confluencia entre realidade e abstracción nas súas obras, o seu outro gran desafío. Madeira, barro, metal, bronce, chumbo... sucédense nas súas obras concedéndolles a cada unha delas o primixenio valor e valores que posúen cada un destes materiais. Xa non só polo que se pode acadar durante o proceso de traballo, senón o que el mesmo aporta en canto as súas superficies e valores plásticos e como o escultor pode deixar sobre elas as súas diferentes pegadas. Acisclo Manzano traballa moito con esa percepción do paso do escultor pola peza, incisións, rañaduras, buratos... cada obra amosa esa intimidade co escultor no seu taller. O certo é que Acisclo en 66 pezas deixa no espectador unha pegada firme en canto á relevancia do escultor que, se a poñemos en relación coa escultura en Galicia nas últimas décadas, ocupa con poucas dúbidas un lugar de privilexio. Pero nesta ocasión son especialmente engaiolantes os seus frisos das Ninfas, cheos de sensibilidade e sutileza e unha comprensión do propio material que explica de maneira fermosa como Acisclo Manzano busca diferentes camiños para conseguir a súa meta, esa que chegará algún día, ou non, o de menos é poñer ombreiro con ombreiro co Mestre Mateo, o importante é contemplar unha asombrosa produción.